08/11/16

O Concello contrata por segunda vez unha empresa para elaboración dunha Relación de Postos de Traballo: neste Concello menos para equiparar ao persoal hai cartos para todo!

O 13 de novembro de 2013 o goberno do PSOE anunciaba a contratación dunha empresa para a elaboración da Relación de Postos de Traballo na súa páxina web municipal, tamén daquela poñía que os técnicos municipais revisaban as bases das axudas sociais (pois mirade que non lles leva tempo...). O 7 de novembro de 2016 o Concello de Betanzos publica no Boletín Oficial da Provincia o anuncio para a contratación dunha empresa "para o deseño, confección e implantación efectiva dunha Relación de Postos de Traballo". Calquera persoa no seu sano xuízo pensaría que o Concello paga dúas veces polo mesmo mais que non se preocupe, que os 21000 euros que xa lle pagou a Galivalia polo momento non serviron para nada mais que para enriquecerse a empresa, porque o que foi contratado para elaborar unha RPT seica acabou como asesoramento no proceso de negociación dun convenio colectivo e dun acordo que dous anos despois aínda nin sequera están en vigor! Así dá gusto traballar e gastar os cartos pensará o goberno municipal!

O caso é que a empresa que asesorou no proceso de negociación do convenio, contratada inicialmente para a RPT foi un dos grandes casos de fraude porque finalmente foron os representantes dos traballadores os que tiveron que traballar polo miúdo co texto ante unha empresa que obviamente non cumpriu os seus obxectivos na medida en que algunha das propostas estrela que traía foi tumbada inmediatamente pola Xunta na revisión do texto. Polo tanto, ata o momento a experiencia so asesoramento externo en materia de persoal no Concello de Betanzos redúcese a:

1. Enriquecemento da devandita empresa.
2. Sinatura dun convenio que ata o momento só serviu para xustificar ante Intervención o pagamento das facturas de Galivalia.
3. Estafa dalgunha das propostas estrela, como a indefinición de certo persoal por convenio, que desde a CIG non comprendimos desde o primeiro momento.
4. Resultado nulo para a mellora da situación laboral máis dun ano despois de que a empresa cobrase.
5. Claro incumprimento dunha parte, cando menos, do obxecto do contrato inicial.
6. Situación de desigualdade salarial do persoal laboral con respecto ao funcionariado cada vez máis insostible desde a máxima de igual traballo, igual salario.

Tendo en conta estes antecedentes non sabemos o que podemos agardar desta nova licitación que vén de saír publicada, non obstante, o único que sabe o Comité de Empresa hoxe en día é que na última reunión que tivo o Comité co concelleiro de Persoal, Diego Fernández, este manifestou que dera instrucións claras de que a prioridade era o convenio, e logo a licitación da empresa e as novas bases de substitución, pois ben, ou o concelleiro mentiulle descaradamente aos representantes dos traballadores ou, é obvio que el non decide a prioridade dos asuntos, porque do contrario, o propio Concello non tería publicado, mesmo antes de saír no Boletín da Provincia o tema das listaxes de substitución e a licitación da empresa, e seguir coa boca pechada con respecto á situación da tramitación do convenio colectivo asinado xa hai 5 MESES na Comisión Negociadora correspondente.

Este novo contrato valorado en 30000 euros máis IVE, sumarase aos 21000 euros gastados no asesoramento de Galivalia, e case resulta indignante que o Concello pretenda gastar semellante cantidade de cartos no asesoramento para a solución dos problemas existentes no cadro de persoal, moitos deles derivados das discrimacións salariais,e resulta paradóxico que o PSOE non repare en gastar máis de 50000 euros en empresas de asesoramento, mais non sexa quen de levar adiante un convenio cunha mínima equiparación salarial e cuxo gasto non chegaría nin de lonxe ao gastado nas empresas.

Desde a CIG temos moi claro que a situación é insostible e levamos moitos anos reclamando solucións, mais non se vai solucionar máis por tirar os cartos. O que fai falla é unha vontade do goberno por solucionar as cousas e tratar a todo o persoal por igual porque ao acordo que se chegou co convenio púidose ter chegado sen asesoramento externo e o PSOE é claramente quen decide se este segue para adiante, non só agora co convenio senón nun futuro con todo o que vai recollido no prego e que suporá a guía de actuación en materia de persoal para os vindeiros anos. Por tanto, é necesaria unha solución da situación, por suposto, mais seguir contratando empresas sen que os traballadores vexamos as solucións nin os froitos deses traballos de asesoramento non consideramos que sexa o camiño adecuado.

Se Ramón García, o alcalde, ten claro que é o momento de solucionar problemas históricos como as discriminacións salariais ou a temporalidade e a abundancia de contratos en presunta fraude de lei aos que somete ao persoal laboral, é o momento de demostralo e impulsar propostas de solución en colaboración cos representantes dos traballadores e co propio persoal, e ese camiño debe inciarse necesariamente coa aprobación e entrada en vigor do novo convenio colectivo do persoal laboral. Nos vindeiros meses demostrará se vai ser así, ou se, pola contra, toda a negociación foi unha estafa preelectoral e un engano descarado ao persoal que traballa nesta Administración local. Unha vez dado este paso demostraría que cre na necesidade de mudanzas e beneficiaría o proceso de negociación da nova Relación de Postos de Traballo e o Plan de reordenación de recursos humanos.

Con respecto ao prego técnico, recomendámovos botarlle unha ollada polo miúdo e deixámosvos a temporalización proposta para máis información:

4.1.Os traballos de asistencia técnica e xurídica desenvolveranse no prazo de dos anos e  medio, de acordo cos seguintes prazos parciais semestrais, e co seguinte contido mínimo  que poderá ser concretado e mellorado polos licitadores na súa oferta técnica:

1ª Fase: decembro de 2016 – maio de 2017.
-Deseno e elaboración do borrador inicial de RPT e do Organigrama municipal.
-Fase de información e consultas cos respresentantes dos traballadores.
-Elaboración do borrador provisional de RPT e do Organigrama municipal.

2ª Fase: xuño de 2017 – novembro de 2017.
-Negociación colectiva da RPT e do Organigrama cos representantes sindicais
-Elaboración da RPT e do Organigrama definitivos (consensuados)
-Aprobación dos documentos e entrada en vigor.

3ª Fase: decembro de 2017 – maio de 2018.
-Deseno e elaboración do borrador inicial de Plan de ordenación de RRHH.
-Fase de información e consultas cos respresentantes dos traballadores.
-Elaboración do borrador provisional de Plan de ordenación de RRHH.
-Asistencia na execución da RPT e Organigrama aprobados:
- Aprobación da OEP 2018.
-1ª Convocatoria de prazas (en propiedade, interina, libres, promoción interna)

4ª Fase: xuño de 2018 – novembro de 2018.
-Negociación colectiva do Plan de ordenación de RRHH cos representantes sindicais.
-Elaboración do Plan de ordenación de RRHH definitivo (consensuado)
-Aprobación e entrada en vigor.
-Asistencia  na  execución  da  RPT,  do  Organigrama  e  do  Plan  de  Ordenación  de    RRHH
aprobados:
- 2ª Convocatoria de prazas (en propiedade, interina, libres, promoción interna)
-Execución medidas específicas (I) propostas no Plan de ordenación.

5ª Fase: decembro de 2018- maio de 2019.
-Asistencia  na  execución  da  RPT,  do  Organigrama  e  do  Plan  de  Ordenación  de    RRHH
aprobados:-Aprobación da OEP 2019,
-3ª Convocatoria de prazas (en propiedade, interina, libres, promoción interna)
-Execución medidas específicas (II) propostas no Plan de ordenación.

Novas relacionadas:







Ningún comentario:

Publicar un comentario