O
persoal, que está en folga indefinida dende o 28 de outubro,
volveuse concentrar no concello
Ao
berro de "o público é servizo,o privado beneficio", as
traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Chantada
volvéronse concentrar este martes diante da Casa do Concello en
rexeitamento á decisión do Goberno municipal de privatizar este
servizo básico e para demandar a súa xestión directa, tal e como
se viña facendo até agora.
A
concentración de hoxe forma parte do calendario de mobilizacións
que as traballadoras están a realizar con motivo da folga indefinida
iniciada o pasado luns, 28 de outubro, pero que na práctica o
Concello está a impedir polos abusivos servizos mínimos impostos
(que alcanzan o 95% da actividade) e que xa foron recorridos pola CIG
por vulnerar o dereito fundamental á folga.
Ademais
desta concentración, a CIG ten convocada unha manifestación para o
próximo venres, 8 de novembro, ás 19:00 horas, con saída do local
do sindicato na Praza de Galiza. Aínda que nun principio a marcha
estaba prevista para o sábado, a Subdelegación do Goberno denegou o
permiso alegando que foi censurada pola Xunta Electoral pola súa
posíbel "interferencia no voto" ao coincidir coa xornada
de reflexión.
Neste
senso, dende a UL da CIG de Monforte lamentan que se limite o dereito
á liberdade de expresión e se mesture un conflito laboral coa
campaña electoral "cando o propio sábado todos os xornais,
radios e televisións informarán, con todo detalle, dos actos e
mitins celebrados o día anterior, ademais de dar conta do que fan
nesa xornada as/os diferentes candidatas/os políticos, algo que si
inflúe no voto".
Rolda
de contactos cos grupos políticos
Alén
das mobilizacións, o colectivo de traballadoras do SAF (integrado
por unhas 30 persoas) comezou unha rolda de contactos institucionais
cos partidos da oposición para trasladarlles a súa problemática e
pedirlles que actúen para evitar a privatización do servizo. Deste
xeito, a representación social xa mantivo encontros cos voceiros de
Por Chantada e do BNG, quen amosaron o seu apoio ás demandas das
traballadoras.
A
este respecto, o responsábel da CIG-Monforte, Xosé Manoel Silva,
lamenta que a concelleira de Servizos Sociais, Cándida Carnero, "non
saia a defender a calidade asistencial, os postos de traballo e as
condicións laborais no Servizo de Axuda no Fogar (que dependen
directamente da súa responsabilidade) coa mesma forza e interese que
fixo cando hai uns anos se puxo detrás da pancarta coas
traballadoras do centro de día de Chantada".
Daquela,
Carnero non dubidou en saír na defensa dos postos de traballo, cando
a Xunta do PP pasou a rede de centros do Consorcio de Igualdade e
Benestar á Axencia Galega de Servizos Sociais sen garantir a
totalidade dos empregos. Curiosamente, aquela protesta tamén estaba
convocada pola CIG. "Mais pola contra, agora é a concelleira
quen promove a privatización dun servizo público básico para
ducias de veciños e veciñas, baixo a insólita escusa de que "é
moi complicada a súa xestión" e cando se está negociando unha
Relación de Postos de Traballo na que se inclúen os 29 postos do
SAF", critica Silva.
Privatizar
para precarizar
As
traballadoras e a CIG reclaman unha vez máis ao Goberno de Chantada
que dea marcha atrás na súa decisión e abandone as privatizacións
de servizos públicos que a experiencia xa ten abondo demostrado
que só traen maior precariedade, maiores custes económicos e unha
menor calidade asistencial.
Non
hai máis que botar un ollo aos medios de comunicación para ver os
continuados problemas laborais e asistenciais que existen nos
concellos do país que teñen privatizado este servizo, por non falar
dos reiterados incumprimentos do cativo convenio colectivo de axuda a
domicilio por parte das empresas do sector, que buscan facer negocio
a conta de explotar as traballadoras e sen preocuparse o máis mínimo
pola calidade asistencial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario