26/01/15

O concelleiro non recibe e aquí non se percibe!


Logo de que o Comité de Empresa leve dez días agardando a que o concelleiro de Persoal o reciba solicitará nos vindeiros días unha reunión co máximo responsable do goberno municipal, o alcalde, Ramón García a ver se con este hai máis sorte, de cara a lle poder trasladar a súa preocupación polos moitos temas que están no aire e que durante tres anos e medio o goberno municipal asegurou que ía amañar nesta lexislatura.

Non é a primeira vez que o Comité tarda semanas en ser recibido polo concelleiro de Persoal, do que case nin percibimos a súa existencia, xa que non é quen de responder ás solicitudes do Comité de Empresa, da CIG nin dos propios traballadores a título individual... como desde o goberno fagan o mesmo coa veciñanza compadecémola, mais se non son quen nin de atender a quen traballa no Concello o que será dos de fóra!

Atrás queda aquela entrevista que Diego Fernández publicara nun xornal local ao comezo da lexislatura dicindo que se abría unha nova etapa de diálogo co persoal que non houbera co anterior goberno. O certo é que desde a CIG descoñecemos as relacións do Comité anterior co goberno nin o diálogo que había ou non, si que sabemos que escrito non había nada e aínda pagamos as consecuencias hoxe en día, mais se algo está claro é que se o diálogo co persoal supón agardar dez días a que che reciban hai quen necesita revisar o dicionario para comprender o significado das palabras.

É posible que tamén pasen outra cousas, pasou un ano, aló foron 21 000 euros, seguimos sen convenio, sen RPT, sen noticias e sen saber nada, máis que isto foi un negocio para alguén e que a contratación dunha empresa como Galivalia non beneficiou até o momento nin o máis mínimo ao persoal deste Concello, co consentimento explícito do alcalde e todo o goberno municipal que acordou contratar esta empresa cuxos resultados do traballo até o momento descoñecemos.


O que está claro é que os vindeiros meses van ser cruciais para destapar as verdadeiras intencións das promesas do goberno en materia de persoal, mais por moito que lle intenten dar unha reviravolta, que aínda están a tempo de amañar moitos dos problemas existentes, o triste transcurso desta lexislatura en materia de persoal non deixa atrás máis que discriminacións, conflitos, aperturas de expedientes e belixerancia cunha parte dos representantes dos traballadores, así como pasividade ante moitas situacións que poderían ter sido resoltas mais coas que, a fin de contas, parece que o único que se vai deixando é correr o tempo sen tomar decisións nin ofrecer solucións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario