23/03/15

A Asemblea Xeral do Persoal Laboral decide que o Comité asine o convenio colectivo co goberno municipal

O pasado xoves 19 o persoal laboral do Concello de Betanzos decidiu que o Comité de Empresa asinase o convenio colectivo co goberno municipal.

O compromiso da CIG foi desde o inicio da lexislatura que fosen os traballadores e traballadoras as que decidisen se o texto negociado debía substituír ao convenio vixente, que a finais deste ano cumpriría dez anos e así se fixo. Na asemblea todo o persoal asistente votou a favor agás dous delegados da UGT que se abstiveron e desmarcaron así da negociación do convenio no último momento, a pesar de que nos pasados tres anos non amosaran maiores discrepancias co sindicato maioritario do Comité durante a negociación, basicamente porque o seu traballo foi máis ben escaso ou nulo e de pasotismo total ao longo de todo este proceso. Hoxe, igualmente, na Comisión Negociadora do convenio colectivo a CIG mantivo a súa postura de ser a voz dos traballadores e acordar o texto final, tal e como quixo a asemblea xeral, co goberno municipal nunha reunión á que asistiu o propio alcalde.

Pola súa parte, a UGT decidiu absterse e ignorar, así, a vontade do conxunto dos laborais deste Concello que decidiron que querían un novo e mellor marco normativo e retributivo. Non é a primeira vez nin será a última que o sindicato socialista se queixa de que as decisións se voten de xeito democrático mesmo nas reunións do Comité de Empresa, desta volta votouse na asemblea xeral e decidiron ignorar a vontade dos traballadores. Se algo está claro con esta posición é que van por libre e non lles importa o máis mínimo nin o que opinan os traballadores a quen representan. UGT, polo visto, considera que é mellor a situación de irregularidade contractual existente na actualidade e as discriminacións retributivas que leva anos arrastrando este Concello, entre outras moitas cousas, que a existencia dun novo marco normativo que deixe todo máis claro, regularizado e equilibrado e abra a porta á solución dalgúns dos conflitos motivados polas discriminacións existentes entre laborais e co funcionariado desde hai demasiado tempo xa.

Desde a CIG queremos agradecer a asistencia dos compañeiros e compañeiras á asemblea, porque consideramos que é fundamental a participación do persoal nas decisións que lle afectan directamente para que poidan tomar parte activa tamén nos procesos de negociación do Comité de Empresa, igualmente a diversos traballadores que por diferentes motivos non puideron asistir mais que nos manifestaron a súa opinión e apoio neste proceso de negociación que pecha esta semana logo de tres anos e medio. 

Tal e como manifestamos na asemblea o resultado da negociación non é o agardado na súa totalidade mais entedemos que si que supón unha mellora con respecto á situación actual do persoal laboral e que pode servir de bo punto de partida de cara á equiparación co funcionariado tanto en dereitos como en retribucións pola que levamos loitando tres anos e medio e pola que seguiremos loitando mentres teñamos representación sindical, sempre baixo a premisa: IGUAL TRABALLO, IGUAL SALARIO!

Ningún comentario:

Publicar un comentario