Ademais consolídase a desprotección
social, xa que máis da metade das persoas desempregadas non perciben
prestación
Os datos do paro do pasado mes de xullo
feitos públicos hoxe confirman a consolidación da temporalidade, da
precariedade e da desprotección social instalada no mercado laboral
galego e o descenso da contratación indefinida, xa que o 93,21% dos
118.568 contratos asinados neste período foron de carácter
temporal. Paralelamente, a desprotección social das persoas
desempregadas continúa en niveis insoportábeis: máis da metade non
ingresa ningún tipo de prestación.
O mes de xullo rematou con 163.412
persoas desempregadas no noso país, 6653 menos con respecto a xuño,
polo que paro descendeu un 3,9% neste período. Esta leve baixada do
paro contrasta cos 118.568 contratos asinados (14.898 máis que en
xuño, o que supón un incremento do 14,4%). Destes, un total de
110.516 foron de carácter temporal (93,21%).
Deste xeito, á escasa duración dos
contratos hai que sumarlle a elevada rotación dos mesmos, algo que
vén sendo tónica habitual.
Ao mesmo tempo, a reducida contratación
indefinida que se rexistra mes a mes decreceu aínda un 2,8% (231
contratos menos que en xuño) polo que a porcentaxe de contratos
rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación indefinida
descende até o 6,8% (no mes anterior fora do 8,5%).
O descenso do paro en termos absolutos
prodúcese maioritariamente no sector servizos, o que explica esta
elevada temporalidade, parcialidade e rotación dos contratos.
De xeito paralelo, continúa a
desprotección social das persoas desempregadas, xa que máis da
metade non percibe ningún tipo de prestación. Dos 163.412
parados/as rexistrados/as, só 80.125 obtén algún tipo de
prestación por desemprego (49,0%).
Consolídase o modelo PP
Para o secretario confederal de Emprego
e Industria da CIG, Fran Cartelle, estes datos amosan claramente que
“o modelo PP segue a asentarse, cun mercado laboral caracterizado
pola temporalidade, o descenso da contratacion indefinida e a escasa
cobertura das persoas desempregadas”.
Considera que mentres se sigan a
aplicar as mesmas políticas obteranse os mesmos resultados: máis
precariedade, máis temporalidade e máis parcialidade no emprego e
sostén que “non temos nada do que parabenizarnos, pois de pouco
vale que aumenten as as porcentaxes de ocupación se todo o emprego
que se crea é precario”.
Finalmente, fai fincapé en que para a
CIG é o momento de actuar sobre a calidade do emprego para garantir
que ter un traballo signifique poder vivir en condicións dignas, xa
que na actualidade a maior parte dos contratos que se rexistran son
de escasa duración e con salarios miserábeis. Tanto é así que a
día de hoxe en Galiza un 30% de persoas asalariadas perciben ao ano
uns ingresos inferiores ao SMI.
Ningún comentario:
Publicar un comentario