A sección sindical reclama ao Goberno
que inicie o procedemento para cubrir os postos mediante concurso
axustado a dereito
O xulgado do contencioso administrativo
vén de anular o nomeamento do persoal do Concello da Coruña que
permanece en comisión de servizo tras superar os dous anos -o prazo
máximo legal-, dando á razón na súa totalidade á demanda
presentada pola CIG contra administración local polo uso irregular
deste sistema de provisión de postos. A sentenza ordena o cese
inmediato destes funcionarios e funcionarias, arredor dunhas 150
persoas, que deberán volver á praza que ocupaban previamente.
A resolución ten unha grande
incidencia entre o persoal municipal, polo que dende a sección
sindical demándase do Goberno que adopte con urxencia todas as
medidas para garantir o normal funcionamento da administración e que
se cubran os postos "seguindo o procedemento regulado que é o
concurso, axustado a dereito".
Un procedemento extraordinario,
convertido en habitual
"Levábamos anos denunciando esta
situación, ningún goberno nos fixo caso e agora a xustiza dános a
razón, coas consecuencias que isto ten para a administración e para
o propio persoal", apuntan dende a sección sindical tras
coñecer a resolución. "De maneira contundente, asevera o
secretario da sección sindical, José María Calatayud, o xulgado
dálle a razón á CIG, pois declara ilegais as comisións de servizo
que superan os dous anos".
A este respecto, Calatayud subliña que
o Servizo de Persoal do Concello da Coruña leva tempo utilizando as
comisións de servizo (que é un procedemento de provisión de postos
extraordinario) como algo habitual, no lugar do procedemento regulado
que é o de concurso. "Se ben o Goberno da Marea non é o
responsábel do inicio da totalidade dos postos denunciados, apunta,
si é responsábel das sucesivas renovacións".
Calatayud lembra que hai tempo que a
sección sindical da CIG vén denunciando esta situación, pero
"lonxe de acometer un concurso e regularizar á adscrición dos
empregados e empregadas municipais aos diferentes postos de traballo,
o Goberno actual continuou promovendo máis comisións de servizo,
algunhas mesmo disfrazadas de concursos nos que se engadían
restricións ou preferencias, mais só para os postos máis baixos".
Regularizar a adscrición do persoal
funcionario
Aínda que a sentenza pode ser
recorrida, dende a sección sindical da CIG sinalan que non existen
argumentos para a súa apelación, polo que "se o Concello tenta
atrasar o contundente fallo do xuíz metendo un recurso, estaríamos
ante un acto temerario, tanto polas costas procesuais que carrexaría,
como por seguir mantendo no tempo uns nomeamentos arbitrarios para
determinados postos".
Neste senso, e dada a elevada
afectación da sentenza, a representación da CIG apela á
responsabilidade do Goberno municipal para que de inmediato proceda a
regularizar á adscrición do persoal funcionario, cumprindo coa
legalidade e garantindo a carreira profesional á que teñen dereitos
todos os empregados e empregadas das administracións.
200 comisións de servizo
No momento de formalizarse a demanda, a
CIG tiña computadas unhas 200 comisións de servizo que representan
aproximadamente o 14% do cadro de persoal municipal, composto por
unhas 1.500 traballadoras e traballadores. Desas comisións de
servizos, arredor de 150 (o 75%) están nunha situación de
irregularidade, ao superaren os dous anos máximos que permite a lei
para este tipo de provisión de postos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario