A
CIG convoca unha concentración diante de Igualdade, en San Lázaro,
o luns 1 de outubro ás 12:30 horas
A
secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, fixo esta mañá
-en rolda de prensa- un chamamento a participar na concentración que
terá lugar o vindeiro luns, día 1 de outubro, ás 12:30 horas,
diante do Servizo Galego de Igualdade e da sede do Consorcio (en San
Lázaro). Unha mobilización convocada para denunciar a vulneración
sistemática dos dereitos á conciliación das traballadoras –que
representan o 97% do total do persoal- deste servizo esencial para o
coidado de dependentes e crianzas. A concentración insírese na
campaña sostida no tempo que vén desenvolvendo desde hai meses a
Secretaría das Mulleres para pór no foco público todas e cada unha
das discriminacións que padecen as mulleres a cotío, desta volta no
referido á conciliación.
Corral
denunciou que en todos os casos máis do 77% das persoas
traballadoras que fan uso de permisos de conciliación, desde
reducións de xornadas até excedencias e demais, seguen sendo
mulleres. “Entendemos por tanto que o coidado recae de xeito
abrumador sobre as mulleres, que somos as que en maior medida
solapamos o déficit de servizos esenciais públicos que atendan ás
persoas dependentes e ás crianzas”, afirmou.
Falan
os datos
Os
datos oficiais así o confirman. De feito son mulleres o 87% das
persoas inactivas por coidado de menores ou persoas dependentes en
Galiza; o 77% das persoas traballadoras con redución de xornada por
coidado de menores de 12 anos; o 91,6% das persoas que se acolleron a
unha excedencia por coidado de fillos/as; o 71,2% de quen reduciron
ou suprimiron o traballo remunerado por coidado de dependentes; o
56,8% das persoas que utilizaron a flexibilización. Son tamén
mulleres o 76,7% das persoas ocupadas a tempo parcial e as que
padecen a dupla xornada laboral. De feito, mentres elas dedican 4:38
horas ao día, de media ao traballo dentro do fogar, os homes só
dedican 2:21.
Así
se recolle no estudo elaborado pola responsábel do Gabinete de
Economía da CIG, Natividade López Gromaz, que tamén foi presentado
esta mañá, do que se tiran as consecuencias que esta situación ten
na vida das mulleres, mais tamén dos seus custos sociais: caída da
natalidade, avellentamento da poboación, perda de poboación… até
o punto de se converter, o problema demográfico, no principal
problema da esfera política en moitas sociedade europeas,
nomeadamente en Galiza “xa que rexistra unha taxa de natalidade das
máis baixas de Europa, así como un avellentamento e perda de
poboación dos máis acusados da UE”.
A
conciliación non é unha prioridade para os poderes públicos
Porén
“para os poderes públicos (a conciliación) non é unha prioridade
e son as mulleres as que teñen que resolver o problema na esfera
privada, na maioría dos casos” adoptando estratexias de forma
individual como “optar por non teren fillos/as ou por teren menos
das/os desexadas/os; non buscar traballo retribuído; optar por
traballos a tempo parcial; abandonar o mercado laboral; buscar outra
persoa do contorno para que se faga cargo dos coidados das crianzas
ou das persoas dependentes ao seu cargo”, explicou López Gromaz.
Nese
sentido, Corral denunciou que “o actual deseño dos permisos
relacionados coa conciliación se debe a unha concepción tradicional
da división sexual do traballo, segundo a cal o home é o
sustentador económico da familia, mentres a muller se responsabiliza
dos coidados de crianzas e familiares dependentes”. Este desigual
trato nos permisos de maternidade e paternidade, explicou, empurra ás
mulleres a quedarse na casa coidando e aos homes a continuar no seu
posto de traballo. Así, segundo advertiu a secretaria das Mulleres
da CIG, a fenda salarial aumenta a partir da idade na que as mulleres
teñen descendencia, e se definen itinerarios vitais diferentes para
homes e mulleres prexudicando a estas tamén no futuro.
Medidas
a aplicar
Por
iso defendeu a necesidade de que se poñan en marcha toda unha serie
de medidas que faciliten esa conciliación, a comezar por incrementar
o actual 1,3% do PIB, que se destina a este fin, para achegalo á
media europea. Isto xunto con prestacións directas por crianza a
cargo, en función da renda familiar e aumentar a idade das crianzas
que dan dereito a elas, xa que hoxe en día rematan co cumprimento
dos 3 anos da ou do menor: bonificacións fiscais para familias que
pagan aluguer da vivenda; redución do IVE para as familias que
adquiren unha vivenda nova; redución del IVA para las familias que
adquiren unha vivenda nova; desgravación fiscal por uso de servizos
básicos: coidadores a domicilio, escolas infantís, servizos de
atención temperá á infancia ou de terapia a crianzas con
necesidades especiais e gastos en educación (colexio, libros,
comedor escolar, etc.).
Isto
xunto con bonificacións fiscais para garderías, servizo doméstico
e coidado de crianzas e familiares en situación de dependencia
e desgravacións fiscais para avoas, avós ou parentes directos que
acrediten o coidado regular das crianzas durante o horario laboral
das ou dos proxenitores”.
Corral
propuxo ademais que a Seguridade Social elimine os sesgos de xénero
nas súas prestacións e permisos relacionados coas responsabilidades
familiares apostando, para iso, por permisos instransferíbeis, de
xeito que os homes se implicaran no coidado das crianzas, permitindo
pór en situación de igualdade ás parellas do mesmo sexo, ás
biolóxicas, adoptantes ou acolledoras e “situaría ás mulleres
nunha situación de igualdade tanto no ámbito social como no
laboral”.
Xunto
a isto sinalou a necesidade de racionalizar os horarios de traballo e
reducir a xornada máxima laboral a 35 horas semanais; ampliar a
duración do permiso por maternidade progresivamente até as 24
semanas, até lograr que acade os 12 meses de duración, mantendo a
retribución salarial completa equiparando a este o actual permiso
por nacemento adopción ou acollemento; estabelecer o goce del
permiso de lactación de xeito preferente pola nai para que o permiso
se dedique efectivamente ao aleitamento do bebé; introducir
criterios con carácter supletorio que permitan articular de forma
eficaz o dereito á redución de xornada por coidado de menores ou
persoas dependentes para que o acceso a este dereito sexa máis
eficaz; aumentar o período de cotización efectiva a efectos da
Seguridade Social durante todo o tempo de redución e ampliar o
período de goce das excedencias por coidado, concedendo maior
flexibilidade no emprego desta medida, por exemplo, estendendo o seu
uso até os 14 anos de idade da ou do menor, para que este dereito se
poida adaptar ás necesidades da crianza ou da familia (problemas
escolares, ausencia doutro proxenitor ou proxenitora).
Dificultades
de conciliación no Consorcio
Como
caso paradigmático de incumprimento do dereito legal á conciliación
puxeron o do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, onde dun cadro
de persoal de aproximadamente 2.000 persoas, o 97% son mulleres.
Precisamente onde se fará a mobilización do vindeiro luns á vista
de que lonxe de ser, como debería, un exemplo en materia de
conciliación, é todo o contrario.
A
este respecto a representante da CIG-Administración, Carme Viso,
denunciou que as traballadoras teñen que recorrer á vía xudicial
para ver recoñecidos os seus dereitos á concreción horaria ou á
flexibilización; que teñen que facer a solicitude de redución de
xornada para conciliar, “que reduce a cotización e reduce a futura
pensión”, ano a ano, cando debería manterse o recoñecemento do
dereito mentres dure a situación que o orixinou e que mesmo se ven
obrigadas a consensuar co resto das compañeiras os horarios, o que
provoca mal ambiente laboral.
Isto
xunto coa falta de substitucións, porque as listas de contratación
non funcionan e a respostas do tipo “até que non haxa cobertura,
non pode haber conciliación”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario