A CIG impugnará a
privatización do servizo de axuda a domicilio por fundamentarse en
informes falsos.
O Xulgado contencioso
administrativo de Santiago vén de emitir sentenza contra a
resolución do alcalde do Concello de Vedra, que aprobou as bases
reitoras para a cobertura dunha praza de técnico-axente laboral
temporal, declarando a súa “ineficacia”, por non terse publicado
debidamente. Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos,
anunciou que solicitará a execución da sentenza, a repetición da
convocatoria e que a Deputación requira ao concello a devolución da
subvención. Xunto a isto adiantou a decisión da CIG de impugnar o
acordo do pleno do concello de privatizar o servizo de axuda a
domicilio.
Segundo explicou o
secretario nacional da CIG-Servizos, en rolda de prensa, a CIG tivo
coñecemento das irregularidades que rodeaban a convocatoria desta
praza de carácter temporal a raíz das protestas de persoas que
concorreron á mesma e que denunciaban falta de recoñecemento de
méritos que aportaban, probas de carácter dubidoso, falta de
publicidade e que mesmo chegaron a asegurar que xa se sabía cal ía
ser a persoa que cubriría a praza.
“Unha vez
recibida esa información comprobamos as bases da convocatoria e que
carecía dos requisitos mínimos de publicidade e, polo tanto, de
igualdade e que incumpría o establecido legalmente mesmo para as
prazas de carácter temporal”, indicou Rubido quen considerou que
por parte dos concellos, moitas veces dá a impresión de que se
considera que as prazas temporais non teñen que ter requisito algún,
“algo absolutamente falso xa que toda praza que se convoca desde a
administración pública ten que seguir uns mínimos criterios”.
De feito lembrou que
durante o xuízo o concello baseou a súa defensa en que a praza xa
rematar e que non tiña sentido seguir coa súa impugnación. “O
xulgado non estimou ese requirimento porque con independencia de que
a praza remate ou non ten que seguir uns mínimos criterios e fallou
a ineficacia da convocatoria na medida en que faltaba os principios
básicos de publicidade e de igualdade”.
A sentenza aínda
non é firme, pero Rubido xa anunciou que a CIG, en canto se
ratifique, solicitará a súa execución coa intención de que se
repita a convocatoria e se volva contratar un/ha axente técnico de
turismo por catro meses, conte o concello de Vedra con subvención ou
non. Ademais entende que a deputación debe requirir do concello que
devolva os cartos por unha execución irregular ao ser anulada a
convocatoria realizada”. Rubido entende que “non pode quedar
nunha reprimenda ao alcalde sen máis consecuencias. Ten que ter un
custo para a administración para que os veciños e veciñas de Vedra
saiban que isto débese a unha mala xestión do alcalde, que se
dedica a dar convocatorias de carácter temporal en condicións
dubidosas”.
Privatización do servizo
de axuda a domicilio
Rubido tamén denunciou
que, no pleno do 30 de xaneiro, o concello de Vedra decidiu
privatizar o servizo de axuda a domicilio, conformado por cinco
traballadoras municipais a tempo completo e coa prestación do resto
de horas de servizo a través dunha empresa privada.
Alén de cuestionar a súa
privatización por considerar que suporía un deterioro da calidade
asistencial e de que ten que ser público, porque vai dirixido
precisamente aos colectivos máis desprotexidos, que son os menores e
os maiores, Rubido asegurou que a decisión adoptada polo PP de
Vedra, que goberna con maioría absoluta, baseouse en “informes
totalmente adulterados” e sinalou que “cando unha decisión
plenaria se fundamenta en informes falsos, erróneos ou que inducen
ao engano, o acordo plenario é considerado nulo”.
O secretario nacional de
CIG-Servizos lembrou que, no decurso dese pleno, o alcalde vendeu esa
privatización como un aforro de preto de 60.000 euros, ao prescindir
das traballadoras propias e trasladalas a unha empresa privada. Porén
a CIG fixo o seu propio informe no que “dun simple cálculo tiramos
que, ou ben as traballadoras do servizo de atención a domicilio de
Vedra gozan de salarios de alto cargo ou senón as contas non dan”.
De feito, as sumas totais
do salario destas traballadoras, segundo o informe da CIG, son 70.000
euros por máis de 6.000 horas ao ano e o contrato que saca o
concello ascende a nin máis nin menos que 1.800.000€ en catro
anos, máis IVE, unha cuarta parte do orzamento municipal do concello
de Vedra.
Advertencia ás empresas
que concorran
Caso de saír adiante a
impugnación, esta sería posterior á adxudicación do servizo
-porque xa está publicado o concurso no BOP e pendente de resolver
na mesa de contratación a finais de abril- e obrigaría ao
concello de Vedra a anular ese contrato , exporse a unha posíbel
reclamación por danos e prexuízos da empresa adxudicataria do
servizo, que ten que depositar un aval, facerse cargo de todas as
traballadoras e subrogalas, ademais de facer un investimento cunha
perspectiva a catro anos. “Se este acordo plenario se bota para
atrás habería que volver todo para atrás provocando un baleiro
legal de consecuencias dificilmente predicibles, un auténtico caos
no servizo”.
Ante esta posibilidade,
no propio pleno, tanto o PSOE como o BNG consideraron que o máis
sensato sería contrastar os informes e revisar as contas. Porén
desbotouse esa posibilidade e agora “cada quen terá que asumir as
consecuencias das decisións que toma porque é un tema dunha
gravidade extraordinaria”.
Por iso Rubido adiantou
que a CIG acudirá á mesa de contratación coa copia da impugnación
para que as empresas que concorran teñan coñecemento da oferta que
está sobre a mesa.
Máis info en http://www.cig.gal/
Ningún comentario:
Publicar un comentario