22/10/15

Información sobre o expediente de resolución de inscrición e publicación do convenio colectivo

Tal e como vos informabamos hai unhas semanas a Consellería de Traballo enviou un informe con respecto ao convenio colectivo do persoal laboral no que sinala algúns aspectos e recomendacións a ter en conta para continuar coa tramitación do documento, entre as que destacan diversas actualizacións normativas logo da aprobación da Lei 2/2015 de Emprego Público de Galiza posterior ao acordo asinado polo Comité de Empresa e o goberno municipal.

O documento enviado pola Consellería e o seu contraste co texto aprobado polo Pleno hai xa bastantes meses foi realizado pola Asesoría xurídica da CIG e unha vez que tivemos unha resposta e puidemos definir a postura nesta nova fase a presidenta do Comité de Empresa indicoulle hoxe mesmo ao concelleiro de Persoal que en canto o Concello teña os informes que precisa pode convocar a Comisión Negociadora do Convenio colectivo para adoptar a decisión que se considere pertinente sobre as propostas realizadas no informe da Consellería.

A documentación enviada fai especial mención a varios aspectos e recomendacións mais a única que se pode determinar como tallante é que á que se refire á conversión do persoal laboral en situación de fraude de lei en indefinido por convenio. Cómpre lembrar que esta foi unha proposta do propio Concello derivada en certa medida do conflito dos anos 2012, 2013 e 2014 cos compañeiros e compañeiras readmitidas do anterior GRUMIR e dunha Administración que ten a unha parte do cadro de persoal con contratos en presunta fraude de lei e que veu avalada pola empresa Galivalia, ademais de que efectivamente xa consta en convenios vixentes polo país adiante; non obstante, cómpre recoñecer que desde o principio fomos escépticos pola dificultade legal que presentaba esta proposta mais que constou no acordo final co Concello logo dun proceso de negociación de anos e no que ambas partes tivemos que ceder, tal e como é común en calquera proceso deste tipo, e tal e como desde a CIG entendimos que era preceptivo se queriamos ter un convenio actualizado e non un vixente desde hai case dez anos e á marxe da normativa actual, cos múltiples problemas que isto lle ten causado ao persoal laboral deste Concello.

O resto do informe son "consellos" que nalgúns casos mesmo poden ser considerados valoracións e que, agás as actualizacións normativas da posterior Lei de Emprego Público de Galiza e mais o recente Decreto 10/2015 que nin se menciona por ser posterior á emisión do informe mais que tamén haberá que ter en conta á hora da actualización, en  ningún caso taxativos. Tamén destaca no capítulo do sistema retributivo que a masa salarial total non debe aumentar mais nin desgrosa os criterios da equiparación retributiva, nin se fixa polo miúdo no novo sistema á vista de que os criterios de reparto son obxectivos e para todo o persoal en igualdade de condicións.

A postura da CIG, e, por tanto, da maioría do Comité, canto esta nova situación será clara, tal e como xa se lle expuxo ao concelleiro de Persoal,  actualización do texto coa normativa vixente e mantemento dos pactos iniciais, agás que nalgún caso puntual, poidan supor unha clara conculcación da lexislación vixente e pór en perigo o resto do texto, máis aínda tendo en conta que a cuestión da indefinición pode ser doadamente solventada no xulgado polos compañeiros e compañeiras que queiran denunciar a presunta fraude dos seus contratos. 

Por outra parte, entendemos que o outro sindicato con representación no Comité non terá nin sequera nada que dicir na medida en que non apoiou na fase final o convenio e abstívose para o seu acordo, por tanto, tampouco lle interesa nin o proceso previo á aprobación, nin os trámites que nos vindeiros meses hai que realizar con respecto a un texto que criticou ata a saciedade porque consideraba mellor un aprobado hai dez anos e completamente desfasado ademais de con múltiples cláusulas discriminatorias non só con respecto á lexislación do funcionariado senón tamén que ten ocasionado discriminacións entre o propio colectivo do persoal laboral.

Tal e como indica a propia xefa de Sección da Xefatura Territorial no documento remitido ao Concello "para proceder á inscrición e publicación do convenio é preciso que contesten a esta comunicación de corrección cargando novamente o texto coas modificacións que consideren procedente introducir de acordo co sinalado anteriormente e a ratificación polo Pleno da Corporación do texto definitivo". Por tanto, logo de que se reúna a Comisión Negociadora e chegue a un acordo con respecto á introdución ou non das modificacións propostas o convenio deberá ser de novo ratificado polo pleno.

Unha vez superado ese trámite a Autoridade laboral podería dirixirse de oficio á xurisdicción competente se considera que hai que corrixir anomalías, no caso contrario procedería á sua publicación e entraría en vigor no mesmo momento da súa aprobación.

En canto teña lugar a Comisión Negociadora informaremos puntualmente a todo o persoal das novidades con respecto á tramitación do novo convenio colectivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario