Unha avaliación
independente do programa Better Work amosa melloras significativas na
calidade de vida de traballadoras/es nas fábricas que asesora, así
como un incremento da produtividade e rendibilidade das empresas. O
programa Better Work, creado no ano 2007 pola Organización
Internacional do Traballo e a Corporación Financeira Internacional
membro do Grupo do Banco Mundial, ten como obxectivo mellorar as
condicións de traballo e promover a competitividade nas cadeas
mundiais de subministración da industria téxtil. Opera en sete
países: Bangladesh, Camboia, Indonesia, Vietnam, Xordania, Haití e
Nicaragua, e actualmente abarca a 1.300 fábricas que empregan a máis
de 1,6 millóns de traballadoras e traballadores.
Segundo a avaliación da
Universidade Tufts, o programa Better Work contribúe a que as
fábricas abandonen as prácticas que fomentan longas xornadas de
traballo, moi baixa remuneración, ameazas de despedimento e o uso
abusivo dos contratos por un período de proba. Traballadoras e
traballadores constatan un incremento do seu salario semanal neto e
as horas extras excesivas e os salarios baixos son cada vez menos
frecuentes. No estudo tamén se observan progresos na redución da
diferenza salarial entre homes e mulleres, en particular nas fábricas
que se benefician dos servizos de asesoramento de Better Work en
Haití, Nicaragua e Vietnam. Tamén se constataron importantes
avances na diminución das medidas laborais coercitivas e na redución
do acoso e a violencia verbal. Así mesmo, os investigadores
observaron que a formación en técnicas de supervisión de Better
Work é unha estratexia moi eficaz para mellorar as condicións de
traballo e empoderar ás mulleres na industria. A análise amosa que
as liñas de produción supervisadas por mulleres que recibiron
formación nestas técnicas de supervisión incrementan a
produtividade un 22 por cento, en comparación coas liñas de
produción supervisadas por traballadores que non recibiron
esta formación. Esta análise conclúe que estas melloras nas
condicións de traballo non se logran a expensas do rendemento da
empresa. A investigación estabelece unha relación directa entre
mellores condicións de traballo e maiores beneficios para as
empresas. En todas as fábricas nas que está implantado o proxecto
Better Work en Vietnam, os beneficios brutos aumentaron de 25
por cento logo de catro anos de participación . O proxecto Better
Work susténtase a través dos seguintes e principais doantes
asociados: Australia (Departamento de Asuntos Exteriores e Comercio,
DFAT); Dinamarca (Ministerio de Relacións Exteriores, Danida);
Países Baixos (Ministerio de Relacións Exteriores, Danida); Suíza
(Secretaría de Estado Económico, SECO); Estados Unidos ( Ministerio
do Traballo, USDOL).
Máis info
en www.cigsaudelaboral.org.
Ningún comentario:
Publicar un comentario