A CIG denuncia que a Xunta de Galiza
segue sen implementar melloras na prevención e na seguridade do
persoal de extinción
O xulgado do Social número 3 de Lugo
vén de emitir sentenza pola que condena a Consellaría do Medio
Rural pola ausencia de medidas de prevención na extinción dun
incendio no Concello de Guntín no ano 2015 que lle custou a vida ao
axente forestal, Enrique Casanova.
O xulgado considera que a Consellaría
non actuou de forma dilixente na protección da saúde deste
traballador que faleceu dun infarto cando acudía ao aviso dun lume.
Cómpre lembrar que os e as axentes forestais traballan en solitario
o que impide, tal e como se subliña na sentenza, unha asistencia
inmediata "que é vital en casos como os dun infarto". A
resolución destaca tamén o feito de que Enrique Casanova xa sufrira
anos atrás unha cardiopatía, polo que tiña solicitado á
Administración pasar a unha segunda actividade, atendendo ás
recomendacións médicas e dado o estrés e as situacións de risco
ás que se ven expostos estes traballadores e traballadoras.
Porén, a Consellaría do Medio Rural
nin atendeu a súa petición nin lle fixo tampouco os recoñecementos
médicos periódicos obrigatorios -e específicos na súa condición
de especial sensibilidade-, malia telos solicitado o propio axente.
Agora o xulgado recoñece a responsabilidade da Xunta neste
accidente, incidindo en que "non se pode considerar que a
Consellaría actuara de forma dilixente na protección da saúde do
traballador".
A raíz deste suceso, a CIG demandou
unha investigación para aclarar os feitos e presentou denuncia na
Inspección de Traballo, que emitiu varios requirimentos e
advertencias a Medio Rural para a mellora das medidas preventivas na
extinción dos incendios forestais e a salvagarda da seguridade e a
saúde dos traballadores/as que participan nestas tarefas.
Medio Rural segue sen mellorar as
medidas de prevención e de seguridade
Disto hai xa case catro anos e, non
obstante, neste tempo a Consellaría non adoptou ningún tipo de
medida para garantir a seguridade do seu persoal. "A día de
hoxe non temos plan de prevención, nin protocolos adecuados de
evacuación nos incendios", denuncia a secretaria da
CIG-Autonómica, Zeltia Burgos. Neste senso, explica que o pasado
venres houbo un accidente no lume do Boiro, pero como a ambulancia
non conseguiu chegar até o lugar, "houbo que improvisar no
momento como trasladar a persoa ferida".
A CIG leva anos demandando da
Consellaría do Medio Rural a implantación de plans e protocolos
para afrontar este tipo de situacións de risco, que no caso de
axente falecido foi especialmente relevante ante a “evacuación
desastrosa” (así cualifica o informe da Inspección) que se
produciu. De igual xeito, a central sindical reclama que se evite o
illamento do persoal que participa nos incendios e que, como mínimo,
se traballe en parella e non en soidade como ocorre cos/as axentes
forestais, condutores/as de motobomba ou persoal técnico.
Doutra banda, a CIG pide que se dispoña
de servizos sanitarios desprazados nos incendios forestais para
garantir unha rápida e eficaz asistencia médica. E por suposto, que
se cumpra coa avaliación de riscos e se teña en conta a saúde do
persoal en relación co posto que desempeña, contemplando unha
segunda actividade para aqueles traballadores e traballadoras con
antecedentes de saúde incompatíbeis cos labores de extinción.
"Desde a CIG levaremos este
sentenza e os puntos que se resaltan nela aos comités de seguridade
e saúde de Medio Rural e Extinción de Incendios para que se
melloren as medidas preventivas na extinción e se eviten situacións
futuras como as acontecidas no accidente do compañeiro Quique
Casanova", conclúen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario