O problema coas horas extraordinarias do persoal laboral deste Concello é histórico. Por unha banda, historicamente, no canto de contratar o persoal necesario o Concello cargou co traballo adicional ao persoal existente, e, por outra banda, na actualidade a dificultade de realizar novas contratacións na actualidade na Admón pública provoca que a case totalidade das horas extraordinarias que se realizan neste Concello non sexan obrigatorias nin por causa de forza maior e se correspondan con traballo cotián, en moitos casos mesmo previsto.
Segundo temos coñecemento, por unha comunicación do concelleiro de Persoal, o Concello de Betanzos non lle pagou ao persoal laboral as horas extraordinarias nos meses de decembro e xaneiro e que nalgúns casos mesmo se correspondían a meses anteriores. A comunicación do concelleiro non explica o motivo desta negativa do Concello a pagala mais vai claramente en contra do que outros concelleiros lle indicaron ao persoal, como o caso da Escola Infantil Municipal, que por motivo da falta de persoal lles negaron de posibilidade de compensar as horas, xa que o servizo quedaría descuberto e comunicoulles a concelleira que as debían cobrar, mais, pola contra tampouco llas pagan, provocando unha situación que de seguir así provocará un conflito, como xa ten habido no pasado.
Por outro lado, hai persoal laboral co que o Concello se comprometía na RPT a recoñecer unha dispoñibilidade que tacitamente vén realizando, posto que está dispoñible fóra de xornada para traballos previstos ou urxencias, mais tendo en conta que o Concello pretende non contemplar máis de sesenta postos de traballadores e traballadoras laborais nesa futura RPT, estamos de novo, ante unha solución frustada.
Se a isto lle sumamos que desde xullo de 2017 hai unha serie de acordos tomados na Comisión paritaria do Convenio colectivo incumpridos e que se corresponden con retribucións de determinado persoal, a situación empeora, xa sen mencionarvos que desde esa data o Concello ten pendente a definición do termo "evento" para o cobro de complemento de funcións extraordinarias mais decidiu de inmediato que o persoal que traballase nas festas de San Roque e na Feira Medieval si que o cobraría sen ficar pendente de definir nada, e, de paso, discriminou a persoal de diversos departamentos do Concello que programan eventos e actividades ao longo de todo ano, en moitos casos cunha dedicación horaria que supera calquera límite establecido na lexislación laboral.
Con respecto ao incumprimento dos acordos da Comisión paritaria e os acordos pendentes estamos estudando as posibles vías de denuncia fóra do Concello (Inspección, Xulgado ou outras) no caso de que a situación non mellore, non obstante, antes trasladarémoslle o noso malestar por esta situación ao concelleiro de Persoal e instarémolo a que resolva todas as cuestións de aplicación pendentes do Convenio colectivo no canto de seguir traballando novas vías, como a de exclusión do persoal laboral da RPT, tal e como veñen facendo nos últimos meses.
O Comité de Empresa solicitoulle, a instancias da CIG, con respecto ás horas extraordinarias, que informe puntualmente da información destas, como recolle o convenio, non só das pagadas, así como que especifique todos e cada un dos conceptos recollidos no convenio colectivo e informe, nos casos de non pagamento en tempo e forma, dos motivos deste.
Finalmente e tendo en conta as consultas do persoal lembrámosvos que as horas extraordinarias non son de obrigada realización cando non son por causas de forza maior, por tanto, e tendo en conta que temos coñecemento de que o Concello adebeda catro meses de horas extraordinarias a algún persoal e descoñecemos en que momento o Concello as ten previsto pagar, sempre se pode solicitar a compensación en tempo, segundo os parámetros indicados no convenio colectivo.
No caso de que o Concello denegase a compensación tamén en tempo podedes falar cos delegados da CIG e estudaremos as posibles vías de reclamación ás que se pode acudir. Mentres tanto a única solución para non ter problemas no cobro das horas extraordinarias é deixar de facelas, e lembrade que se non hai unha comunicación por escrito no caso das horas extraordinarias por causa de forza maior, tampouco teriades obriga posto que non habería constancia de notificación ningunha ao traballador designado para a realización do servizo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario