Convoca unha xornada nacional de mobilizacións en todas as comarcas para o 19 de xuño “Pola recuperación dos dereitos XA”
A
CIG acordou este luns, día 4 de xuño, tras reunir os seus
organismos de dirección: Secretariado e Consello Confederal,
suspender a folga e chamar para a data prevista, 19 de xuño, a unha
xornada nacional de mobilización con manifestacións en todas as
comarcas baixo o lema de “Pola recuperación dos dereitos XA”. A
central sindical retomará a convocatoria nos próximos meses “se o
novo goberno do PSOE -e a correlación de forzas que o fixo posíbel-
non derroga e anula todas as reformas que rouban, saquean, explotan e
empobrecen á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego”.
Así
o anunciou esta mañá, en rolda de prensa, o secretario xeral, Paulo
Carril, lembrando que a central sindical, cando convocou a folga
xeral do 19 de xuño, concibiuna como a moción de censura -que
outros non facían- da clase traballadora galega fronte á situación
de emerxencia nacional, social, política e institucional, para
conseguir a recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados so
pretexto da crise e demandar a fin dun goberno do PP que, en minoría
parlamentar e cheo de corrupción actuaba con total impunidade.
O
secretario xeral considerou que a caída do goberno do PP a
consecuencia da moción de censura “é un primeiro paso que
confirma a axeitada análise realizada pola CIG no momento da
convocatoria” aínda que matizou que “somos conscientes, porén,
de que o PSOE é responsábel e causante de moitas das reformas que
padecemos, que xunto ás que aplicou o PP estes anos, lévanos á
realidade de que ter un traballo ou unha pensión non nos permite
vivir en condicións dignas”.
Por
iso afirmou que “coa mesma responsabilidade coa que convocamos a
folga xeral, hoxe acordamos suspendela uns meses, á espera de que se
produza ese cambio nas políticas e se atenda a nosa táboa
reivindicativa” e advertiu que “non imos esperar de brazos
cruzados, senón que imos esixir coa mobilización os nosos dereitos,
mesmo retomando a convocatoria de folga”.
Neste
sentido acreditou en que “a mobilización e a loita da clase
traballadora é a que pode conseguir vías alternativas que nos
permitan vivir e traballar dignamente na nosa terra” e avanzou que
a CIG condiciona a suspensión da folga “a que haxa unha
recuperación real dos dereitos nos próximos meses".
Salientou
que desde a CIG se apostou duro e con valentía por cambiar esta
situación, “con toda a nosa capacidade de acción, pasando á
ofensiva coa disposición de impedir que nos rouben tamén o dereito
a loitar polas nosas condicións de vida e por un futuro digno” e
considerou que “coa nosa loita temos contribuído á caída do
goberno do PP, mentres que o resto dos sindicatos mantiñan unha
actitude de conformismo e pasividade ou mesmo de colaboración,
nalgúns casos, diante desta grave situación”.
Xornada
nacional de mobilizacións
Por
todo isto chamou á xornada nacional de mobilizacións para o
vindeiro día 19 de xuño en todas as comarcas para exixir “un
cambio inmediato de políticas” entre as que salientou a
derrogación das reformas laborais “que nos empobrecen”;
conseguir avances reais para as mulleres; defender as pensións
públicas; rematar cos abusos da patronal; frear as políticas de
recorte contra a xente desempregada; acabar coa privatización de
servizos públicos; impedir o retroceso nas liberdades e dereitos
fundamentais e conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na
nosa terra.

Ningún comentario:
Publicar un comentario