Continúan as negociacións do convenio colectivo coas contrapropostas do Concello
O Comité de Empresa reunido de xeito extraordinario onte pola mañá, logo que Galivalia lle enviase unha proposta de convenio o pasado día 5 de febreiro, depois de meses de inactividade, acordou continuar coa negociación logo da contraproposta económica presentada polo goberno municipal, ao entender que a asemblea de traballadores é a que ten que decidir se este novo convenio é o que quere, mais para presentalo primeiro é preciso que o goberno aclare algunhas das cuestións que presenta e modificarían as retribucións e que non veñen explicadas no texto achegado.
Sorprendeu na reunión de onte que un dos delegados da UGT parecía non estar disposto nin a seguir para adiante cunha proposta económica que, a priori, axustaría algunhas discriminacións retributivas existentes entre o persoal e afectaría a máis da metade do cadro de persoal de laborais, e aínda que é verdade que a CIG presentou unha primeira contraproposta con moito máis alcance que esta última, entendemos que como representantes dos traballadores non somos ninguén para rexeitar de raíz as propostas e quen debe decidir se está de acordo ou non co convenio é asemblea de traballadores, que será a fin de contas que o acordará asinalo ou non co Concello. Polo visto este compañeiro prefería, debido a uns motivos que descoñecemos, rexeitar unha proposta cuxo punto de partida é unha pequena igualación retributiva en determinados postos de traballo, así como a solución a algúns dos problemas históricos de discriminación salarial entre homes e mulleres, como o caso grupo 5. É unha mágoa que haxa delegados sindicais para os que son máis importantes os intereses individuais que os colectivos, e que tomen decisións en función de persoas e postos de traballo concretos no canto de mirar pola mellora do colectivo do persoal laboral.
Finalmente co apoio de delegados da CIG e UGT e a súa única abstención decidiuse instar ao Concello a que con urxencia se retome a negociación e achegáronse as observacións pertinentes en espera de resposta do Concello. Tamén se lle enviou esta mesma documentación por correo electrónico ao concelleiro de Persoal, Diego Fernández, ao Departamento de Persoal e mais ao representante da empresa Galivalia, Javier Ferreira xunto co seguinte correo:
Bo día,
Hoxe mesmo o Comité de Empresa acaba de rexistrar unha solicitude urxente da Comisión Negociadora do convenio colectivo do persoal do Concello de Betanzos logo do acordo tomado na súa reunión extraordinadinaria que tivo lugar onte 10 de febreiro de 2015. Así mesmo, xunto con esta solicitude achegou unha serie de observacións con relación á proposta de texto enviada por Galivalia con data de 5 de febreiro de 2015.
Desde o Comité de Empresa consideramos que para continuar coa negociación deste convenio é preciso axilizar os prazos e mais reunirnos canto antes de cara a negociarmos diversos aspectos que aínda fican sen pechar, así como recibir as explicacións oportunas que nos faciliten o entendemento do Anexo I de retribucións enviado a pasada semana.
Sen máis agardamos que o Concello nos reuna con carácter de urxencia nos próximos días de cara a continuar coa negociación do convenio colectivo.
Enviámosvos o documento rexistrado e ficamos á espera dunha áxil resposta a este tema tan crucial para o persoal laboral do Concello de Betanzos.
Un saúdo cordial
Silvia Muíño Naveira
Presidenta do Comité de Empresa
Podedes consultar tamén aquí o documento rexistrado hoxe mesmo con respecto a este tema:
En todo caso, cando a proposta económica estea finiquitada por parte do Concello e se peche o texto achegaráselle unha copia a todo o persoal previamente á convocatoria da asemblea xeral de traballadores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario