27/07/15

Demasiadas dúbidas con respecto á contratación do patrón

O Comité de Empresa por iniciativa da CIG vén de rexistrar unha serie de cuestións con respecto ao contrato de patrón, logo de que o Concello lle entregase a copia hai varios días.

Máis unha vez a presidenta do Comité amosou a súa disconformidade con este contrato por diversas cuestións que logo foron trasladadas a través do Comité de Empresa. Hai que lembrar que xa a Sección sindical da CIG fixo unhas alegacións ao devandito contrato que o goberno municipal ignorou amplamente mais o que é máis grave aínda é que o Comité solicitou documentación por rexistro que o Concello a día de hoxe aínda non lle facilitou, como é a seguinte:

-A proposta do concelleiro de Persoal para a contratación deste persoal
-A información sobre o custo que lle supón ao Concello esta contratación
-A resolución da Alcaldía para a contratación deste persoal
-O informe do secretario municipal e o informe da interventora con respecto a este tema.

A falta da copia desta documentación supón que non se puidesen valorar a fondo os informes correspondentes con respecto a esta contratación e que haxa serias dúbidas sobre ela xa que esta praza non existe na RPT nin se corresponde con ningunha subvención e podería supor que non exista partida orzamentaria para cubrir os salarios do persoal contratado ao abeiro deste proceso.

A maiores, o Comité rexistrou a proposta da CIG algunhas outras cuestións como que nas condicións laborais indícase que o posto é de grupo 3 e asígnase un complemento específico moi superior ao da media do persoal desta categoría que na actualidade presta servizos no Concello e non se indica o que criterio obxectivo dunha suposta equiparación a algún dos postos de traballo con maior complemento específico da mesma categoría existentes na RPT. Isto é especialmente grave se temos en conta que os complementos específicos veñen definidos nunha RPT na que esta praza nin ningunha outra similar existe. Tamén que no contrato indícase que é de luns a domingo, sen ningún tipo de distribución de quendas nin fixación de horarios nin días de traballo nin os descansos pertinentes que indica a lexislación laboral actual. Ademais non se indica cal será a distribución do tempo de traballo e descoñécese, por tanto, o horario laboral deste traballador, e finalmente que o contrato por obra ou servizo debe ter “autonomía e substantividade propia dentro da Administración” e este servizo vense repetindo no tempo e realizando de xeito anual por parte da Administración, que mesmo dispón de embarcación propia, o que podería redundar en que a obra ou servizo non finaliza ao rematar o contrato.

Por todos estes motivos o Comité non puido amosar a súa conformidade co contrato e solicitoulle ao Concello de Betanzos o seguinte:

Que o Concello informe puntualmente e en tempo e forma ao Comité de Empresa das previsións de contratación.

Que se especifique no contrato a distribución da xornada , o horario laboral e os descansos establecidos por lei do correspondente contrato.

Que se aclaren os criterios de escolla das contías dos conceptos retributivos e se indiquen os criterios de asignación do complemento específico que para o resto dos postos vén definido na RPT mais que neste caso non debido a que é un posto que non existe na Relación de Postos de Traballo.

Que se aclare a situación con respecto a esta nova contratación e se aclare o tipo de contrato toda vez que este traballo se vén realizado de xeito periódico e anual no Concello de Betanzos.

Que se dean as explicacións con respecto a aprobación da creación dunha praza sen negociación cos representantes dos traballadores nin aprobación de modificación da Relación de Postos de Traballo por parte do Pleno da corporación.

Que o Concello lle entregue ao Comité de Empresa toda a documentación solicitada no mes de xuño con respecto a este expediente.

Desde a CIG levamos xa cinco anos loitando porque todo o relativo aos procesos selectivos sexa de coñecemento público e certo é, que non sen reclamacións nin denuncias públicas, se teñen dado pasos e mesmo o goberno nos últimos meses optou por corrixir os contratos de xeito que todo o persoal estea ao abeiro do convenio colectivo, algo que desde a CIG levabamos loitando desde que obtivemos representación, mais non é menos certo que é aínda hai un grave problema de comunicación entre goberno e representación sindical no que ten que ver especialmente cos procesos de selección de persoal, toda vez que o Comité é un absoluto descoñecedor das previsións de contratación na maioría dos casos e foi excluído polo goberno socialista hai cinco anos dos procesos selectivos cando anos atrás os Comités de Empresa con maioría da UGT si que participaban, tal e como nos comentaron compañeiros que xa non forma parte do organismo, o que verifica que foi o Comité con maioría da CIG o primeiro excluído dos procesos selectivos por obra e graza dun informe do mesmo secretario que permitía a participación dun membro designado polo Comité cando este tiña a maioría do sindicato socialista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario