Cinco traballadoras da
limpeza de colexios na rúa despois da remunicipalización do servizo
de limpeza no Carballiño
É posíbel que unha
medida de cariz progresista se acabe volvendo contra os
traballadores/as? Así se demostra no caso da remunicipalización do
servizo de limpeza de colexios públicos do Concello do Carballiño,
onde despois do proceso se despediu ás cinco traballadoras que até
o momento desenvolvían esa función. Cinco mulleres quedan agora na
rúa, nalgún dos casos en situación de especial vulnerabilidade,
agardando que o goberno municipal rectifique a decisión.
De pouco vale levar a
cabo unha política nominalmente progresista se non vai acompañada
do respeito máis elementar por aqueles/as a quen se di defender. É
o caso do goberno municipal do Carballiño, en mans do PSOE, que
cando decidiu “rescatar” o servizo de limpeza dos centros
escolares deixou relegadas as cinco mulleres que até entón
traballaban para a empresa Clece.
Aínda que desde o
primeiro momento a CIG tentou a súa readmisión, o concello escúdase
na súa condición de entidade pública para non acatar o convenio,
que contempla a subrogación no caso de cambios de titularidade de
empresa. Por iso, a proposta da central nacionalista consistiu en que
a institución se persoase no acto de conciliación e readmitise as
cinco traballadoras “como persoal indefinido” mentres non se
convocase un concurso-oposición “segundo os principios de
igualdade, mérito e capacidade”.
Despois de diferentes
conversas, nas que parecía que o concello se aviña a entrar en
razóns, o certo é que pasadas as eleccións “non se persoaron na
conciliación”, resolvendo denegar as reclamacións das afectadas.
Anxo Pérez Carballo, da Executiva Confederal da CIG, salienta a
inxustiza da medida: “non é que suspenderan unha oposición, é
que nin sequera se lles deu unha oportunidade para continuar nos seus
postos”. Ao tempo, foron substituídas “de forma aleatoria”
desde o Servizo Público de Emprego.
Rolda de contactos e
mobilizacións
Neste sentido, desde a
central iniciouse xa unha rolda de contactos cos diferentes grupos
municipais na busca de apoios, ademais de levar a cabo concentracións
diante do mesmo concello para visibilizar a problemática. “Se no
lugar de cinco fosen cincuenta estamos seguros de que o goberno
municipal non se tería atrevido”, asegura o sindicalista, para
quen, aínda así “estamos a tempo de solucionalo”.
Por iso, solicita ao
concello que abandone a súa negativa e atenda a xusta reclamación
destas cinco compañeiras en “moi difícil situación”, tendo en
conta ademais que “hai varias situacións de especial
vulnerabilidade e mesmo familias monoparentais”.
A CIG aposta
decididamente polo rescate de servizos públicos en beneficio da
clase traballadora, tal e como aprobou no seu Secretariado Confederal
en 2015. Este proceso evidencia, porén, todo o contrario: que é
posíbel o rescate de servizos privatizados abandonando, á súa vez,
as traballadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario