08/05/17

O goberno municipal privatiza por primeira vez un posto de conserxe

A CIG vén de solicitarlle ao goberno municipal que aclare as condicións dun traballador que ocupa o posto vacante dunha da conserxaría do edificio Liceo, así mesmo, vén de solicitarlle que cubra o posto de conserxe polos procedementos legalmente establecidos e que teña por interposta unha queixa e tome as medidas oportunas.

Lémbralle, así mesmo, que este posto era ocupado por un traballador que xa estaba con prórroga de xubilación e desde o pasado mes de xaneiro quedou sen persoal mais con idéntica carga de traballo, asumida por outro persoal. Desde a pasada semana un traballador cuxo contrato descoñece o Comité de Empresa e cuxa existencia mesmo descoñecían no Departamento de Persoal do Concello ocupa o posto de conserxe antes ocupado por un empregado público.

Este tipo de postos son de carácter estrutural e organización e funcionamento do Concello, polo que deben ser desempeñados por empregados públicos, así mesmo a Sección sindical lembroulle ao goberno municipal que esta relación cun traballador dunha empresa privada podería dar lugar a un caso de cesión ilegal de traballadores, tal e como xa advertiu a Secretaría municipal nun informe de xuño de 2015 con respecto á contratación do persoal de apoio á Feira Franca Medieval.

O Concello xa non só privatiza o cemiterio, obras, xardinaría, limpeza de rúas e de edificios, persoal de apoio para eventos, agora, tamén as conserxarías, nunha carreira imparable que comezou, como mínimo, hai cinco anos e que resulta máis que preocupante especialmente para o persoal laboral, tendo en conta que unha grande inmensidade deste está nunha situación irregular e temporal. Descoñecemos cal será a próxima privatización mais, visto o visto, nunca se sabe.

Na CIG estamos valorando os pasos a seguir con respecto a este caso de posible cesión ilegal de traballadores, ao igual que temos actuado no pasado co persoal de apoio que ocupa un despacho municipal durante a organización da Feira Franca Medieval.


Ningún comentario:

Publicar un comentario