05/02/16

15 días despois do anuncio na web municipal o Concello só cubriu unha das cinco baixas comprometidas

O 20 de xaneiro o goberno municipal anunciaba a todo trapo que contrataría "de forma inmediata" cinco persoas para cubrir as baixas da Escola Infantil e o servizo de limpeza municipal. Hoxe, quince días despois, e logo de que o Comité decidise que de seguir así a situación denunciaría na Inspección de Familia e Menores de novo a gravidade do día a día na Escola Infantil Municipal e o que as traballadoras levan meses padecendo, facendo horas, soportando a falta de persoal e mantendo a flote un servizo municipal que parecía xa non interesarlle ao Concello, o Concello cubriu unha das baixas do centro, o que non solucionou o problema, tendo en conta que as traballadoras teñen múltiples permisos sen desfrutar, posto que o Concello non lles permitiu facelo en tempo e forma nos meses anteriores pola falta de persoal.

A nova na web municipal é clara, o Concello cubriría dúas baixas na Escola Infantil Municipal e tres en limpeza. De falarmos do servizo de limpeza a situación é peor posto que na actualidade non se cubriu nin unha soa das baixas mencionadas e segue privatizada a limpeza do aulario, parte do CEIP Francisco Vales Villamarín, Casa do Concello, Centro da Terceira Idade, Oficinas Xerais, Servizos Sociais, Biblioteca ou Policía Local. A vontade privatizadora da Administración local ficou clara cando optou por despedir á compañeira de limpeza despedida de xeito improcedente no canto de optar pola readmisión.

A maiores, resulta lamentable que o goberno municipal utilizase a web que supostamente é para información para a veciñanza, os medios públicos, para cargar contra "os sindicatos" e dicir que obviaban os informes do persoal técnico municipal, cando o que os obvia é o Concello en casos como o da contratación dun patrón costeiro o pasado verán. A escusa dos informes hai anos que deixou de ser válida para un goberno incoherente que lles fai caso cando lle vén ben e cando non óbviaos para facer o que estima oportuno. Canto a nós, temos os nosos propios servizos de asesoramento legal que non son os mesmos que os do goberno municipal, e que nestes últimos anos demostraron no xulgado, que, por outra banda, o Concello vulnera dereitos e actuou contra a lexislación laboral vixente en múltiples ocasións.

Hai que lembrar que en xuño do pasado ano o secretario municipal non puxera problema para a contratación de auxiliares de axuda a domicilio para cubrir as vacacións das compañeiras do Concello e, casualidades, en setembro, cando lles tocaba por lista ás compañeiras da limpeza despedidas do aulario, seica xa non eran válidas, cando ambas as listaxes eran de 2008. Logo seica tamén houbo que actualizar as listaxes de persoal técnico de xardín de infancia, o que lle aforrou os cartos de cubrir as baixas do servizo durante meses e meses e agora, de ser coherente, o Concello debería abrir de inmediato unha listaxes de axuda a domicilio, do contrario, máis unha vez, chegará o momento de cubrir e alegará que non pode, ou quizais non, nunca se sabe, ás veces hai decisións que parece que dependen de factores totalmente subxectivos.

Lembrámosvos a nova publicada na web municipal e agardamos que canto antes o goberno municipal sexa quen de cubrir as necesidades de persoal deste Concello, do contrario parece unha completa parvada tentar enganar á cidadanía con anuncios que non se chegan a facer efectivos.

O Concello cubrirá as baixas dos servizos de limpeza e da Escola Infantil de forma inmediata unha vez concluído o proceso administrativo de confección de novas listaxes de substitución

Betanzos, 20 de xaneiro de 2016. O Concello fixo públicas as listaxes de substitución das prazas de limpadores/as de centros escolares e dependencias municipais e as de técnico/a superior de educación Infantil. As listaxes son xa definitivas unha vez resoltas as reclamacións presentadas polo que agora, a falta do informe xurídico definitivo que estará finalizado esta semana, o Concello iniciará o proceso de contratación de forma inmediata.

En total realizarase a contratación de cinco persoas, tres no servizo de limpeza e dúas para cubrir as baixas de técnico/a superior na Escola Infantil. As listaxes definitivas quedaron compostas por 71 persoas na de técnico/a en educación infantil e 27 na de limpadores/as.


O goberno local explicou que o proceso para cubrir as baixas seguiu as canles e prazos administrativos marcados polos servizos técnicos municipais. Precisamente, a convocatoria e a confección destas listaxes produciuse despois de que a Secretaria Xeral do Concello advertísese sobre a necesidade de realizar unhas novas listas de substitución, motivo polo que o goberno local, desde a concellaría de Persoal non podía “cubrir as baixas que se produciron nos últimos meses nestes dous servizos”.

Diso era coñecedora a Corporación e os sindicatos que, con todo, “obviando os informes emitidos desde a Secretaria do Concello pretendían que o goberno local cubrise as prazas, a pesar de que o proceso e convocatoria pública xa estaba en proceso”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario