Un mes levan agardando os representantes do Comité de Empresa a que o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, os reciba. O pasado 1 de marzo a presidenta do Comité solicitou unha reunión para pedir información sobre a privatización da xardinaría municipal, sobre a que os representantes dos traballadores tiveron noticias por unha nova publicada na web municipal. Desde ese momento leva agardando a que o concelleiro de Persoal a reciba para darlle información sobre o tema.
Ante a inoperancia do concelleiro correspondente os representantes do persoal laboral optaron por solicitar unha reunión co propio alcalde non só para lle preguntar pola situación pola que se solicitou a reunión co concelleiro senón tamén para lle transmitir o seu malestar pola falta de vontade do concelleiro da área en recibir aos representantes dos traballadores cando así o solicitan e ademais é necesario.
O certo é que non é primeira vez que acontece isto mais non por iso deixa de ser menos lamentable. Os representantes do persoal temos dereito a ter información de todo o que lle atinxe aos traballadores que representamos e, entre eses temas tamén está a privatización de servizos públicos porque afecta directamente, mais fose este tema ou outro case podería resultar incrible que haxa que agardar máis dun mes para ter unha reunión co concelleiro de Persoal, mais no Concello de Betanzos pasa. Isto pasa porque o goberno pasa de todo, non hai outra posible resposta para que nun mes non haxa tempo a recibir aos traballadores.
Ficamos á espera de se con esta solicitude temos máis sorte e o alcalde non está tan ocupado como o concelleiro de Persoal, ou, do contrario, para a próxima, tentaremos camuflarnos como veciños ou veciñas na solicitude, a ver se así non hai tantas trabas para acceder a reunirse co goberno municipal. O que está claro é que de falta de paciencia non nos poden acusar, sempre agardamos pacientemente, mais a paciencia tamén ten un límite.
Ningún comentario:
Publicar un comentario