“O traballo debe ser permanente para
ser eficaces como ferramenta na defensa da clase traballadora”
A CIG celebrou este venres o seu 25
aniversario, no decurso dun acto que coincidiu coa entrega dos
Premios “8 de Marzo” e “10 de Marzo”, ao que asistiron o seu
Consello Confederal e unha importante representación de fundacións
e organizacións sociais, culturais e políticas do nacionalismo,
ademais do Consello Galego de Relacións Laborais e da Inspección de
Traballo. Os ex secretarios xerais, Fernando Acuña e Suso Seixo; o
que foi o seu secretario confederal e presidente, Manuel Mera e o
actual secretario xeral, Paulo Carril, salientaron a importancia da
decisión adoptada naquel marzo de 1994: xuntar forzas para dotar á
clase traballadora galega dunha ferramenta coa que loitar polos seus
dereitos. Transcorrido un cuarto de século, esa ferramenta, a CIG, é
hoxe a primeira forza sindical en Galiza.
Manuel Mera, secretario confederal
desde 1994 até 1997 e Presidente da central sindical desde ese ano
até 2001, quixo felicitar á CIG por ser a primeira en delegadas e
delegados, “un dos retos que se conseguíu cumprir neste período
histórico”, logo de terse conseguido tamén ser a primeira central
sindical en afiliación e en capacidade de mobilización. “Tres dos
piares sobre os que se asenta o sindicalismo para a construción de
poder popular no camiño da liberación nacional e social”,
afirmou.
Con todo, considerou que queda pendente
“o reto máis difícil e fundamental, que é ser hexemónicos tamén
no mundo das ideas”. A este respecto lembrou que a metade das
mobilizacións que se producen en Galiza son sindicais e que, porén,
“este enorme protagonismo da clase traballadora é ignorado polos
medios de comunicación e non é capaz de condicionar a actividade
política”.
Por iso sinalou como reto “converter
esta inmensa mobilización da clase traballadora, enormemente
fracturada, a través dunha mensaxe aglutinadora, que sexa capaz de
unificar todos os aspectos da loita de clases nun proceso de cambio”.
Os pés, a cabeza e o corazón en
Galiza
Fernando Acuña, primeiro secretario
xeral da CIG, entre os anos 1994 e 2001, arrincou a súa intervención
lembrando unha das seis ideas forza aprobadas no congreso de
unificación, na que se sinala que “a CIG non quere ser só unha
representación das traballadoras e traballadores, senón a súa
principal organización” e na que afirma que “ningún dos
principais problemas de Galiza se vai resolver favorablemente para o
pobo se este non toma conciencia da súa propia identidade e traduce
esa conciencia en organizacións propias e soberanas”.
Salientou que a partir de aí, nas
primeiras eleccións sindicais a CIG xa conseguiu situarse como
primeira forza en Vigo, nas seguintes en Pontevedra “e a partir de
aí en todo o país” e resaltou que isto foi grazas a aquela
decisión e ao “mérito de ter apostado polo pluralismo tanto na
composición da central sindical como no funcionamento orgánico
interno”.
Xunto a isto, Acuña, salientou a
importancia da CIG ter un perfil propio porque “todos os sindicatos
teñen os pés en Galiza, pero a CIG ten tamén o cerebro e o
corazón”. Un perfil propio “de contrapoder” que “contrasta
co sindicalismo de acompañamento institucional que practican os
outros sindicatos representativos”.
Decisión “valente e xenerosa”
Suso Seixo, que foi secretario xeral
desde 2001 até 2017, quixo agradecer ás compañeiras e compañeiros
que formaban parte das direccións da CXTG e da INTG a decisión
“valente, xenerosa, sabia, responsábel, de compromiso coa clase
traballadora galega, de promover a constitución da Converxencia
Intersindical Galega en 1990 e a CIG en 1994”.
Unha decisión que permitiu que
“chegásemos a ser o que somos hoxe” e que se debeu ao moito
“traballo e sacrificio” das compañeiras e compañeiros; a “non
crermos que estamos no mellor dis sistemas posíbeis e manter unha
postura de combate”, mais tamén a ter mantido unha postura de
“confronto co sindicalismo de pacto social” e ao firme compromiso
coa loita por unha sociedade galega “máis xusta, democrática e
soberana”. Un modelo sindical que “segue a estar vixente e a ser
imprescindíbel”.
Acordos, consensos e pluralismo
Nese sentido, na clausura do acto,
Paulo Carril, salientou o especial valor de Acuña, Mera e Seixo,
porque xunto con outras moitas persoas, construíron “desde a nada
e na máis absoluta adversidade” a central sindical, “sempre
buscando os acordos, os consensos e a cohesión necesaria desde a
pluralidade existente”. Salientou ademais a súa “absoluta
entrega, compromiso e sacrificios persoais” e concluíu que todo
iso foi o que permitiu que a CIG sexa hoxe a primeira organización
sindical en representación e por iso asumiu, en nome propio, mais
tamén en nome das persoas que hoxe teñen responsabilidades na
central sindical, a necesidade de ter presente a historia desde o ano
1972 para “desde a autoorganización da clase traballadora e do
pobo galego avancemos na conquista dun sistema económico ao servizo
da clase traballadora, das maiorías sociais, e na que o pobo galego
poidamos existir en pé de igualdade, en paz e harmonía, con todo os
pobos e nacións do mundo”.
O secretario xeral da CIG concluíu
facendo un chamamento a “sermos conscientes de que o noso traballo
debe ser permanente para ser eficaces como ferramenta na defensa dos
dereitos e necesidades máis inmediatas da clase traballadora”.
Mais tamén incidiu na importancia de que ese traballo sexa “
didáctico, instrutivo e formativo, para que nesas loitas concretas e
nos conflito puntuais estea o inicio da toma de consciencia
pola clase traballadora da nosa situación de explotación como clase
e nacional”.
Todo isto co obxectivo de “ter unha
base social ampla, coa que ir construíndo poder popular
para a transformación revolucionaria que o noso proxecto
estratéxico defende, dunha Galiza ceive e sen explotación”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario