Margarida
Corral: "Non se recolleron as demandas do feminismo de clase
para que as mulleres teñamos vidas dignas"
A
secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, acompañada polas
compañeiras da Executiva Confederal e das que conforman a Comisión
Nacional de Mulleres, presentou esta mañá, no rexistro da
consellaría de Traballo, a convocatoria de Folga Xeral de Mulleres
de 24 horas para o vindeiro o de Marzo, Día Internacional da Muller
Traballadora.
A
folga dará comezo ás 00:00 horas e rematará ás 24:00 horas agás
naquelas empresas e organismos que teñan varias quendas de traballo.
Neses casos o comezo da folga efectuarase na primeira quenda, aínda
que comece antes das 00:00 horas do día 8 de Marzo, e a súa
finalización terá lugar unha vez rematada a última quenda, aínda
que se prolongue despois das 24:00 horas.
Do
mesmo xeito, naquelas empresas cunha única quenda de traballo que
comece antes das 00:00 horas do día 8 de Marzo, o paro iniciarase á
hora de comezo da actividade laboral e finalizará o día 8 de marzo
na hora en que conclúa esta
Continúan
as discriminacións e agresións
Segundo
explicou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, ás
portas da consellaría de Traballo, a central sindical convoca esta
folga recollendo as propostas do movemento feminista, do que fai
parte, porque a pesar do masivo seguimento do paro e das
mobilizacións convocadas para o pasado 8 de Marzo, transcorrido un
ano “aínda non se abriu proceso algún que levase a mudanzas
concretas, nin se recolleron as reivindicacións que o feminismo de
clase ten para que as mulleres teñamos vidas dignas”.
Denunciou
que, porén, as mulleres seguen padecendo discriminacións e
agresións, polo feito de ser mulleres e declarou que, por iso, “o
obxectivo da folga é mostrar a repulsa á desigualdade e
invisibilidade histórica que soportamos as mulleres, á
discriminación laboral e social, que se incrementou debido á
situación de crise económica que atravesamos, pero aínda máis,
por mor das medidas que supostamente foron deseñalas para paliala”.
Medidas
entre as que salientou os recortes no gasto público dos que
denunciou o “grande impacto nas mulleres dada a nosa presenza no
sector público, que fai que sexamos as principais afectadas pola
redución de salarios e a eliminación de emprego”; a reforma
laboral que “precarizou aínda máis as condicións de traballo”;
a reforma das pensións que “afecta singularmente ás mulleres”,
pola súa concentración na economía informal e polas interrupcións
da vida laboral para o coidado de crianzas e maiores dependentes, que
provoca que se topen con “máis atrancos á hora de acadar a
cotización exixida”; as medidas para mellorar a empregabilidade da
mocidade, das que denunciou que o que fixeron foi “impulsar aínda
máis a temporalidade e precarizar o emprego das mozas a través de
contratos lixo; a eliminación das retroactividade para as persoas
beneficiarias das axudas á dependencia ou a reforma do réxime de
empregadas do fogar que “perpetúa a discriminación dunha
actividade historicamente feminina”.
Isto
xunto coa denuncia das políticas da Xunta de Galiza que provocaron o
“desmantelamento dos servizos sociais públicos” mentres
financiaban “con cartos públicos a un bo número de entidades
ligadas á extrema dereita antiabortista no marco dunha lei, a de
familia, que cousifica ás mulleres e que pretende devolvelas ao seu
rol tradicional de nai-coidadora do fogar”, denunciou.
Corral
apuntou ademais que esta folga é a ferramenta para denunciar que, a
pesares de ser ilegal, a fenda salarial continúa sendo unha
realidade moi frecuente nas empresas; do mesmo xeito que acontece co
chan pegañento ou o teito de cristal, cos atrancos na conciliación
ou co acoso e as agresións sexuais ás que someten as traballadoras,
entre outras situacións discriminatorias e machistas. Esixindo, unha
vez máis, que se derroguen todas as leis e reformas lexislativas que
“perpetúan a vulneración dos dereitos que sofren as mulleres”.
Propostas
Por
iso a secretaria das Mulleres da CIG propuxo toda unha serie de
medidas “que evitarían a situación de desvantaxe das mulleres nos
centros de traballo como diminuír a fenda salarial e establecer
mecanismos de control para eliminar as discriminacións directas e
indirectas nos convenios colectivos; a racionalización dos horarios
de traballo e a redución da xornada laboral a 35 horas semanais; o
recoñecemento efectivo do dereito fundamental á conciliación;
establecer o dereito de acompañamento a consulta médica ou a
titorías para o persoal con dependentes ou crianzas ao cargo e
outras relacionadas cos permisos de lactación; sancións a empresas
que non dispoñan dun plan de eliminación de riscos laborais
específico para protexer a saúde de mulleres embarazadas, que non
garantan a clasificación e a valoración dos postos de traballo con
criterios obxectivos e medibles ou as que non teñan implantado
medidas efectivas para detectar e eliminar situación de acoso e
violencia no traballo.
Medidas
que, lembrou, a CIG propón todos os anos nos órganos de
representación institucional nos que está como sindicato máis
representativo pero que non se aplican polo que “cómpre
impulsarmos na Galiza un novo día de loita para que, dunha vez por
todas, o poder entenda que non imos permitir retrocesos nos dereitos
conquistados, cando aínda nos quedan moitos por alcanzar”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario