Campaña da secretaría das Mulleres da
CIG no Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as
Mulleres
A secretaría das Mulleres da CIG
conmemora este 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación
da Violencia Contra as Mulleres, cunha campaña baixo o lema “A
precarización do traballo nos coidados é violencia machista”,
para denunciar a explotación que está detrás de todas as
actividades relacionadas cos coidados, a súa minusvaloración e a
cada vez maior precarización.
Traballos nos que, tal e como sinala a
secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral,“as mulleres non
só padecen a temporalidade e salarios miserentos, por debaixo do
SMI, senón que mesmo se ven obrigadas a realizar tarefas para as
cales non están contratadas”. Isto, ademais, sen EPI’s, con
problemas de conciliación, acoso sexual nos domicilios, acoso
laboral e por razón de sexo ou concrecións horarias da xornada con
variacións diarias.
“Isto acontece porque o traballo no
fogar e de coidados de persoas dependentes é continuamente ignorado
pola economía capitalista e polos poderes públicos. Ao
mercantilizalos, convertéronse en empregos de segunda, e
desenvólvense en condicións de elevada precariedade laboral,
convivindo desigualdades de xénero, de clase, raciais (ou de etnia).
E lonxe de reducirse, cada vez son máis as empresas que prestan este
tipo de servizos, operando a través de institucións públicas, que
en lugar de ofreceren directamente estas prestacións, privatízanas
mediante subcontratas”, explica Corral.
Toda unha serie de irregularidades que
se cometen “coa complicidade da Xunta, dos concellos e das propias
empresas concesionarias dos servizos”. Por iso a campaña non se
vai cinxir só a denunciar as condicións nos Servizos de Axuda no
Fogar, senón tamén nas residencias de terceira idade, centros de
día, escolas infantís, comedores escolares,nos traballos de limpeza
e de asistencia no fogar, entre outros.
Exixencias da CIG
Margarida Corral lembra que as mulleres
“non participamos en dúas convocatorias de folga o 8 de marzo,
para que non mudara nada. Unha folga que non só foi laboral, senón
tamén de consumo, estudantil e de coidados”. Respecto deste último
lembra que, conscientes das dificultades, “fixemos un chamamento ás
mulleres que non podían facela a que penduraran os seus mandís nas
xanelas das casas, e moitas de nós levamos esta indumentaria ás
mobilizacións esixindo unha revalorización social e laboral do
traballo dos coidados”.
Por iso Secretaría das Mulleres da CIG
achega unha batería de propostas ao goberno, esixindo a integración
no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar de todo o
persoal que traballe nos servizos de axuda no fogar, universalizando
a atención á dependencia con servizos sociais de axuda a domicilio,
centros de día e residencias asistidas de carácter público.
Isto xunto ao recoñecemento pleno dos
dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar
e de coidados no Estatuto dos e das Traballadoras e a súa
integración completa no Réxime da Seguridade Social; salarios
dignos e adecuados ao grao de responsabilidade que esixe o traballo
de coidados e accións formativas específicas para o desempeño dos
postos; garantindo o cumprimento da lei de prevención de riscos
laborais; recoñecendo as enfermidades profesionais e accidentes de
traballo; estabelecendo medidas preventivas e protocolos de actuación
ante o acoso e os riscos psicosociais derivados da actividade.
Porque tal e como di Corral, “todas
as persoas necesitamos e necesitaremos coidados nalgún momento, así
que o estado ten a obriga e o deber de asumir con urxencia a
necesidade de socializar o coidado, recoñecéndoo como un dereito
universal para todas as persoas, e rematando coa inercia social de
que este dependa en exclusiva da familia, e en concreto das mulleres.
Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que
deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e
con escasas retribucións e pasar a ocupar o papel fundamental que
teñen para o desenvolvemento das vidas humanas”.
Concentracións nos concellos e
administracións públicas
A secretaría das Mulleres da CIG
escolleu concentracións, maioritariamente diante dos concellos e das
administracións, “para denunciar a hipocrisía dos gobernos, que
ese día amosarán o seu compromiso contra a violencia machista,
cando están escravizando ás mulleres que dedican a súa vida ao
traballo mal pagado e precario dos coidados” porque, segundo
explica Corral, “queremos quitarlle a careta a eses concellos que o
25-N van facer plenos extraordinarios e pendurar lazos e crespóns
negros nas fachadas deses espazos teoricamente libres de violencias
machistas e son quen precarizan a estas traballadoras”.
A secretaria das Mulleres da CIG sinala
a Estado e Xunta de Galiza como culpábeis da precarización de miles
de mulleres que traballan no sector dos coidados. “Acusamos
directamente a todo un sistema que baixo o eufemismo do benestar,
violenta deliberadamente a miles de mulleres no país; converte as
miserias de moitas en cartos para uns poucos; non fai máis que
espallar a frustración das persoas ás que van dirixidos os servizos
e escraviza as mulleres que neles traballan”.
Margarida Corral denuncia ademais que
se desmantelan os empregos de calidade, que deberían ser públicos,
para sacar a concurso caterings, SAF, xestión de centros de día,
residencias da terceira idade, deixando o rural sen atención
primaria, reducindo os recursos da atención especializada, deixando
sen recursos o ensino público, os servizos sociais, poxando o prezo
do traballo de coidados, sacándollelo ás traballadoras e poñéndoo
ao servizo do capital. “Estamos a falar de miles de mulleres que
son silenciadas, vítimas dunha violencia sistémica, tolerada pola
sociedade”.
Concentracións convocadas pola CIG:
A Coruña, ás 11:30 h diante na Xunta,
Praza Luis Seoane
Ferrol , ás 12 h na praza de
atrás do Concello de Ferrol
Compostela, ás 12:00 h na Xunta, en
San Caetano (fronte á estación de autobuses)
Lugo, ás 11:30 h diante do Concello
Chantada, ás 20 h na Praza de Galicia
Cervo, ás 11:30 h no Centro de Día e
Residencia de San Cibrao
Ourense, ás 11 h diante do Concello
Pontevedra, ás 12 h diante da
Delegación do Goberno
Vilagarcía, ás 12 h na Praza de
Galiza
Vigo, de 11 a 12 h na Praza da Vella
Escola, detrás do Concello de Gondomar
Concentracións do feminismo galego
A Secretaría das Mulleres da CIG
convoca tamén a toda a cidadanía galega a que participe nas
mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e
outros colectivos do feminismo galego en diferentes localidades do
país:
- A Coruña, 20:00 h Obelisco.
- A Estrada, 20:30 h diante do Concello.
- As Pontes, 20.30 h na Praza do Hospital.
- Betanzos, 20:00 h a carón do Palco da Música.
- Carnota , 20:00 h na Praza da Pedra ás 20h
- Celanova, 20:00 h na Praza Maior.
- Compostela, 20:00 h Praza 8 de marzo
- Ferrolterra, 19:00 h no Cantón de Molíns.
- Lugo, 20:00 h diante do Concello.
- Marín, 20.30 h na Praza 8 de Marzo.
- Ourense, 20:00 h diante da subdelegación do Goberno.
- Pontevedra, 20:00 h na Peregrina.
- Ribeira, 20:00 h na Praza do Concello.
- Val Miñor, 20:00 h no cruce da Ramallosa.
- Verín, 20.30 h Praza do Concello.
- Vigo, 20:00 h cruce de Vía Norte con Urzaiz.

Ningún comentario:
Publicar un comentario