O
caso de Isabel Coto constitúe un exemplo para as mulleres que sofren
unha situación de acoso laboral e sexual no seu traballo. Farta de
sentir medo e de que pisaran os seus dereitos, decidiu loitar para
recuperar a dignidade, aínda que iso supuxera enfrontarse a unha
grande empresa como El Corte Inglés. Agora, unha sentenza do Social
3 da Coruña dálle a razón e marca o camiño fronte á impunidade
na que adoitan quedar estes comportamentos no ámbito empresarial.
Os
teus problemas na empresa comezaron co traslado ao centro de traballo
de Altamira. Cando fuches consciente de que o trato do teu novo xefe
excedía o estritamente cordial?
Cando
comezou a facerme preguntas íntimas. Ao principio sorprendíame un
pouco porque me parecía que era demasiado íntimo, pero pensei que
era un trato cordial, non estaba desconfiada nin era consciente do
que podía ser. Cando nos atopamos no despacho e me tocou o pelo e
logo as costas xa me din conta de que iso era unha actitude sexual. A
segunda vez ao saír do despacho, xa me tocou o cu. Aí xa lle puxen
freo, deixando claro que baixo ningún concepto ía consentir ese
comportamento, que se estaba equivocando e que mantivera as
distancias. Iso debeu ser aos catro meses do traslado.
Unha
vez que non respondes ás insinuacións do teu xefe, cal foi a súa
reacción, de que xeito mudou o seu comportamento cara a ti? Houbo
represalias, en que se concretaron?
Pedir
calquera cousa que tiña por dereito, supoña unha rifa. Todo o que
facía parecíalle mal, dicíame que el era o que mandaba na tenda e
que eu estaba moi equivocada. Berrábame por todo e dáballe igual
que estivera a clientela diante. E dirixíase a min con actitudes do
tipo "ti quen te cres que es".
Cando
tiven que pedir un permiso pola operación da miña nai, ameazou con
"que me ía saír caro". E cando solicitei o día a maiores
que a empresa ten recollido por casar, chamoume ao despacho para
dicirme que me ía dar o día porque o mandaba a empresa, pero que me
traería consecuencias.
A
persecución era constante e sentíame vixiada continuamente. Pasaba
máis tempo en caixa que o resto do persoal. Estar en caixa é unha
especie de "castigo" para as traballadoras e traballadores
desta tenda, porque é un traballo moi duro: as caixas non están
adaptadas, o espazo é reducido, as cadeiras tampouco están
adaptadas, tes que remarcar artigo por artigo, etc.
Tamén
me facían subir as alturas, cando saben que teño medo (estamos
falando duns andeis que son case como un quinto piso de altura). E
iso cando nin sequera teño o curso de formación para subir á
maquina elevadora nin me facilitaban os equipos de protección
axeitados.
Sufriches
ameazas de despedimento?
Cando
a miña nai se operou, collín un permiso dun mes sen soldo. Ao
comunicarllo ao meu xefe -cousa que fixen por cortesía, xa que a
solicitude dirixina ao departamento de persoal-, botouse a rir e
díxome "a ver se non levas algunha sorpresa". De FETICO
(sindicato maioritario en El Corte Inglés) chamaron a súa delegada
para comunicarlle que foran buscar o permiso e ao parecer, a empresa
tiña a miña carta de despedimento preparada, supostamente por
roubar en horas de traballo.
É
curioso que me acusaran de roubar e no xuízo a empresa nunca sacara
a relucir ese tema. De feito, até na sentenza a xuíza destaca que a
empresa non fixera mención nin achegara as probas dunha acusación
tan grave. Está claro que tiñan todo preparado para despedirme con
calquera motivo.
Tiveches
medo nalgún momento?
Tiña
un medo terríbel, comezaba a subir a costa de Altamira e pensaba,
'que me vai pasar hoxe?' Teño chorado dende a casa ao traballo,
porque sabía que algo, mais ou menos forte, ía suceder; polo de
pronto, cada vez que ía ao baño encontra o meu xefe cando saía.
Chegou un punto en que non sabía que facer e comecei a levar
gravadora ao traballo. É única cousa que tes, o que pasa nun
despacho é a túa palabra contra a do outro, ademais o meu xefe
contaba co apoio da persoa que estaba ao seu carón. Afortunadamente,
a xuíza aceptou as gravacións porque eu estou na conversa e non se
falan cousas da intimidade persoal dos interlocutores, senón de
traballo.
Puxeches
estas situacións en coñecemento da representación sindical? Que
resposta e que actuacións realizou o comité para pórlle solución?
En
El Corte Inglés non se respectan os dereitos de ninguén, comentas
algo ao delegado sindical e aí morre. O representante legal de
FETICO foi ao xuízo dicindo que eu non informara de nada, que estaba
mentindo, amparándose en que El Corte Inglés non entrega papeis de
nada. Por iso, unha das cousas que aprendín nese tempo é a pedir
papeis, para que quede constancia por escrito de todo.
Antes
de coller a baixa tamén pedín o traslado de centro. O representante
sindical de FETICO díxome que "á empresa non lle gustan estas
cousas" e por iso que me pedía o traslado, mais alegando
motivos persoais. A empresa non me contestou, nin tampouco me chamou
para coñecer cales eran eses "motivos persoais".
En
que momento e por que decides acudir á CIG? Que accións se foron
tomando dende a central sindical?
No
mes de setembro de 2015, despois de dúas crise de ansiedade tiven
outra máis -a miña médica xa me quixera dar a baixa en abril
porque estaba tomando medicación-. Aí rompín, non sabía que
facer, a FETICO e a FASGA dende logo non podía acudir, e por medio
dun afiliado da CIG cheguei á Federación de Servizos, de onde me
derivaron á técnica de igualdade na Secretaría das Mulleres.
Dende
o principio sentinme apoiada, escoitáronme, creron en min e
animáronme a que denunciara o acoso ao que estaba sendo sometida. O
primeiro paso foi elaborar un escrito no que se relataban todos os
feitos que figuran na sentenza, denuncia que foi enviada á empresa
solicitando que activara a Comisión Instrutora de Tratamento de
Situacións de Acoso (CITSA).
Posteriormente
no mes de decembro presentei denuncia na Garda Civil, e de xeito
paralelo presentouse a denuncia na Inspección de Traballo e a
demanda polo social por acoso sexual e moral no traballo e tutela de
dereitos fundamentais e liberdades públicas.
Cando
das inicio á CITSA, como responde este órgano? Nalgún momento a
Comisión dirixiuse a ti ou visitou o centro de traballo de Altamira?
Ao
centro de traballo non se achegaron, entrevistáronse cos xefes,
comigo e con compañeiros/as de traballo. Activaron o protocolo e a
súa conclusión é que non pasou nada. Incluso logo de escoitar as
gravacións que lle levei, a resolución foi que non detectaron
ningún tipo de acoso nin moral nin sexual. A pesar das graves
irregularidades que cometeron no CITSA: non identificaron con nome e
apelidos ás persoas entrevistadas nin o criterio polo que foron
escollidas.
Posteriormente
denuncias diante da Inspección de Traballo, que actuacións realizou
a Inspección, foron suficientes, levantouse acta de infracción?
A
actuación da Inspección foi insuficiente, como agora demostra a
sentenza. Recoñece que hai malos modos, que se me faltou á
dignidade polos berros e que houbo falta de respecto diante de
compañeiras/os e clientas/es, e insta a empresa a que haxa máis
educación, pero non levantou acta de infracción. Presentamos
reclamación contra a resolución da inspectora e a
contestación foi a mesma, cando realmente moitos compañeiros e
compañeiras relataron a situación de acoso que finalmente quedou
probada.
Mudou
a actitude da empresa ou do teu xefe a partir do requirimento da
Inspección?
Non teño constancia de que mudara nada, porque o
maltrato nese centro de traballo forma parte do clima laboral, o
despotismo está institucionalizado.
Que
consecuencias tivo todo isto para a túa saúde?
Non
podía durmir, tiña pesadelos, ataques de pánico, volvinme tatexa
-aínda que eu nin sequera me daba conta-, caíame o pelo, saíronme
chagas na boca... e deixei de facer a miña vida por completo, sempre
tiña medo. A miña autoestima afundiuse, chegas a dubidar tanto de
ti mesma, do teu razoamento, da túa profesionalidade, do teu trato
cos demais, dubidas de todo. Non me tería importado tirarme dunha
fiestra nese momento.
Declaráronme
estrés postraumático e remitíronme á psiquiatría no Hospital de
Oza. Nestes momentos estou de baixa, concedéronme unha prórroga e
agora estou mellor, grazas a todas as persoas que me axudaron.
Sabes
se dan casos similares aos teus noutras tendas da empresa? E cal ten
sido a resposta de El Corte Inglés e a CITSA neses casos?
Si
que se dan. Vin situacións complicadas, vin cambios de traballadoras
a outros centros, e sei de xente coa que non fixeron nada.
Para
ti, que é o máis importante desta sentenza?
A
nivel persoal que me devolve a miña dignidade. Eu non son como di
ese señor (refírese ao xefe condenado): nin follonera nin
mentireira nin outras cousas que me chamou. É a miña dignidade, é
unha cousa moi sinxela: que rifemos por cuestións laborais de xeito
cordial podo entendelo, pero os berros por cuestións persoais e que
mintan sobre a miña persoa, non. Nin minto nin busco leas.
E
a nivel laboral que me devolve ao meu posto de traballo nas
condicións anteriores. Coa sentenza na man ese home non pode
traballar comigo.
Sentenzas
como a que vimos de coñecer resultan de grande transcendencia polas
dificultades que supón demostrar a existencia do acoso e a
impunidade na que adoitan quedar estes comportamentos no ámbito
empresarial. Agardas que sirvan para mudar as actitudes permisivas de
El Corte inglés (e outras empresas) cara estes comportamentos e que
realmente a CITSA se converta nun órgano eficaz e operativo?
Espero
que polo menos que sirva para que a xente que teña un problema poida
solucionalo, iso é o que me gustaría. Dende logo, en El Corte
inglés actuaron como actuaron comigo porque nunca creron que iría a
xuízo (nin pola vía social nin pola vía penal, que está en fase
de instrución) e nunca pensaron que fora gañar. Esperan que te
derrubes e marches voluntariamente.
Foi
relevante para ti que as persoas que te atenderan na CIG e no
despacho A Sensu Contrario sexan mulleres feministas e con
formación en violencia de xénero?
Foi
relevante porque eu estaba perdida. Chegamos aquí por como me
aconsellaron e apoiaron, porque senón eu non estaría aquí, iso
tamén o teño moi claro. Porque nunha situación así estás
perdida, podes saber algo, pero para as cuestións legais tes que ter
plena confianza nas profesionais.
Tamén
me agradou que a xuíza fora unha muller, sentinme máis cómoda.
Dende a parte empresarial queríanme desacreditar e facer ver que me
inventaba todo, pero a xuíza non o consentiu E sorprendeume
gratamente que o fiscal se persoara e dende o primeiro minuto
comezara a facer preguntas.
Teño
que dar as grazas á xente que me acompañou até aquí e me axudou,
o sindicato, as miñas avogadas, as compañeiras, a miña familia e,
especialmente, o meu home. Esta sentenza tamén é importante para as
miñas compañeiras porque gañar o xuízo despois de testificar é
un amparo para elas.
Tes
detectado outro tipo de comportamentos patriarcais na empresa?
Asúmenos como algo normal as traballadoras e traballadores? Cres que
o teu xefe se permitiu unha persecución tan constante e reiterada
porque sabía que na empresa está implantada unha cultura
condescendente con estes comportamentos?
Si,
por suposto. El mantiña unha actitude de "eu aquí son o xefe e
non me vai botar ninguén", consideraba que eran os seus
almacéns, e facíao co amparo da empresa, por que como se pode
considerar senón que non visitaran sequera o centro para comprobar o
que estaba a pasar.
No
caso do persoal mírase moito para outro lado, moi poucos compañeiros
e compañeiras din algo, mais ben sentes que che fan o baleiro. Teño
entrado no almacén moitas veces, estar a xente falando e calar de
súpeto. Pero espero que isto cambie, comentáronme que despois de
coñecer a sentenza había un ambiente máis relaxado na tenda.
O
acoso sexual no traballo é un reflexo da sociedade machista na que
vivimos e como tal moitas veces agóchase baixo a aparencia de bromas
ou comentarios inocentes, invisibilizándose, trasladando a
responsabilidade á vítima e deixando aínda máis indefensa. Que
aconsellarías a unha muller que estea a pasar pola túa mesma
situación?
Primeiro
que tente falalo cos/as responsábeis da empresa que poidan
solucionar a situación e se continúa, que denuncie, que loite polos
seus dereitos como traballadora e a súa dignidade persoal. É moi
duro, pero merece a pena. Na pelexa gañas confianza, ves o que
che pasou dende outro punto de vista e dáste conta de que as cousas
non son como queren facerche crer.
Cal
é o seguinte paso nesta loita?
O seguinte paso é volver ao
meu posto, recuperar a miña vida e traballar con tranquilidade. Eu
só quero poder ter un ambiente cordial. Esa parcela é importante
porque pasamos moitas horas no traballo.
E
vou satisfeita porque mentiron para destruírme, animica e
laboralmente, e non o conseguiron. Síntome orgullosa da xente que me
acompañou e a onde chegamos e teño ilusión porque demostrei que se
pode loitar e que non me teño que quedar acurralada nunha esquina. É
importante loitar e tiven a sorte de contar co apoio da miña familia
e das compañeiras que apostaron por min e que, a pesar do medo ás
represalias, dixeron a verdade no xuízo.
Máis info en www.cig.gal.
Máis info en www.cig.gal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario