29/10/15

O Comité de empresa denuncia no servizo de Inspección da Consellería de Traballo e Benestar a situación da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente

O Comité de Empresa acordou hoxe, por unanimidade, poñer en coñecemento do Servizo de Inspección de Familia e Menores a delicada situación que atravesan as compañeiras da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente.

Así, dirixiuse ao Servizo de Inspección de Familia e Menores dependente da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galiza coa finalidade de pór no seu coñecemento a situación de incumprimento da legalidade vixente no que ten que ver coa ratio legal no coidado e atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos que asisten diariamente á Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente dependente do Concello de Betanzos e indicarlle que esta falta de persoal pola non cobertura das baixas nin de longa nin de curta dirección está redundando nunha excesiva carga de traballo e na imposibilidade material de cumprir a legalidadida vixente no que ten que ver coa ratio e como consecuencia nunha dificultade de atendemento aos nenos e nenas matriculados na Escola nas condicións óptimas e desexables. Para finalizar, a representante do Comité de Empresa púxose ao dispor do organismo para realizar as aclaracións con respecto á situación que fosen necesarias e indicoulles que agardaba que puidesen dar os pasos que considerasen oportunos con respecto a esta grave situación.


Ao pouco de enviar a denuncia chegou a confirmación de recepción da denuncia da Xunta e desde o Servizo de Inspección de Familia e Menores indicáronlle ao Comité que vai iniciar as actuacións inspectoras con relación aos feitos denunciados. Esta información foi posta en coñecemento de inmediato das compañeiras afectadas, tal e como se fará con todos os pasos que o Comité dea tentando buscar solucións a esta situación completamente irregular que o goberno municipal permite e ampara, porque parece que vulnerar a lexislación vixente e non cumprir a ratio legal de persoal que atende aos pequenos e pequenas na Escola Infantil non é unha prioridade, mais si que é a súa responsabilidade, queiran ou non, non é responsabilidade do persoal que o Concello non teña o persoal suficiente, a responsabilidade é deste goberno local e da súa desidia en temas de persoal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario