O pasado mércores 27 de setembro os representantes do Comité de Empresa solicitaron unha reunión co concelleiro de Persoal para solicitarlle información, entre outros, sobre os seguintes temas:
1. O estado dos acordos tomados na Comisión Paritaria Mixta de Seguimento do Convenio colectivo do persoal laboral do 18 de xullo.
2. O proceso de elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo e a postura municipal ante as achegas realizadas polo persoal e os representantes dos traballadores no pasado mes de agosto.
3. Os recoñecementos de antigüidade pendentes, tanto do persoal readmitido no ano 2014, como do persoal que solicitou o recoñecemento de antigüidade noutras administracións públicas a raíz da entrada en vigor do convenio colectivo.
4. O estado de resolución da problemática do non pagamento das indemnizacións por asistencia a tribunais que o Concello de Betanzos leva negando desde que entrou a gobernar o PSOE.
5. Información sobre porqué aínda non se realizou a suba do 1% prevista nos orzamentos do estado para todos os empregados públicos nin se realizou a devolución dos atrasos desde xaneiro de 2017.
6. O estado do proceso de estudo dunhas novas bases de axudas sociais con criterios máis xustos para a súa inmediata aplicación, tal e como se acordou hai apenas uns meses.
7. Os temas pendentes de seguridade e saúde laboral, así como a necesidade da convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde.
A día de hoxe, 2 de outubro, seguimos agardando a que o concelleiro de Persoal nos atenda, manterémosvos informados con calquera nova.
Ningún comentario:
Publicar un comentario