27/10/15

REUNIÓN EXTRAORDINARIA DO COMITÉ DE EMPRESA

A presidenta do Comité vén de convocar unha reunión extraordinaria do organismo de cara a tomar decisións ante a delicada situación que está a vivir o persoal da Escola Infantil Municipal, cuxo traballo se está vendo gravemente afectado pola negativa do goberno municipal a cubrir as baixas nin de longa nin de curta duracuón, e mesmo nalgúns casos previsibles, coma no de maternidade, e ante unha situación que leva xa bastante tempo intentando resolverse pola vía do diálogo sen acadar os resultados agardados.

Hai xa bastantes meses que a situación é delicada mais nos últimos vén sendo moito máis grave polo continuo incumprimento da ratio que complica e agrava a situación das traballadoras afectadas e falta de resposta á situación por parte do Concello a unha situación laboral que desde a Sección sindical da CIG consideramos gravísima.

O pasado 28 de setembro o Comité de Empresa reuniuse de urxencia co alcalde para lle transmitir a gravidade da situación, a esta reunión acudiron tamén a concelleira da área e mais o concelleiro de Persoal. Nesta reunión a presidenta do Comité explicoulle detalladamente que a situación fora posta en coñecemento da concelleira da área sen que ata o momento se buscasen solucións e a situación agrávavase coa chegada de fin de ano e a obrigatoriedade de desfrutar os permisos pendentes, lembrouse que mesmo se emitira un informe da directora do centro onde poñía en coñecemento do Concello a situación e que a excesiva carga de traballo que estaba redundando nun inadecuado atendemento dos nenos e nenas e un incumprimento claro da lexislación vixente, coa gravidade que supoñía que este ano houbera máis matrículas que o ano pasado e os nenos e nenas en período de adaptación. Advertíuselle ao alcalde que había un incumprimenrto reiterado da ratio en determinadas franxas horaria e unha realización continuade horas extraordinarias e xornadas que impedían a recuperación necesaria para realizar o traballo ao día seguinte. Finalmente o Comité faloulle da necesidade inmediata de cobertura das baixas e dun sistema áxil que permita cubrir en cada momento as necesidades do servizo que e lembroulle que ese determinado traballo é unha grande responsabilidade e no momento que non hai docentes suficientes tiña que ficar claro claro que a responsabilidade non é das traballadoras do centro desde o momento que o Concello permite o incumprimento da legalidade vixente no que ter que ver coa ratio.

Un mes despois, e logo da publicación onte das bases das listaxes para cubrir as baixas, o problema é cada vez máis grave e tendo en conta que o procedemento para a cobertura das listaxes non é inmediato cómpre dar pasos adiante para que o Concello deixe de derivar sobre as traballadoras as súas propias responsabilidade e poñer en coñecemento de autoridades superiores a situación de ilegalidade que as compañeiras padecen e que repercute na posibilidade de ofrecerlle o servizo á cidadanía en condicións óptimas. Por iso, a CIG proporá na reunión que vén de convocar de xeito extraordinario, que o Comité denuncie ao Concello na Inspección pola vulneración da legalidade e o incumprimento da ratio legal de xeito continuo.

Xa non valen as escusas de que as listas non se poden usar, basta xa das trapalladas ás que nos ten acostumados o goberno local, este mesmo verán o goberno cubriu as vacacións das compañeiras de axuda a domicilio coas bases idénticas ás dos postos da Escola Infantil Municipal publicadas no 2008, en só tres meses e sen cambiar absolutamente ningunha lexislación o goberno dinos que o secretario pasa de informar postiva a negativamente nun caso idéntico, outro tanto coas de limpeza, pois ben, se hai quen lle quere tomar o pelo ao alcalde que llo tome, a nós desde logo non, porque ata o momento sabemos ler e se as listas levan anos caducadas tamén haberá a quen pedirlle responsabilidades a quen permitiu e informou que se podía seguir facendo uso delas, ten que velar pola legalidade e parece que informa positiva ou negativamente cando se lle acende ou non unha bombilla.

Cando contrataron ás compañeiras de limpeza do aulario en presunta fraude de lei tiraron da listaxe de substitucións a pesar de que eran novos postos de traballo, porque seica era un procedemento urxente, agora, un ano despois, nunha situación moito máis grave, non hai solucións urxentes basicamente porque non interesa, porque á vista está que cando interesa si que se buscan. Por todo isto o Comité instará á Inspección que tome cartas no asunto e obrigue ao Concello a asumir a súa responsabilidade e deixe dunha vez por todas de facerlle pagar aos compañeiros e compañeiras as consecuencias da pésima xestión do persoal que leva anos arrastrando o goberno municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario