Desde o pasado 19 de abril están publicadas as listaxes definitivas da bolsa de emprego de técnico/a de xardín de infancia e o persoal da Escola Infantil Municipal Santiago de la Fuente segue padecendo a falta de persoal motivada pola xubilación anticipada dunha traballadora. En varias ocasións o propio concelleiro de Persoal, Diego Fernández, comprometeuse a contratar persoal baixo a figura de acumulación de tarefas no momento en que as listaxes fosen definitivas e mesmo a propia concelleira de área comprometeuse a que esta situación se ía solucionar a comezos de maio e solicitoulle ao persoal que, mentres tanto, realizasen as horas extras necesarias.
O Comité de Empresa fixo esta solicitude a instancias das demandas do persoal que leva anos con problemas deste tipo de facendo moitas horas extras para suplir as faltas nun servizo onde a carga de horas pode ser esgotadora debido ao tipo de traballo. Esta situación complícase cando mesmo en ocasións o persoal vese obrigado a renunciar a dereitos como días libres pedidos en tempo e forma para manter o servizo nas condicións que procede.
O Comité de Empresa, a instancias da CIG, solicitoulle ao Concello que agora que a listaxe de substitucións
de técnico/a de xardín de infancia é definitiva cubra de inmediato
todas as prazas necesarias para ofrecer o servizo en condicións
óptimas, tal e como se comprometeu o goberno municipal, e que teña
constancia que a gravidade desta situación e as consecuencias que
poidan vir derivadas delas vén exclusivamente dada pola decisión do
Concello de Betanzos de non cubrir as baixas deste servizo e
sobrecargar ás traballadoras que o prestan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario