O pasado 21 de marzo tivo lugar unha reunión de presentación da empresa que vai elaborar a Relación de Postos de Traballo á que foi convocado todo o persoal que ten conta de correo electrónico do Concello de Betanzos.
Antes da devandita reunión o Comité de Empresa rexistrou unha queixa pola non comunicación desta reunión ao persoal que non tiña conta de correo electrónico e solicitoulle que axilizase a creación de contas para que a información de temas laborais se distribúa en igualdade de condicións entre todos o persoal municipal. De feito, algúns compañeiros nos amosaron o seu malestar ao día despois, cando souberon que houbo tal reunión e o Concello non os convocara, como ao resto.
En todo caso, e para información xeral do persoal, resumimos os temas tratados na reunión do pasado 21 de marzo de 2017.
O concelleiro de Persoal presentou á empresa mercantil Quorum Económico S.L., unha mercantil que traballará no Concello de Betanzos da man de Francisco Ferreira Seaone, profesor da USC. En primeiro lugar o Concello presentoulle á empresa a situación co convenio colectivo do persoal laboral para a súa futura aplicación unha vez que entre en vigor. Así mesmo, sinalou que as indicacións para a elaboración da empresa da Relación de Postos de Traballo foron que esta fose novidosa, rupturista e moderna, que non fose unha copia da actual, senón que partise de 0 coa premisa de que se inclúan todos os postos existentes na actualidade.
Na explicación indicaron que o traballo de elaboración da RPT sería para un instrumento de ordenación interna e valoración técnica dos postos de traballo, mais sempre no marco dun proceso negociado. Todos os postos serán obxecto dunha entrevista e estas comezan mañá e terán lugar os martes, nas entrevistas os traballadores e traballadoras poderán falar sobre as súas funcións, así como propostas de mellora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario