O pasado martes o Concello de Betanzos aprobou de xeito definitivo os orzamentos para o ano 2016. O documento foi aprobado cos votos a favor do PSOE, Betanzos Novo e Compromiso por Galicia, logo de desestimar as alegacións presentadas pola Confederación Intersindical Galega, nas que se cuestionaban os criterios retributivos que se veñen aplicando desde hai anos ao persoal e que en moitos casos non responden a criterios obxectivos, tal e como xa se ten demostrado.
Onte mesmo, e logo de saber pola prensa o acordo adoptado no pleno, a CIG solicitou por rexistro toda a documentación relativa á desestimación de cara a poder levar adiante as medidas que en dereito procedan.
A maiores, e por primeira vez, o Concello vén de publicar os orzamentos na páxina web municipal, as bases de execución relativas ás retribucións do persoal laboral e do funcionariado e mais os salarios de todo o persoal laboral e funcionario.
Podes consultar o capítulo XII, as Bases do persoal, na páxina 31 do documento, aquí. Neste documento aparecen os complementos persoais existentes na base 79 na actualidade, tanto derivados da aplicación do convenio colectivo de xeito unilateral como os que o Concello creou da readmisión de varios compañeiros. Estes complementos van desde os trinta e nove euros ata os máis de mil cen doutros e deixan de manifesto as discriminacións retributivas existentes.
Podes consultar o anexo cos salarios do persoal laboral e funcionario aquí.
É curioso botar a vista atrás e lembrar os problemas que houbo no pasado por querermos facer pública toda esta información, tal e como procede, e ver como agora é a propia Administración local quen a fai pública dándonos a razón unha vez máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario