A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos vén de presentar unha queixa pola aparición de panfletos anónimos no edificio Liceo con información manipulada, tendenciosa e que non se axusta á realidade sobre algúns postos do persoal laboral. A responsabilidade deste tipo de feitos é do Concello, por tanto, solicitámoslle ao goberno municipal que identifique á persoa ou persoas responsables e aplique as medidas que legalmente procedan para atallar este tipo de situacións.
Comézase a notar o ambiente das eleccións sindicais mediante este tipo de accións que manipulan a información que se lle ofrece ao persoal e que aínda por riba non identifican o colectivo ou persoa que distribúe a información para evitar posibles demandas. Agardamos que o Concello desta volta actúe e non faga como anos anteriores cando fixo caso omiso á solicitude de apertura de expediente a un funcionario municipal ou a diversas queixas que ao longo destes anos se teñen realizado logo de capítulos semellantes como a desaparición da publicidade sindical da CIG.
Tamén, e xa que o horario de verán comeza o vindeiro 1 de maio, solicitóuselle ao Concello que especifique o horario da redución horaria, posto que no convenio non vén especificado, así como a comunicación do sistema de compensación para o persoal que por motivos de servizo non pode realizar esa redución de xeito diario, que en anos anteriores foi persoal de axuda a domicilio e Escola Infantil Municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario