A semana
pasada o Comité de Empresa decidiu poñer en coñecemento dos
partidos da oposición a precoupante situación do servizo de limpeza
municipal que camiña cara ao desmantelamento e a
privatización no caso de non se cubriren as baixas e vacantes
existentes e que se deixe de despedir ao persoal contratado.
Logo de que
xa tres partidos da oposición, Betanzos Novo, Bloque Nacionalista
Galego e Compromiso por Galicia amosasen o seu apoio ás
reivindicacións do Comité de Empresa e a súa intención de levar
mocións a pleno na liña de apoio ao servizo como público e de
xestión directa municipal o goberno vén de dar máis un paso
adiante na privatización da limpeza municipal ao pór a unha
traballadora dunha empresa privada a limpar o CEIP Francisco Vales
Villamarín. No Departamento de persoal non hai coñecemento de
contrato propio do Concello ningún e nin sequera había coñecemento
de que unha empresa comezase a prestar estes servizos no colexio.
Hai un mes
foi nas dependencias municipais, estes días comezou no colexio, as
intencións do goberno municipal de privatización son claras e que o
alcalde lle mentiu ao Comité de Empresa á cara nada máis comezar
a lexislatura ao dicir que era algo circunstancial tamén. Primeiro
non cubriron as vacantes por xubilación, logo as baixas nin de longa
nin de curta duración, despois despediron ás compañeiras do aulario e
agora directamente contratan a empresas. Parece xa claro que
prepararon o terreo catro anos para finalizar o proxecto de
privatización neste lexislatura, os feitos amosan con claridade este
camiño.
A CIG propuxo
que o Comité de Empresa se mobilice o vindeiro martes 28 de xullo
con motivo do pleno para protestar contra a privatización deliberada
á que o Concello está somentendo ao servizo de limpeza municipal e
facer pública a nosa reivindicación a favor dos servizos públicos
de xestión directa municipal porque O PÚBLICO É SERVIZO E O
PRIVADO É BENEFICIO.
O Comité de
Empresa tamén se porá de novo en contacto cos partidos da oposición
para lle comunicar esta novidade, posto que é o primeiro e decidido
paso cara a privatización da limpeza no colexio público municipal e
consideramos que debe ser coñecida a situación por todos os
partidos con representación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario