08/09/15

O Concello incumpre a cara descuberta a moción aprobada por unanimidade contra a privatización do servizo de limpeza e busca estratexias para evitar contratar a través das listaxes de substitución de limpeza actuais

Pouco máis dun mes despois de que todos os partidos estivesen de acordo en que a limpeza de edificios non se privatizaría e as baixas serían cubertas o goberno municipal dá máis unha mostra do seu autoritarismo ao ignorar as decisións tomadas polo Pleno da corporación e continuar limpando as dependencias municipais unha traballadora dunha empresa privada cun contrato a dedo, porque descoñecemos tal contratación pública. Segundo o propio goberno, a intención, era que só estivese en agosto, mais sospeitosamente o contrato prolongouse e seguen en setembro incumprindo o acordo plenario e demostrándolle aos partidos da oposición o seu total desprezo polas decisións tomadas democraticamente.

A maiores o goberno municipal, segundo indicou á presidenta do Comité o propio concelleiro de Persoal, ten pensado contratar agora a dúas traballadoras e pseudoprivatizar temporalmente a limpeza dos colexios porque agora seica o secretario municipal informa que as listaxes vixentes de substitución en limpeza xa non valen, mentres que as de auxiliar de axuda a domicilio si que se seguen usando, seguen o mesmo patrón e son dun tempo, o conto de sempre, si ou non dependendo de factores máis ben pouco obxectivos.

TEN O SECRETARIO MUNICIPAL ALGÚN INTERESE NA PRIVATIZACIÓN DA LIMPEZA?

Descoñecémolo, mais ultimamente vimos observamos como os informes bailan dun xeito impresionante e tentan dificultar a contratación de traballadores públicos, ata o punto de que en 2014 as listaxes de substitución serviron non só para cubrir baixas senón que tamén para facer novos contratos, como os de limpeza do aulario, pola contra, agora, no 2015 seica están obsoletas segundo informa este funcionario e non se pode tirar delas, é curioso que só hai dous meses si que se tirase das de auxiliares para cubrir vacacións, que as bases de auxiliares e limpeza sexan dun tempo e similares E MÁIS QUE SOSPEITOSO QUE XUSTO AGORA QUE TERÍAN QUE CHAMAR SEGUNDO AS LISTAXES ÁS COMPAÑEIRAS DESPEDIDAS DO AULARIO, TAL E COMO LLES CORRESPONDERÍA, ESAS LISTAXES NON SERVEN E HAI QUE FACER UNHAS NOVAS!

CASUALIDADES DA VIDA, SE O CONCELLO USA AS LISTAXES VIXENTES TEN QUE CONTRATAR ÁS COMPAÑEIRAS DESPEDIDAS E DEMOSTRARÍA ANTES DO XUÍZO MESMO A IMPROCEDENCIA DOS DESPEDIMENTO, ENTENDEMOS QUE POR ISO É POSIBLE QUE O SECRETARIO MUNICIPAL DEA AGORA UNHA VOLTA DE TORCA A TODO E DIGA QUE HAI QUE FACER UNHAS NOVAS LISTAXES PARA NEGALLE O DEREITO AOS SEUS CONTRATOS ÁS COMPAÑEIRAS DESPEDIDAS E PENDENTES DE XUÍZO.

Benvidos e benvidas ao circo do Concello de Betanzos, onde nada é o que parece e todo está máis premeditado do que semella sempre para ir na contra dos traballadores e ignorar ao Comité de Empresa e aos partidos da oposición.

Para a semana daranlle ao Comité de Empresa os informes mais para nós son irrelevantes porque, en primeiro lugar, o goberno municipal ten sobradamente demostrado que lles fai caso cando quere, en segundo lugar, xa son demasiadas as veces que o xulgado nos deu a razón nos últimos cinco anos e que demostran que os informes estaban equivocados e, en terceiro lugar, porque por moito que se repitan as mentiras nunca van ser verdade, e haberá quen as crea, mais nós xa hai tempo que non.

Seica mañá o goberno convocará aos partidos da oposición para poñelos ao tanto destas novidades e supoñemos que tentará convencelos con palabras bonitas de que nada se pode facer polo que din os informes, e que a palabra do secretario é palabra de Deus, aínda que hoxe diga si e mañá non, ou branco / negro e logo gris, mais agardamos, tamén, que ao igual que non enganan ao Comité de Empresa, e efectivamente, aos poucos, están privatizando a limpeza e indo contra o acordo plenario, sexan conscientes de que o único que existen son escusas que están levando a que o goberno socialista sexa o primeiro na historia do Concello de Empresa en dar pasos axigantados na privatización da limpeza municipal e a externalización dos servizos públicos.

O GOBERNO MUNICIPAL CO CONSENTIMENTO DO SECRETARIO CALOU DURANTE CINCO ANOS QUE AS LISTAXES DERIVADAS DAS BASES DE SUBSTITUCIÓN PRESCRIBIRON NO 2010 (NAS PROPIAS BASES INDICA QUE PRESCRIBÍAN AOS DOUS ANOS DA SÚA APROBACIÓN) E AGORA INFORMA QUE AS DE LIMPEZA NON SERVEN E HAI QUE FACER UNHAS NOVAS MENTRES AS DE AXUDA A DOMICILIO SI E INFORMA POSITIVAMENTE A FACER USO DELAS, CANDO FORON APROBADAS Á VEZ E SAÍRON PUBLICADAS NO BOP DO 8 DE MARZO DE 2008 QUE PODEDES VER AQUÍ. SERÁ QUE NON INTERESA TIRAR DAS DE LIMPEZA PORQUE TERÍAN QUE CONTRATAR ÁS COMPAÑEIRAS QUE DENUNCIARON? NO CASO DE SER ASÍ ESTARIAMOS ANTE UN CASO DE REPRESALIAS ANTE COMPAÑEIRAS QUE UNICAMENTE DEFENDEN OS SEUS DEREITOS NO XULGADO.

Seguindo co circo en 2013 o pleno aprobou unhas novas bases que só utilizou para os contratos de subvencións, aínda que no propio título indicaba que eran para substitucións, tal e como podedes ver no Boletín do 15 de outubro de 2013, e seguíronse cubrindo as baixas coas listas prescritas que derivaron das bases de 2008 e aquí ningún secretario informou de nada nin o goberno municipal se preocupou, claro que daquela non había compañeiras que denunciaran os seus despedimentos e solicitaran a improcedencia, a situación está clara porque neste ano 2015 cambiou para que de súpeto se informe que non se poden usar unhas listaxes porque están obsoletas a data de setembro de 2015, cando hai cinco anos que prescribiron e nin o secretario nin o goberno municipal dixeron absolutamente nada.

Desde a Sección sindical da CIG valoramos moi negativamente a actitude do goberno municipal que como xa dixemos, leva demasiado tempo adiando a toma de decisións para a solución dos problemas e a falta de efectivos no servizo de limpeza que se agravou notablemente no último ano e seguen sen convencernos as escusas por variables, cambiantes e pouco reais. A maiores consideramos que é un absoluto escándalo que se pretenda privatizar a limpeza do colexio por moito que sexa temporalmente con tal de non tirar das listaxes de substitucións que se viñan utilizando e parece que tendo en conta unicamente ás persoas que lles tocaban as contratacións, mentres que noutros servizos si que se utilizan unhas bases que se entenden como vixentes porque as persoas a que contratan "non molestan". Tamén resulta vergoñento que o Concello ignore bases e regulamentos e non sexa quen de ter xa a estas alturas unha nova regulación das susbtitucións cando si que tivo, por exemplo, tempo para contratar persoal para postos de servizos non considerados como básicos, como é o caso do patrón da lancha. Entendemos que é hora de que o goberno municipal reconsidere o rumbo da área de Persoal e comece a xestionala de xeito efectivo e áxil para que non se chegue a este tipo de situacións, así como pida as responsabilidades a quen corresponda  e tome cartas no asunto de cara a solucionalas.

NON Á PRIVATIZACIÓN
SERVIZOS PÚBLICOS, SI GRAZAS!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario