Logo de múltiples reunións e escritos o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, comprometérase a que no pleno deste mes de decembro o goberno municipal levaría para aprobación o que entenden que é unha modificación do convenio colectivo, que en realidade é unha interpretación dos criterios de absorción do complemento persoal transitorio que se acordaron na Comisión paritaria do convenio colectivo do pasado 18 de xullo de 2017. Non obstante, e logo de ver a orde do día do pleno de decembro puidemos comprobar que unha vez máis o goberno municipal incumpre o acordado.
Este incumprimento é especialmente grave se temos en conta que o compromiso do goberno cos traballadores é que estes criterios de absorción de apliquen desde a aplicación do convenio e suporía a devolución de determinadas contías aos traballadores e traballadoras afectadas que de se realizar o vindeiro ano poderían dar lugar á necesidade de realizar declaracións da renda complementarias, cos inconvenientes que isto supón, tal e como xa lle advertimos ao Concello en varias ocasións.
É inaceptable que o Concello tarde cinco meses en cumprir os acordos que se toman na Comisión Paritaria de Seguimento do Convenio colectivo que tal e como indica o propio convenio son de obrigado e inmediato cumprimento. O certo é que parece unha das tomaduras de pelo ás que o goberno nos ten acostumados, e que coidabamos que formaban parte do pasado, mais á vista deste incumprimento, a non convocatoria de axudas sociais e a non negociación do novo regulamento, hai costumes que parece que non se esquecen.
Agardamos que o goberno resolva esta cuestión canto antes e reiterámoslle a necesidade de solventalo de cara a lle ocasionar as menos complicacións posibles aos traballadores e traballadoras afectadas.
Podedes consultar algunhas novas relacionadas con este tema aquí:
Ningún comentario:
Publicar un comentario