06/08/18

A CIG solicita que se reúna a Mesa Xeral de Negociación para o cobro do 100% das retribucións en situacións de incapacidade

Logo da publicación da Lei de orzamentos do Estado do ano 2018, as Administracións poden, previo acordo da Mesa Xeral de Negociación, acordar  a restitución do dereito ao cobro do 100% das retribucións en situacións de incapacidade temporal. Debido a isto, a CIG solicitoulle ao Concello de Betanzos a convocatoria dunha reunión nunha solicitude que indicaba o seguinte:

O Real decreto lei 20/2012 do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, modificou temporalmente o réxime retributivo do persoal das administracións públicas incluído no Réxime Xeral da Seguridade Social durante a situación de incapacidade temporal.

O artigo 37 de Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos recolle o réxime de retribucións en procesos de baixa por incapacidade temporal ao abeiro do Real decreto mencionado.

Así mesmo, o artigo 7 do devandito Convenio recolle o seguinte con respecto ás condicións máis beneficiosas:

“As melloras establecidas noutras disposicións de carácter xeral aplicables a calquera empregado/ público/a, que se diten con posterioridade e que non se reflicten neste Convenio colectivo despois da súa aprobación, serán de aplicación, segundo o principio de norma máis favorable ou condicións máis beneficiosa para os/as traballadores/as.”

Igualmente, a disposición adicional quinquaséxima da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, establece que cada Administración pública poderá determinar, previa negociación colectiva, as retribucións para percibir polo persoal ao seu servizo ou ao dos organismos autónomos e entidades dependentes, en situación de incapacidade persoal, e no caso do persoal funcionario ao que se lle expedise licenza por enfermidade e determínanse as regras do complemento retributivo que pode chegar ata un máximo do cento por cento das súas retribucións, básicas e complementarias, correspondentes ás retribucións fixas do mes de inicio da incapacidade temporal.

Esta disposición adicional ten carácter básico, tal e como se indica no seu apartado sete.

No que ten a ver co persoal ao servizo do Concello de Betanzos, tal disposición permite a recuperación do dereito ao cento por cento das retribucións mensuais ordinarias íntegras.

Ademais, a Real decreto 956/2018, do 27 de xullo, polo que se aproba e publica o Acordo adoptado pola Mesa Xeral de Negociación da Administración xeral do Estado do 23 de xullo de 2018, con relación ao réxime retributivo de situación de incapacidade do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e organismos ou entidades públicas dependentes, establece a plenitude retributiva para o persoal funcionario, estatutario ou laboral ao servzio da Administración xeral do Estado, que estea en situación legal de incapacidade temporal, garantindo, durante esta situación a percepción do cento por cento das retribucións ordinarias correspondentes ao mes de inicio da incapacidade temporal.

Polo exposto, PROPOÑEMOS:

Que o Concello de Betanzos reúna a Mesa Xeral de Negociación para acordar, con relación ao réxime retributivo do persoal laboral e funcionario que estea en situación legal de incapacidade temporal, a percepción do cento por cento das retribucións ordinarias correspondentes ao mes de inicio da incapacidade temporal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario