19/10/16

Desigualdade e discriminación salarial: unha lacra que segue a afectar ás mulleres a nivel mundial.

A dia de hoxe na Unión Europea as diferencias de retribución salarial entre homes e mulleres estímase por enriba do 16%, chegando ao 27,8% no caso de Portugal e a cifras incomprensibeis en paises como Canadá cun 33% ou Uruguai un estratosférico 68%. Así, nun estudo de dereito comparado publicado recentemente pola Universitat Pompeu Fabra (UPF) a través da sua revista dixital IUSLabor, desvélanos que a desigualdade e a discriminación laboral das mulleres en relación aos homes segue a ser unha persistente e lacerante realidade no conxunto do planeta, a pesares das lexislacións e ordenamentos xurídicos existentes que condenan e prohiben istas prácticas discriminatorias.
Do estudo derívase unha maior porcentaxe de mulleres en modalidades de traballo precarizado e en traballos informais, especialmente no que atinxe ao contrato a tempo parcial, que segue a ser unha modalidade de traballo fortemente feminizada. Asemade namentres a taxa de actividade é manifestamente inferior á dos homes, a taxa de paro e claramente superior, dándose a maiores a persistente circunstancia que a presenza de mulleres en postos de dirección segue a ser extraordinaria e inxustificadamente baixa.
No que atinxe ao estado das medidas de conciliación laboral e familiar, aínda que con diferencias entre eles, en termos xerais as mulleres dispoñen dunha regulación claramente máis favorable nos estados membros da Unión Europea que, na maioría dos casos habilitan regulacións que permiten a redución da xornada laboral polo coidados de fillos ou familiares dependentes; circunstancias istas que degrazadamente non se repiten na maioría dos estados extracomunitarios, dependendo as medidas de conciliación das que as mulleres se podan beneficiar dos acordos aos que en cada caso se poida chegar coas empresas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario