O pasado luns 14 de marzo o Comité de Empresa entregou en tempo e forma o informe correspondente ás axudas sociais do ano 2015 que podedes consultar abaixo.
Unha vez máis, o Comité lembroulle ao Concello que incumpre as bases ao non publicar as listaxes provisionais e definitivas e non ofrecer uns prazos de reclamación para o persoal que non estea de acordo nalgún dos aspectos da axuda e/ou contía concedida. É obvio que hai un problema de procedemento que vén derivado da xestión administrativa amparada polo goberno municipal e que a escusa histórica foi a falta de persoal nun departamento que contaba cunha persoa en 2011 e que en 2016 conta, practicamente con tres, mais o que consideramos inaceptable é que o Concello non lle comunique ao persoal, ben de xeito colectivo, ben de xeito individual, a axuda que lle corresponde.
Tamén, e tendo en conta que durante varios anos consecutivos a partida orzamentaria é insuficiente, solicitámoslla ao Concello que a amplíe de cara a cubrir todas as solicitudes e mais que inicie, dunha vez por todas, o novo regulamento de axudas sociais que ten apalabrado desde 2011, momento en que o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, lle indicou aos representantes do Comité que non había ningún problema e que tiñan toda a vontade de negociar un novo regulamento... xa se viu catro anos despois que seguimos igual!
Polo demais, agardamos que o Concello corrixa as deficiencias sinaladas e pague en tempo e forma as axudas sociais como xa veu facendo estes últimos anos logo dos conflitos dos anos 2011 e 2012 motivados en grande medida polos informes do que daquela era secretario municipal que non pretendían máis que frear o traballo dos representantes dos traballadores que querían que as axudas fosen de coñecemento para todo o persoal e todos os traballadores e traballadoras as puidesen pedir en igualdade de condicións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario