Este mércores, 23 de marzo, cúmprese un ano desde a sinatura do convenio colectivo.
Se recapitulamos e temos en conta que o convenio vixente é de xaneiro de 2006 e ten dez anos (co que mudou a lexislación neste tempo) poderiamos pensar que o que pasa nesta Administración local moi normal non é. Se a isto lle sumamos que o convenio vixente foi denunciado o 22 de setembro de 2011 e o proceso de negociación comezou o 24 de outubro de 2011 e durou case catro anos ata que o 23 de marzo de 2016 o Comité de Empresa e o Concello de Betanzos asinaron o acordo e que esta semana hai un ano que foi asinado e aínda non entrou en vixencia, poderiamos pensar que a xestión do Concello de Betanzos no que ten a ver coa negocación colectiva e a mellora dos dereitos do persoal laboral é interesadamente un fiasco total.
Mais se aínda por riba temos en conta que este novo texto, cos seus defectos e as dúas virtudes, mellora sensiblemente as condicións do persoal laboral do Concello de Betanzos e a pesar diso o sindicato que tivera a maioría ata 2011, a UGT, está en contra do texto, isto poderianos levar a pensar que vivimos baixo o foco dunha cámara oculta, porque llo contes a quen llo contes non o cre.
Ás veces está ben reflexionar sobre a absurda realidade á que nos enfrontamos os traballadores deste Concello para nos decatar de que isto non é o normal por moito que sexa corrente e habitual, e o que neste Concello leva catro ou cinco anos levar adiante noutras Administración foi conseguido hai anos, e neste caso non por falta de vontade dalgún dos sindicatos con representación senón por unha clara deixadez do equipo supostamente socialista de Ramón García para o que é obvio que os traballadores laborais somos o último e sempre podemos agardar.
Certo é que canto ao tema do convenio, o concelleiro de Persoal, ultimamente ten informado ao Comité puntualmente dos avances que se van producindo mais isto acontece logo de meses de inactividade e por volta do vergoñento aniversario dunha sinatura. E aniversario é vergoñento porque a esta altura o problema tiña que estar máis que solucionado.
A última información que nos veñen de facilitar é que nestes días se enviará de novo coas modificacións indicadas pola inspectora e que a previsión é que poida ir ao pleno de abril de novo para ser ratificado polo pleno, mais cando vexamos é cando o creremos porque o cumprimento dos prazos que se indican non é precisamente un dos puntos fortes desta Administración local e especialmente no que ten a ver a coa tramitación deste convenio colectivo é obvio que a demora formou parte dunha estratexia para aforrar cartos, porque canto máis tarde entre en vigor o convenio máis tarde entrarán en vigor eses novos salarios que son un pequeno e primeiro chanzo cara á igualación co funcionariado, aínda moi lonxe mais cara á que este texto inicia o camiño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario