06/10/17

Última reunión co concelleiro de Persoal (05/10/2017)

Logo da solicitude da semana pasada o concelleiro de Persoal mantivo onte unha reunión cos representantes do Comité de Empresa onde informou sobre os seguintes temas:

1. Acordos Comisión Negociadora Convenio Colectivo do 18 de xullo

Son varios os acordos sen cumprir da Comisión Negociadora do Convenio Colectivo sobre os que se lle preguntou e sobre os que a resposta xeral foi o colapso do Departamento de Persoal (escusa que leva anos sendo utilizada, que, por tanto, deriva dun problema, ao que goberno municipal lle debería buscar solución inmediata porque repercute directamente nos traballadores e traballadoras deste Concello).

A proposta para a definición de "eventos" para o cobro do Complemento de funcións extraodinarias aínda non foi estudada polo goberno mais, non obstante, xa nos anticipou que non estaban de acordo coa proposta de mínimos presentada polo Comité de Empresa. Os representantes dos traballadores manifestámoslle a discriminación que estaba supoñendo que este complemento de aplicase só aos conceptos de festas de San Roque e Feira Medieval e dun xeito maximalista, incluíndo no concepto mesmo os días despois ou antes da festa mentres tarda en se decidir como pagar o resto da programación do persoal que tamén se ve obrigado a traballar fóra da xornada laboral pola programación cultural ou deportiva.

Por outro lado, seica hai xa tempo se fixo a proposta para que se realizase o decreto de designación para o cobro do complemento de dispoñibilidade anual, tamén contemplado no convenio, mais este tema tamén segue paralizado en persoal, aínda que co compromiso de que unha vez que se solucione se pagarán os atrasos desde a entrada en vigor do convenio colectivo.

Finalmente e cando ao acordo de criterios de absorción do Complemento Persoal Transitorio segue pendente tamén da tramitación do departamento correspondente porque queren facer a modificación do convenio neste punto e levala ao pleno para a súa posterios aprobación, polo que isto si que parece que se vai demorar máis. O Concello a día de hoxe non só tería que facer unha diferente absorción da CPT senón que tería que devolverlles aos traballadores afectados os atrasos desde o 7 de abril. Así mesmo, manifestámoslle a nosa preocupación porque o Concello insista nos vellos criterios en contra do acordado para a suba pendente do 2017 e o Concello manifestou que tentaría que esta situación de solucionase xa para esta suba de 2017, pendente de solucionar a outra cuestión.

2. Relación de Postos de Traballo

Os traballadores e traballadoras seguimos pendentes dese segundo borrador da RPT e á espera das decisións tomadas con respecto ás achegas realizadas. Esta cuestión vai xa un chisco fóra do cronograma inicial porque a empresa está agardando que o departamento de Persoal lle envíe uns datos para realizar o impacto económico do documento, segundo entendimos cos criterios para o específico que se propuxeron e antes de iniciar a negociación sobre estes. Segundo nos informou o concelleiro o Concello limitouse a achegarlle a documentación á empresa e dicirlle que incorporase o que legalmente fose posible para logo facer ese impacto e este dixo que non sabían nada dos criterios dese segundo borrados, non obstante, cómpre ter claro que quen lle paga á empresa é o Concello, por tanto, as decisións que se tomen nesta cuestión son responsabilidade do goberno municipal, tanto por dar as directrices que consideraren oportunas se fose o caso, como por deixarlles facer o que consideren, se é que esa é a postura do Concello.

Os representantes dos traballadores solicitámoslle simplemente que nos dese tempo para estudar ese segundo borrador antes de ir negociar á Mesa Xeral, posto que a rolda de entrevistas xa finalizou como tal e precisabamos ver polo miúdo todas as modificacións para facer as consultas pertinentes e valorarmos se é posible unha negociación baixo determinadas premisas.

3. Orzamentos ano 2017

A suba do 1% prevista nos orzamentos do estado parece que irá coa nómina do mes de outubro, así mesmo, hai intención de que vaian os atrasos desde o mes de xaneiro, mais coidamos que este último punto non está tan claro.

Cómpre lembrar tamén que esta Ley 3/2017 contempla o seguinte con respecto á estabilización de emprego temporal:

"Ademais do previsto nos parágrafos anteriores, as administracións públicas, poderán dispoñer nos exercicios 2017 a 2018 dunha taxa adicional para a estabilización do emprego temporal daquelas prazas que, nos termos previstos na disposición transitoria cuarta do texto refundido do Estatuto básico do empregado público, estean dotadas orzamentariamente e, desde unha data anterior ao 1 de xaneiro de 2005, fosen ocupadas ininterrompidamente de forma temporal."

Con respecto a este tema o concelleiro adiantou que proximamente se convocará unha Mesa Xeral para negociar a Oferta Pública de Emprego de funcionarios/as para este ano 2017 e que a partir do vindeiro ano está previsto iniciar un proceso de consolidación de emprego para o persoal laboral temporal que iría por fases, en distintos anos, tendo en conta as necesidades e negociado cos representantes dos traballadores e que, agardan, que comece a andar unha vez que se aprobe a Relación de Postos de Traballo.

4. Recoñecementos de antigüidade pendentes

Na actualidade só o persoal laboral non ten recoñecida unha parte da súa antigüidade ben no Concello de Betanzos, ben en todas as administracións públicas. As distintas solicitudes foron realizándose no departamento de Persoal e seguen paralizadas, en principio, parece que a vontade do goberno é resolvelas favorablemente e simplemente non se resolven por un problema de traballo no Departamento correspondente, mais recomendamos, tendo en conta a existencia de prazos administrativos, que aqueles compañeiros que non queiran agardar indefinidamente inicien os procedementos xudiciais correspondentes, tendo en conta que hai traballadores que levan con este tema pendente desde o ano 2014.

5. Indemnizacións por asistencia a tribunais.

Outro tema pendente e que algún traballador xa levou ao xulgado é o impagamento das indeminizacións por asistencia a tribunal que neste Concello non se paga desde que entrou a gobernar o PSOE, a escusa segue sendo a carga de traballo do Departamento de Persoal que impide que desde hai seis anos se lle paguen estas indeminizacións aos traballadores, polo que unha vez máis recomendamos que quen non queira agardar un tempo indefinido inicie a reclamación pola vía correspondente para ver se así se resolve dunha vez.


7. Novas Bases de axudas sociais

Preguntamos con xa vén sendo costume por este documento que desde o Comité de Empresa levamos propondo mellorar desde o ano 2011, en principio achégase unha nova convocatoria e de non solucionar esta cuestión axiña, tal e como se comprometera o concelleiro de Persoal o pasado ano, continuaremos cunha bases inxustas desde o punto de vista dos criterios sociais. O concelleiro adiantou que tentaría que o Concello levase unha proposta de documento á próxima Mesa Xeral de Negociación, de cara a negocialo e poder avanzar nesta cuestión.

8. Outros temas

Tamén falamos doutros temas de Seguridade e Saúde Laboral e acordouse que proximamente se convocará o Comité pertinente de cara a lle dar cumprimento ao requirimento da Inspección de Traballo, tamén dos problemas dos contratos de Fomento de Emprego e da necesidade dunha posible modificación do convenio colectivo para que non haxa un incumprimento e da próxima implantación do reloxo de control horario, sobre a que nos informou que proximamente se tomará unha decisión definitiva sobre o sistema para a súa posterior implantación.


Ningún comentario:

Publicar un comentario