O 28 de abril é a data estabelecida
pola OIT e elixida polo movemento sindical mundial para render
homenaxe aos traballadores e traballadoras vítimas dos accidentes de
traballo e as enfermidades profesionais.
Sen dúbida na celebración deste ano
2019, dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) non podemos
deixar de reivindicar se cabe esta vez con maior forza que nunca, a
necesidade de abordar con determinación a loita pola recuperación
dos dereitos laborais de todos os/as traballadores/as galegos/as,
logo dun nefasto período de Goberno do PP no que a maiores dunha
descomunal e extensa práctica de corrupción nas políticas
públicas, se impuxeron dun xeito antisocial e cruel políticas
económicas, laborais e sociais destinadas a destruír e eliminar
importantes dereitos fundamentais das clases traballadoras,
estendendo por doquier a pobreza, a inxustiza, a represión e a
desigualdade.
A precarización laboral, a
temporalización, os baixos salarios, as sobrecargas de traballo, a
falla de garantías xurídicas, a indefensión antes os empresarios,
as horas extras non pagadas, os contratos fraudulentos, a limitación
da negociación colectiva ou a minimización e desvalorización da
seguridade e a saúde laboral, forman parte entre outras moitas
consecuencias, da aplicación dunha reforma laboral neoliberal
despótica e antisocial, destinada literalmente a escravizar e
empobrecer ao conxunto da clase traballadora e a favorecer a unha
minoría empresarial e capitalista, ávida sen límites de ningunha
clase de riqueza e de poder.
Así as cousas, faise necesario e
imprescindible, non só mudar aos Gobernos e aos partidos que
lexislan e gobernan a favor dunha minoría social que acumula
inxustamente mediante o “roubo legal” ou mesmo “ilegal” a
maior parte da riqueza en contra dos intereses e os dereitos da gran
maioría social traballadora, senón que sobre todo, faise necesario
mudar o tipo de políticas que se fan dende os Gobernos
“democráticos” para que dunha vez por todas sirvan honesta e
lealmente aos intereses e necesidades reais da maioría do pobo
galego. Políticas económicas, fiscais, sociais e laborais que
redistribúan a riqueza, que velen polo noso desenvolvemento
económico, que afonden na xustiza social e que establezan un marco
galego de relacións laborais propio, vinculado á nosa realidade
nacional como País e como sociedade. Políticas que defendan a nosa
identidade, o desenvolvemento sostible e equilibrado da nosa economía
e o noso territorio, que defendan o noso patrimonio histórico,
lingüístico e cultural e persigan como obxectivo fundamental elevar
a calidade de vida da nosa xente asegurando unhas condicións de
traballo realmente dignas e seguras para todos os nosos
traballadores/as.
A estas alturas a ninguén se lle
escapa que como consecuencia da reforma laboral e a brutal e inxusta
imposición por parte do PP de políticas neoliberais extremas, as
condicións de seguridade e saúde laboral nas empresas se ten
deteriorado dun xeito altamente preocupante, incrementándose de
maneira constante tanto o número de accidentes laborais como a súa
gravidade sen que até agora se teña producido unha actuación
política eficaz e decidida por parte do PP na Xunta de Galicia nin
do PSOE no Estado para reverter esta escalada de sinistralidade.
Hoxe máis que nunca cumpre ser
consecuentes e actuar con contundencia na defensa dos nosos dereitos,
a nosa saúde e a nosa dignidade, como traballadores/as e como
galegos/as.
Acadar unhas condicións de traballo
dignas e seguras na nosa terra, constitúe un obxectivo irrenunciable
e prioritario no marco da nosa acción sindical. Sen loita, sen
implicación e sen mobilización non hai xustiza nin recompensa. Pola
defensa dos teus dereitos, loita con nós, loita coa Confederación
Intersindical Galega.
Francisco Xabier Cartelle Pérez
Secretario Confederal de Saúde Laboral
Ningún comentario:
Publicar un comentario