19/11/15

Un estudo da Fundación Mapfre e AEPSAL dá como resultado que os/as traballadores/as sofren o dobre de accidentes de tráfico cando van traballar que cando voltan del

Os/as traballadores/as do Estado español sofren o dobre de accidentes de tráfico no seu traxecto de ida ao traballo (un 64%) que á volta (33%), segundo un estudo da Fundación Mapfre, no que se analizaron datos do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT). O 21% destes accidentes prodúcense en luns, baixando esta porcentaxe nos outros días da semana.

Para os autores do estudo a maioría dos sinistros prodúcense na ida ao traballo como consecuencia do cansanzo, así como da falta xeneralizada de horarios flexibles nas empresas do Estado, que obrigan aos traballadores/as a chegar ao seu posto a unha hora concreta.

Neste senso se sinala que dende que a Administración pública implantouse un sistema de flexibilidade horaria, os/as seus traballadores/as pasaron de liderar o número de accidentes ata 2008, a igualar ao sector privado no ano 2012.

O informe, que recolle datos entre 2003 e 2012, apunta que os accidentes de tráfico máis habituais son 'in itinere'. Por outra banda os datos indican que dos accidentes que se producen en horario de traballo, o 62% dos mesmos ocorren nas primeiras horas da xornada, reducíndose esta porcentaxe a un 5% en relación a oitava hora da xornada laboral.

En relación ao xénero o estudo indica que son os homes quenes lideran o ránking de accidentes en horario de traballo; posiblemente debido a que "no sector do transporte e da distribución é máis común a presenza do home".

Por outra banda, a idade é un factor importante a destacar, xa que o sector dos maiores de 55 anos son os que lideran os accidentes máis graves en todos os anos, dándose a circunstancia de que a maior idade menos accidentes, pero máis graves.

Os sectores que máis número de accidentes acumulan son a construción, servizos, industria e primario, sendo este último e a construción os que concentran os sinistros máis graves.

O informe recomenda que as empresas promovan a formación dos grupos de maior risco como motoristas, condutores de furgonetas e todoterreos, así como implantar plans de mobilidade nas empresas, que faciliten que os/as empregados/as coñezan os principais aspectos da seguridade viaria no ámbito laboral, utilicen rutas máis seguras nos seus desprazamentos e adopten as medidas necesarias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario