24/02/16

Os delegados de prevención do persoal laboral valoran volver á Inspección se o Concello non acomete proximamente as melloras requiridas pola Inspección de Traballo para a Oficina de Turismo

Do 18 de decembro data o requerimento que a Inspección de Traballo provincial lle fixo ao Concello de Betanzos logo dunha denuncia dos delegados de prevención da CIG polo mal estado da Oficina de Turismo.

O 1 de marzo, tal e como podedes ver no documento enviado pola Inspección de Traballo ao Comité de Empresa do Concello de Betanzos, finaliza o prazo para que o Concello acredite as medidas adoptadas para atallar as 13 deficiencias que a Inspección detectou logo de ser alertada polos delegados de prevención e a día de hoxe as paredes seguen verdes, hai vexetación de feito, e mesmo molladas en ocasións e moitas das deficiencias sinaladas seguen sen se resolver. Recentemente os delegados de prevención preguntaron por este tema ao presidente do Comité de Seguridade e Saúde, Diego Fernández, que comentou que estaba valorando a instalación dun sistema de climatización e mais intentando atallar as restantes deficiencias mais o certo é que desde setembro de 2015 houbo tempo e tempo para solucionar os problemas.

Debido a isto, e logo de comprobar o estado das instalacións, os delegados de prevención da CIG están valorando, no caso de que non se solucionen as deficiencias proximamente volver á Inspección para lle comunicar o incumprimento dos requerimentos por parte do Concello. Polo momento, é a propia Inspección a que debe actuar e presentarse no Concello para comprobar as actuacións levadas a cabo pola Administración local e en función das novidades que haxa con respecto a este tema tomaranse as decisións oportunas sobre os pasos a seguir para tentar solucionar dunha vez por todas os problemas de acondicionamento da Oficina de Turismo municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario