08/04/19

Reunión coa alcaldesa

A pasada semana, logo dun mes agardando, os representantes da CIG tiveron unha reunión coa alcaldesa na que trataron, entre outros, estes temas:

1. Falta de respecto ás decisións dos aos órganos negociación colectiva

2. Situación actual de salarios

3. Exclusión do persoal laboral da nova Relación de Postos de Traballo

4. Falta de persoal

5. Discriminacións entre o persoal

6. Incumprimento do acordo de flexibilización do horario

7. Horas extraordinarias

8. Problemas na Escola Infantil Municipal

9. Problemas coas vacacións do persoal de axuda no fogar

10. Discriminacións nas revisións médicas


11. Outros problemas pendentes

A CIG trasladoulle o seu malestar porque despois de moitas reunións mensuais co concelleiro de Persoal ao longo destes anos non só non deu resposta a moitos dos problemas existentes, que claramente non ten intención de solucionar, senón que lle manifestamos a nosa discrepancia cos tempos de negociación que marca o goberno municipal, sempre apegados ás propias eleccións locais, con présas e problemas, cando se poderían levar a cabo ao longo de catro anos demoradamente e de xeito máis reflexionado.

En concreto, e aínda con descoñecemento se finalmente o goberno aceptará a proposta de modificación do convenio colectivo, non ten xeito ningún que durante dous anos o concelleiro de persoal poña mil e unha trabas para levar adiante os acordos que toma cos representantes dos traballadores, para que agora, a dous meses das eleccións locais amose unha vontade negociadora que claramente non se corresponde coa que tivo nos últimos catro, onde non foi quen de dar un paso adiante e continuar coa igualación de salarios entre o persoal laboral e funcionario.

Para alén dos temas concretos que se trataron na reunión e aínda que, nun principio, valoramos esta de xeito positivo, a posterior convocatoria da reunión para a aprobación dunha RPT que abre unha brecha aínda máis fonda entre os salarios do persoal laboral e do funcionariado, e que regula exclusivamente os postos do 48% da totalidade do persoal que traballa no Concello de Betanzos e deixa fóra o 82% dos postos do persoal laboral, supuxo unha reafirmación do que xa hai tempo nos viñan comentando varios traballadores, que as boas palabras deste goberno, especialmente da alcaldesa, non se traducen nos feitos necesarios para afrontar as discriminacións, senón, pola contra, tradúcense nunha política de Persoal, cuxa máxima responsable é a propia alcaldesa, María Barral, que afonda nas discriminacións entre os traballadores e non busca solucións para os problemas que se suceden derivados da pésima xestión desta área. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario