23/11/18

Mesa Xeral de Negociación (12/11/18): Oferta Pública de Emprego 2018, axudas sociais e máis

Resumo da Mesa Xeral de Negociación do 12 de novembro de 2018

Lectura e aprobación, se procede, das actas anteriores das datas: 26/11/2015, 19/04/2016, 11/07/2016, 16/06/2017, 06/03/2018.

Aprobáronse as actas das sesións anteriores. A CIG solicitou que non se volva dar esta situación e que a partir de agora consten nas actas expresamente os acordos e as votacións, así mesmo que se cumpran os acordos acadados, posto que nalgunha acta constaban acordos que non se levaran a efecto ata o momento.

Restitución das retribucións totais dende o primeiro día no suposto de incapacidade temporal.

Acordouse por unanimidade a restitución das retribucións totais dende o primeiro día nos supostos de incapacidade temporal. Así mesmo, o goberno municipal indicou que se solicitarían os informes oportunos para continuar coa tramitación correspondente e, se fose preciso, levaríase o acordo ao Pleno do mes de novembro coa intención de que entrase en vigor canto antes.

Finalmente, parece ser que esta cuestión está pendente de informes e está previsto que vaia ao pleno no mes de decembro.

Regulamento de axudas sociais

O goberno municipal presentou unha proposta de regulamento de axudas sociais e negociou algunhas das propostas presentadas polos sindicatos. Finalmente aprobouse por maioría a proposta do goberno municipal co apoio de CSIF, UGT e CCOO e a abstención da CIG.

Na proposta final a CIG abstívose e así o manifestou na Mesa entendendo que este regulamento mellora o existente de hai 17 anos, mais aínda así ten como base unha incoherencia no reparto das axudas sociais, toda vez que se teñen en conta tramos de salario do persoal municipal e non a renda familiar para axudas para a unidade familiar, e que resulta inxusto que unha unidade familiar composta, por exemplo, por cinco membros e cun único ingreso, teña a mesma axuda que unha unidade familiar composta por dous membros, ambos os dous con ingresos.

CSIF e CCOO defenderon que non se tivese en conta a renda familiar para o pagamento das axudas sociais para a totalidade da unidade familiar baixo a escusa de que suporía moito traballo para o Departamento de Persoal.

A maiores, o Concello propuxo uns tramos de salarios, que modificou a proposta do CSIF e cuxas diferenzas nas contías das axudas non son proporcionais ás diferenzas entre os salarios dos catro grupos propostos. A maiores, un aumento das contías para a maior parte dos traballadores que non estea acompañado dun aumenta na partida orzamentaria, podería supor a insuficiencia da partida, situación que ata o momento sempre se veu resolvendo cunha inxusta dedución lineal para todo o persoal e que tampouco se prevé dun xeito máis xusto neste regulamento que deixa esa cuestión sen resolver.

Por outro lado, outro dos motivos da abstención da CIG foi a negativa do goberno municipal de aplicar o acordo recollido no Convenio colectivo do persoal laboral que indica que a contía de 25 000 euros aumentará segundo os incrementos retributivos previstos na Lei de orzamentos do Estado de cada ano, e que supón que na actualidade esta partida xa debería estar incrementada nun 3,75% posto que o acordo é do ano 2016, e esa foi a suba prevista desde ese ano. O Concello aceptou a proposta de incluír o texto relativo ao aumento, mais sen incrementar a partida neste documento, tal e como negociou no seu momento.

Tamén se realizaron algunhas outras correccións de redacción e está previsto que o regulamento entre en vigor o 1 de xaneiro de 2019, polo que lle afectaría ás axudas sociais do ano 2019. Ademais, contempla que só terán dereito ás axudas sociais o persoal que estea contratado un mínimo de seis meses ao ano e, de entrar en vigor antes, podería haber reclamación do persoal que ten contratos asinados para este ano 2018 con menos meses do reflectido no regulamento.

A CIG leva sete anos con representación sindical no Concello de Betanzos e desde o primeiro momento loitou por un novo regulamento de axudas sociais, acordo que tamén reflectiu no Convenio colectivo, e retomou case en cada reunión mensual co concelleiro de Persoal manifestándolle a necesidade dun regulamento con verdadeiros criterios sociais. A pesar disto, non podía avalar unha proposta cun criterio que segue sendo inxusto, cunha repartición das contías non proporcional ás diferenzas salariais dos diferentes tramos e cun claro incumprimento do convenio colectivo canto á contía da partida orzamentaria destinada ao fondo de acción social.

Criterios obxectivos para establecer o reparto do complemento de produtividade.

A CIG foi o único sindicato que lle preguntou ao Concello pola produtividade outorgada a través dun decreto, e, así mesmo o único que se manifestou a súa oposición ao proceder do goberno municipal, que primeiro outorgou unha produtividade como lle veu en gana e logo convoca a Mesa Xeral para acordar uns criterios para pagar a produtividade.

O pasado mes de outubro a CIG solicitou por rexistro que o Concello lle facilitase unha copia do decreto de asignación dunha produtividade a persoal funcionario e ata o momento non tivo resposta nin llo facilitaron. Hoxe, ao solicitar o CSIF este decreto, o goberno municipal dixo que llo facilitaría a este e mais aos restantes sindicatos. A día de hoxe á CIG aínda non lle entregou a copia do documento.

Así mesmo, a CIG solicitou que se anulase o decreto de pagamento de produtividade sen acordar os criterios e o goberno municipal negouse a anulalo e manifestou que este persoal seguiría cobrando ata os seis meses que indica o decreto, a devandita produtividade. Os outros sindicatos, CSIF, CCOO e UGT, a pesar desta afirmación do concelleiro de Persoal, tampouco manifestaron o seu desacordo co pagamento indiscriminado de produtividade que fixo o goberno municipal.

Finalmente acordouse que durante o prazo dun mes de poderán achegar propostas para este regulamento, que será posteriormente negociado na Mesa Xeral de Negociación.

Oferta de emprego público 2018

Aprobouse a Oferta de Emprego Público para o ano 2018 cos votos a favor de UGT, CSIF E CCOO. A CIG abstívose en coherencia co rexeitamento dos pactos que a nivel estatal chegaron eses sindicatos con respecto á taxa de reposición e non recuperación do emprego público perdido durante todos estes anos, entendendo que estas ofertas de mínimos lastran o emprego público e as administracións, así como ao persoal que traballa nelas.

Esta OPE 2018 comprenderá unicamente dúas prazas de persoal funcionario, unha de arquitecto/a técnico/a libre e outra de administrativo/a do Departamento de Tesouraría de promoción interna.

A oferta está pendente de ir ao pleno e a súa posterior publicación, unha vez que pasou pola Mesa Xeral de Negociación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario