05/08/16

Un mes despois da denuncia na Inspección de Traballo, o Concello entrégalle ao Comité de Empresa a información sobre as horas extraordinarias de novembro de 2015 a xullo de 2016

Cinco anos despois de chegarmos a ter representación sindical no Concello de Betanzos hai cousas que non cambian. Houbo que volver á Inspección de Traballo para que o Concello lle entregue ao Comité de Empresa a información sobre as horas extraordinarias de novembro de 2015 a xullo de 2016, mesmo a pesar do informe do propio asesor xurídico do Concello que indica que se lles deben entregar con carácter mensual (para que logo lle boten a culpa aos informes do persoal municipal cando demostran con casos coma este, que só lles fan caso cando lles convén).

O pasado 8 de xullo o Comité de Empresa, presentou varias denuncias na Inspección de Traballo asinadas pola presidenta do organismo. Entre elas, comunicábaselle á Inspección provincial que os representantes dos traballadores levaban nove meses sen recibir a información correspondente ás horas extraordinarias e solicitábase a actuación do organismo. Este mesmo martes, 2 de agosto, nunha reunión mantida entre o concelleiro e os representantes sindicais, o goberno municipal cedía e entregáballe a documentación que lle corresponde antes de que actuase a Inspección.

Logo de meses solicitándoas por escrito e verbalmente cumpriu facer a denuncia e lamentablemente aos feitos nos remitimos para advertir que hai temas, como a información relativa ao persoal, que aínda seguen sendo obxecto dunha inútil contenda entre goberno municipal e representantes do persoal laboral. Descoñecemos se os representantes do funcionariado teñen este problema, mais deducimos que se nunca houbo denuncias na Inspección por el este trato discriminatorio só se debe levar a cabo cos representantes laborais o que, por outra banda, tampouco sería se estrañar se nos remitimos ás experiencias vividas nos últimos anos neste Concello.

Nesta información entregada volvemos a advertir varias cuestións polas que lles preguntaremos ao goberno municipal, como o feito de que o persoal de limpeza cobre gratificacións no canto de horas extraordinarias, cando este concepto non debe ser aplicado a laborais e moitísimo menos para tentar saltar a lexislación vixente do máximo de 80 horas extras anuais, que entendemos, á vista dos feitos, que é a única finalidade pola que se discrimina a un colectivo fronte ao resto. Ademais, desde a Sección sindical da CIG entendemos que se pagan de xeito periódico e mensual horas extraordinarias como gratificacións, case a modo de sobresoldo e o que debe facer é o goberno municipal é contratar o persoal necesario para a limpeza e organizar ben o servizo mais non se debe prestar este a costas da explotación do persoal, porque á vista das gratificacións pagadas resultaría absolutamente imposible que o persoal deste colectivo desfrute dos descansos que lles corresponden por lei.

Resulta curioso observar como polo mesmo traballo, limpeza ou baldeo de rúas, depende do colectivo ao que pertenzas cobras unha cantidade ou outra mesmo sendo da mesma categoría profesional.

A maiores, tal e como xa lle manifestamos ao goberno municipal en varias ocasións continúan a pagarse como extraordinarios traballos que non o son e que deberían ser retribuídos doutro xeito posto que forman parte das funcións dos postos de traballo. Conceptos como "limpeza viaria, control de tráfico, realización de actividades, apertura do museo ou coordinación de actividades ou actos protocolarios etc" non son para nada traballos extraordinarios na medida en que poden e deben ser previstos e, por tanto, deberían ser remunerados doutro xeito, tal e como corresponde aos traballos dos distintos postos.

Tamén, na información entregada hai datos que deben estar mal e solicitarémoslle ao Concello información sobre o tema, porque, do contrario, sería un abuso total que haxa quen realice máis de corenta horas extras en catro días da Feira Medieval (que en realidade foi tres, mais na documentación pon que foi catro, o que debe ser outro erro) cando dous deles son días laborables e tería que realizar a súa xornada da mañá mais a maiores 10,25 horas extras cando menos o venres da festa e o luns seguinte, feito que temos dúbidas de que mesmo rozaría a explotación laboral, ou xa non sabemos como chamarlle a traballar 17 horas díarias cando o día ten 24 horas. En todo caso solicitaremos información sobre o tema para aclaralo porque os datos resulta difícil descrifralos e dan lugar a contradicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario