Traballadores/as maiores de 55
A
conduta sedentaria estableceuse como a propia da forma de vivir,
consumir e traballar nas sociedades avanzadas. A evolución dos
sistemas de transporte, a tecnoloxía laboral, os novos modos de
ocio… todo colabora para que todos e todas -pequenos e maiores-
asuman como válidos comportamentos claramente sedentarios. Esta
conduta sedentaria establécese até tal punto que as enfermidades
asociadas á inactividade física convértense nun dos maiores
problemas de saúde pública na meirande parte dos países do mundo
segundo datos da OMS.
O sedentarismo é
a falta de actividade física regular, definida como: “menos
de 30 minutos diarios de exercicio regular e menos de 3 días á
semana”.
Considérase
que unha persoa é sedentaria cando o seu gasto semanal en actividade
física non supera as 2000 calorías. Tamén o é aquela que só
efectúa unha actividade semanal pero de forma non repetitiva, pois
as estruturas e funcións do organismo non se exercitan e estimulan
polo menos cada dous días, como requiren.
A principal
causa de morte e de carga de enfermidade no mundo xa
non son as enfermidades transmisibles ou infecto-infecciosas senón
que están
relacionadas co sedentarismo e os estilos de vida non saudables:
o tabaquismo, o alcoholismo, os hábitos de alimentación non
saudables, o sobrepeso, a obesidade e o estrés, están entre os máis
importantes.
Este
feito provoca unha alerta ante a necesidade
de instalar medidas de prevención.
As campañas de educación en estilos de vida saudables contrarios ao
sedentarismo son, para os estados, unha estratexia necesaria
para mellorar a calidade de vida das persoas e tamén para aforrar
custos de tipo sanitario a longo prazo.
A
inactividade física non é simplemente o resultado do modo de vida
elixido por unha persoa, vese influído por aspectos que non dependen
exclusivamente dela, aspectos de natureza social. O
estilo de vida está determinado, adoptado e aprendido a través do
proceso de socialización de cada ser humano.O
comportamento está arraigado nos grupos sociais, influído polas
diferenzas sociais e depende dos recursos dispoñibles.
Como
tal, o estilo de vida vén influenciado pola familia, o traballo, os
grupos sociais aos que se pertence… etc. pero, sendo algo
voluntario, é tamén algo educable e modificable.
As
campañas de concienciación en hábitos de vida saudables póñense
en práctica dende diferentes perspectivas, por parte dos estados.
Por
unha banda, está a necesidade de destinar fondos para crear
infraestruturas que fomenten un estilo de vida activo como a creación
de espazos abertos seguros que fomenten a actividade física,
instalacións deportivas, terreos de xogos e escolares… etc.
Por
outra, están as campañas de formación e información sobre os
beneficios da actividade física e a alimentación saudable. Neste
sentido, os
centros de traballo convértense nun espazo cun gran potencial para
reeducar ás persoas adultas e fomentar os estilos de vida
saudables, repercutindo
ademais, como veremos, de xeito positivo nas empresas.
Os
estilos de vida e a satisfacción laboral están relacionados
A
satisfacción laboral é un concepto amplo que se asocia a múltiples
variables, algunhas de carácter moi subxectivo, e pode
analizarse dende múltiples enfoques. O seu estudo lévase a cabo no
contexto das relacións laborais dende a premisa de que os/as
traballadores/as satisfeitos son máis eficientes e traballan mellor,
faltan menos ao traballo e xeran menos gastos ás empresas. Con todo,
o número de traballadores/as estresados/as, cansos, deprimidos e con
ansiedade é elevado e motivo de preocupación en moitos países e
organizacións.
Unha
definición ben sinxela de insatisfacción laboral sería “grao de
malestar que experimenta o/a traballador/a con motivo do seu
traballo” e ten consecuencias para as persoas e organizacións.
A
satisfacción ou insatisfacción laboral está relacionada polo tanto
coa saúde das persoas. A Organización Mundial da Saúde (OMS)
define a saúde como “un
estado de completo benestar físico, mental e social”,
concepto que vai máis alá da existencia ou non dunha ou outra
enfermidade.
Un
enfoque da satisfacción/insatisfacción laboral céntrase en
analizar as circunstancias do traballo que poden ser susceptibles de
provocar insatisfacción laboral, como poden ser: a tarefa que se
realiza (monótona, aburrida…), as relacións interpersoais, o
estilo de liderazgo, as oportunidades de medrar na empresa, a
remuneración económica, a estabilidade laboral, entre outras.
Con
todo, un enfoque máis profundo da satisfacción laboral nos desvela
que hai un gran número de factores alleos ao traballo (físicos,
sociais, emocionais) que tamén son fonte de insatisfacción
laboral. As
actividades non relacionadas co traballo que axudan ás persoas a
recuperar enerxías tamén repercuten no grao de satisfacción
laboral que estas experimentan.
E
é aquí onde entran en xogo os estilos de vida.
Os
estilos de vida non só satisfán as necesidades utilitarias das
persoas senón que dan forma concreta á súa identidade, identidade
que logo se proxecta no traballo. No traballo reflíctense os trazos
da personalidade. Existe así, unha relación favorable e positiva
entre actividades non relacionadas co traballo, a realización do
traballo e a satisfacción laboral. A
vida hipocinética, máis coñecida como sedentarismo, repercute na
satisfacción laboral e na realización do traballo posto que
esta “enfermidade de non facer nada” que comeza pola redución de
actividade na vida persoal remata por trasladarse ao lugar de
traballo.
Dende
este enfoque, moitas
empresas recoñecen que investir en estilos de vida saudables redunda
nunha maior produción.
Por
outra banda, o avellentamento
da poboación traballadora á
que se enfronta o mercado laboral e o aumento
da idade de xubilación (T+55),
poñen en valor a idea de que investir en estilos de vida saudables e
en satisfacción laboral mellorará a saúde das persoas, diminuirá
e retardará o seu proceso de avellentamento, reducirá a aparición
de enfermidades relacionadas coa idade e o estilo de vida
(enfermidades cardiovasculares, diabetes, colesterol… etc.) que
ademais tenden a aparecer nesa franxa de idade, aforrará custos ás
empresas e motivará aos traballadores/as a traballar máis tempo e
retrasar a súa xubilación.
A
mellora da saúde a través da reeducación dos estilos de vida e a
redución da insatisfacción laboral convértese nunha
ferramenta moi importante a ter en conta por parte dos estados e das
empresas.
Se
ben é certo que, a maior idade, máis custa asumir cambios, canto
máis, relacionados con algo tan persoal como o propio estilo de
vida, tamén o é que a partir de determinada idade é cando moitas
persoas comezan a preocuparse máis por aspectos relacionados coa
saúde, que na xuventude pasan máis inadvertidos. Este feito
converte aos
T+55 nun grupo de poboación presumiblemente receptivo a asumir
cambios no estilo de vida relacionados coa conservación e mellora da
súa saúde.
Calidade
de vida, saúde e traballo
Desenvolver
estilos de vida biopsicosocialmente saudables é
un compromiso tanto individual como social, co convencemento de que
só así se satisfán as necesidades fundamentais, se mellora a
calidade de vida e se acada o desenvolvemento humano en termos de
dignidade da persoa.
Acadar
unha sociedade sa pasa por educar en estilos de vida saudables pero
tamén por investir en traballos saudables, que fomenten
personalidades saudables, elementos todos relacionados coa calidade
de vida.
Non
cabe dúbida de que os hábitos de vida contrarios ao sedentarismo
repercuten positivamente na persoa tanto a nivel laboral como dende o
punto de vista da súa saúde física e incluso mental, pero a
promoción da saúde vai aínda máis aló.
No
transcurso da historia do mundo occidental, o traballo ten sido
considerado como unha maldición, de servidume ou escravitude,
asociado á enfermidade e a morte. Mais a partires do desenvolvemento
da revolución industrial comeza a desenvolverse un modelo social que
modifica esta concepción primitiva do traballo.
Na
actualidade, traballo, benestar e saúde son conceptos moi
relacionados entre si, converténdose o
traballo nun piar
fundamental que sustenta a calidade de vida das persoas.
É
por iso que as
condicións laborais son un elemento clave dentro do modelo social
que debe estar enfocado en fomentar a saúde das persoas en todas as
súas dimensións.
Se
ben é certo que algunhas empresas están poñendo en práctica
campañas neste sentido, os chamados “Programas de Empresas
Saudables”, tamén o é que se centran fundamentalmente na
concepción máis física da saúde. Estes programas axudan na
prevención de trastornos musculoesqueléticos, enfermidades
cardiovasculares, hipercolesterolemia ou a diabetes, e son moi
necesarios, pero non suficientes.
Para
unha promoción integral da saúde é necesario traballar en todos os
seus ámbitos. Algunhas ideas neste sentido son as que seguen:
Promoción
da saúde “física”:
Programas de costas sas e de prevención de trastornos
musculoesqueléticos.
- Axuste da carga física no traballo
- Educación en hábitos alimentarios saudable
Programas de control de peso
- Fomento do exercicio físico
- Campañas contra o tabaquismo ou o consumo de bebidas alcohólicas.
- Salarios dignos e equitativos
Promoción
da saúde “mental”:
- Mecanismos para a xestión do estrés
- Control dos ritmos de traballo
- Motivación de traballadores/as
- Técnicas de relaxación
- Traballo da confianza (persoal e grupal)
- Técnicas de mellora das relacións no traballo
- Salarios dignos e equitativos
Promoción
da saúde “social”:
- Promoción/subvención de actividades cultura
- Promoción/subvención de actividades recreativas
- Fomento da asunción de diferentes roles sociais
- Flexibilidade horaria
- Facilidades para a conciliación da vida persoal e laboral
- Salarios dignos e equitativos
A
calidade de vida real dáse nunha sociedade sa de “persoas
saudables” non de “corpos saudables”. Adquirir
unha personalidade
saudable pasa
por poder acadar un equilibrio entre a vida laboral e persoal, ter un
poder adquisitivo mínimo e tempo de recuperación que permita a
socialización e o tempo de ocio. Ter múltiples roles sociais
contribúe positivamente a desenvolver unha visión máis completa
dun mesmo, posto que se realizan varias tarefas e se interacciona con
máis persoas.
Potenciar
que os/as traballadores/as adquiran esta “personalidade
saudable” é algo moi favorable para as empresas. Cando as persoas
se senten ben consigo mesmas son máis capaces de superar obstáculos,
tanto a nivel persoal como laboral. A globalización, a mecanización
e as novas tecnoloxías fan que as destrezas dos/as traballadores/as
queden obsoletas rapidamente. O mercado de traballo demanda
traballadores/as con recursos para adaptarse aos cambios e ás
modificacións constantes que se producen. Ter traballadores/as cunha
personalidade saudable axuda a que estes superen os cambios, a unha
organización efectiva no traballo, a ser máis creativos, a manexar
mellor o estrés e dosificar a súa enerxía.
As
condicións laborais deben permitir a realización da persoa en todos
os aspectos da súa vida. Crear
traballos saudables reais implica mellorar a calidade de vida global
dos/as traballadores/as. “As
persoas precisan dedicar tempo, espazo e enerxía para desenvolver o
seu plan de vida, modificar o seu estilo de vida e afrontar os
cambios”.
A situación
dos/as traballadores/as maiores de 55. Cousas pendentes.
Por
desgraza, estas conviccións aínda non están ben arraigadas nas
empresas e no mercado laboral, como se pode apreciar na situación
dos/as traballadores/as maiores de 55 anos na actualidade.
Como
consecuencia da crise económica, no Estado español, moitos
traballadores e traballadoras viron minguados os seus dereitos
laborais, reducidos os seus salarios ou aumentadas as súas
xornadas de traballo ou as súas responsabilidades sen retribución
ningunha. Ademais, os procesos de despedimento cebáronse cos/as
traballadores/as de maior idade.
A
presenza de traballadores/as no mercado laboral descende a partires
dos 55 anos. Moitos non elixen marchar, son as empresas as que
prescinden deles ou fomentan a súa xubilación anticipada.
Hai
unha serie de estereotipos establecidos sobre eles: que son mais
lentos, que teñen fobia ás novas tecnoloxías, que son máis
propensos a coller baixas por enfermidade, que non queren aprender.
Por riba, as empresas , á hora de recrutar sempre elixen
traballadores/as novos, por que?
O/a
traballador/a maior é caro (pódelle custar aceptar niveis salariais
que os máis novos non rexeitan), porque asumen ter dereitos laborais
e piden que as empresas os respecten e porque reivindican o seu
dereito a un equilibro entre vida e traballo, un hándicap fronte a
traballadores novos máis baratos, máis dóciles e que aceptan
contratos efémeros.
En
definitiva, os/as
traballadores/as maiores vense marxinados porque demandan calidade de
vida, demandan saúde a través das súas condicións laborais.
O
sistema capitalista ten a capacidade de relegar ás persoas a un
simple salario influenciado pola demanda e oferta do mercado e a
produción. Os/as traballadores/as e a sociedade o perciben. É
fundamental romper con esta visión empresarial.
O
mantemento e desenvolvemento da parte humana no sistema produtivo
debe ser unha prioridade para as empresas, polo seu propio beneficio
e o da sociedade, porque o mercado de traballo é un dos piares que
sostén a sociedade e a calidade de vida das persoas. Sen condicións
de traballo saudables e centradas nas persoas non teremos unha
sociedade sa.
A
contracción da poboación activa prevista a medio prazo obrigará ás
empresas a adaptarse a unha nova realidade, a dos/as traballadores/as
maiores. É preciso poñer en marcha os mecanismos que favorezan os
etilos de vida saudables en toda a súa dimensión pero iso non pode
ser posible se o propio sistema empresarial mantén prexuízos sobre
a produtividade e non da un valor engadido á experiencia, se non
asume a que esa produtividade está máis condicionada pola
satisfacción laboral e a calidade de vida que pola idade.
Fontes
“As
enfermidades do “estilo de vida” no traballo: entre a vixilancia
e as prácticas do coidado de si”.Gustavo Gisbert
Gandica. Universitat Autònoma de Barcelona.
“Estilos
de vida e satisfacción laboral”. Carmen Zoraida Díaz
Burgos. Tese presentada para a obtención do grao de doutor pola
Universidade Complutense de Madrid.
“Análise
sobre estilos de vida, ambiente laboral, factores protectores e de
risco en seis grupos poboacionais dunha empresa transnacional no
período 2005-2008”. Mary
Meza Benavides, Grettel Miranda Villalobos, Natalia Núñez Agüero,
Uvania Orozco Rivera, Sharon Quiel Castro, Gabriela Zúñiga
Arguedas.
“Traballadores
maiores: un reto complexo”. O Periódico
de Catalunya, 29 de Maio de 2012. Carlos Obeso Abalde, Profesor
titular do Departamento de Dirección de
Persoas e Organización.
Ningún comentario:
Publicar un comentario