18/12/18

A CIG reclámalle á ministra de Traballo unha nova lexislación laboral e social e a derrogación das reformas laborais e das pensións


A CIG reclámalle á ministra de Traballo unha nova lexislación laboral e social e a derrogación das reformas laborais e das pensións

Unha representación da central encabezada polo secretario xeral mantivo unha reunión con Magdalena Valerio este xoves en Madrid

Unha delegación da CIG encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, trasladoulle esta mañá en Madrid, á ministra de Traballo, Magdalena Valerio, a preocupación da central sindical polo enorme retroceso nos dereitos individuais e colectivos da clase traballadora galega en materias como contratación, despedimento, xornada, salario ou mesmo cumprimento, ou negociación, dos convenios colectivos. A CIG, que vén desenvolvendo nos últimos anos unha campaña continuada pola recuperación de dereitos, reclamou, para iso, unha nova lexislación laboral e social, en materia de negociación colectiva, de seguridade social e de formación continua, ademais de demandar a derrogación tanto das “contrarreformas laborais” como das pensións, entre outras cuestións.

Na xuntanza -concedida logo de reiteradas peticións que non foron contestadas, da denuncia pública da actitude do Ministerio cando Valerio visitou Galiza e se limitou a convocar á patronal, CCOO e UGT e tras facer pública unha carta na que se lle reprochaba esta actitude- o secretario xeral, Paulo Carril, lembrou que “o goberno non pode seguir negando a existencia dunha realidade sindical plural,  imparábel e incontestábel” en Galiza, onde a CIG é a primeira forza sindical en representación, en afiliación, en capacidade mobilizadora e en incidencia.

Así mesmo cuestionou que se confunda, perverta e simplifique ao nocivo diálogo e concertación social, as necesarias e razoábeis relacións entre os gobernos e as organizacións sindicais.

Demandas da central sindical

A partir de aí a delegación da CIG puxo sobre a mesa as demandas da central sindical para combater a gravísima precariedade derivada das miserábeis condicións laborais que provocan que hoxe ter un traballo non sexa garantía de subsistencia e que levan, en Galiza, a miles de persoas a recorrer á economía somerxida ou a emigrar para poder sobrevivir.

Unha situación da que Carril responsabilizou aos gobernos que impuxeron as sucesivas contrarreformas laborais que afondaron na individualización e desregulación das relacións laborais facilitando e abaratando o despedimento, tanto colectivo como individual; fomentando a pobreza e os baixos salarios; impoñendo novas formas de contratación e subcontratación –como o contrato a tempo parcial, as/os falsas/os autónoma/os, as empresas multiservizos ou as axencias privadas de contratación, entre outros- e xeneralizando así a precariedade.

Unha precariedade que afecta ao conxunto da clase traballadora mais, como trasladaron, sofren especialmente as mulleres, cuns salarios un 23% inferiores ao dos homes. Unha fenda salarial que a CIG demandou combater e pór fin.

Por iso a representación da CIG -na que xunto a Carril estaban a secretaria de Organización, Susana Méndez, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío-  fixo entrega das propostas da central sindical nesta materia, nas que se que contempla un cambio de normativa para recuperar os dereitos roubados, emprego estábel, salarios dignos e un sistema público de pensións forte.

Unha normativa que debe conter, ademais da derrogación desas contrarreformas, medidas como a eliminación das cadeas de subcontratas, a reversión dos servizos privatizados ao público, a eliminación da figura do falso autónomo, así como das ETT e das axencias privadas de colocación ou a xornada laboral de 35 horas, entre outras.

Da urxencia desa derrogación das reformas puxeron como exemplo o caso de Alcoa, porque o seu mantemento deixa ao goberno sen mecanismos para frear EREs como o proposto pola empresa, e ás traballadoras e traballadores indefensos e ao pairo do que a empresa decida. Mais tamén urxiu a que se aprobe dunha vez, por Lei, o control obrigatorio da xornada laboral para rematar coa explotación laboral e coa fraude á Seguridade Social e a Facenda, na liña da Iniciativa promovida pola CIG no Congreso das Deputadas e Deputados e que foi aprobada en outubro de 2017.

Derrogación da reforma do sistema de pensións

A representación da CIG puxo tamén sobre a mesa que as reformas do sistema público de pensións -que atrasaron a idade de xubilación aos 67 anos; desvincularon o incremento das pensións do IPC; ampliaron a 25 o número de anos para calcular a base reguladora; instauraron a aplicación do factor de sostibilidade; atrasaron a idade de acceso á xubilación anticipada e eliminaron, na práctica, a xubilación a tempo parcial- provocaron un enorme deterioro das contías das pensións, que será maior para as pensións futuras, e dificultaron o acceso ás mesmas.

Xunto a isto trasladaron o malestar da CIG pola reforma da xubilación parcial con contrato de relevo que veñen de aprobar o Goberno español e os sindicatos estatais CCOO e UGT, que consideraron un novo retroceso nos dereitos da clase traballadora porque afonda na discriminación e na desigualdade entre as persoas traballadoras.

Por iso demandaron un compromiso do Ministerio na defensa do sistema público de pensións, a derrogación das reformas das pensións e o restablecemento da xubilación parcial aos 61 anos, para o conxunto da clase traballadora coas condicións previas á crise.

Mais tamén solicitaron da Ministra, e por extensión ao goberno, que se impliquen e leven adiante actuacións urxentes e inmediatas na defensa do futuro das fábricas de ALCOA, na resolución do conflito dos mariñeiros de Long Hope e dos emigrantes retornados e urxiron a que o Consello de Ministros aprobe dunha vez o indulto de Carlos e Serafín, que demandaron á maior brevidade posíbel.

Negociación colectiva

O secretario xeral da CIG puxo tamén sobre a mesa a preocupación da central sindical polo desmantelamento da negociación colectiva e os intentos obsesivos de centralización, de estatalización das relacións laborais, xerándose  situacións de inxustiza e producíndose funcionamentos antidemocráticos, que afastan da clase traballadora e dos centros de traballo o poder de decisión e de control sobre as condicións de traballo.

Fronte a iso defendeu propostas para que se respecte o dereito á negociación colectiva no ámbito galego, a través de  marcos normativos e de relacións laborais, nos que a clase traballadora galega teña participación, control e capacidade de incidir e decidir sobre as súas condicións laborais e sociais.


Ningún comentario:

Publicar un comentario