O
Goberno do PSOE en funcións a proposta da Secretaría de Estado para
o Emprego, que preside a Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no
Traballo (CNSST), pretende incrementar os límites de exposición
profesional no traballo a tres axentes canceríxenos, entre outros ao
de sílice cristalina respirable, presente en multitude de procesos
produtivos no noso País. As partículas deste material son as
causantes do aumento de traballadores enfermos e falecidos por
silicose, enfermidade na que nos últimos anos Galiza é líder a
nivel do Estado, converténdose na nosa terra na principal
enfermidade profesional. Coma sempre o Estado español velando polo
benestar e a saúde dos traballadores galegos.
A
pesares da evidencia científica de que unha maior exposición ao po
de sílice de cuarzo (ou sílice cristalina) provoca silicose e
aumenta a prevalencia do cancro de pulmón, o último borrador do
Real Decreto que modificará o Real Decreto 665/1997 duplica os
valores máximos de exposición, en contra do criterio do propio
Instituto Nacional da Seguridade e Saúde no Traballo, o órgano
científico técnico da Administración para a prevención de riscos
laborais. A proposta da Secretaría de Estado para o Emprego tamén
duplica os límites de exposición ao bromoetileno e triplica o da
acrilamida.
O
incremento deste límite supón na practica un significativo e
inxustificado cambio de criterio na tramitación do borrador de Real
Decreto, xa que o borrador anterior mantiña o límite actual, fixado
dende o ano 2015 nun Valor Límite de Exposición Profisional (VLEP)
de 0,05 mg/ m3/xornada de traballo, seguindo o criterio técnico
estabelecido no seu momento polo INSST. Pola contra, o novo borrador,
prevé duplicar a concentración máxima de po de sílice cristalina
á que pode expoñerse un traballador, subindo este valor ata os 0,1
mg/m3/xornada laboral.
Esta
sen dúbida é unha decisión “política” propia do peor e máis
ruín neoliberalismo, que non ten en conta o contrastado e rigoroso
traballo técnico realizado polo INSST nesta materia. Ante esta
delirante, inxustificada e perigosa decisión a Confederación
Europea de Sindicatos (ETUC) procedeu a dar a voz de alarma,
difundindo este pasado día 22 de outubro un contundente comunicado a
través do cal solicita ao Goberno español en funcións do PSOE "que
non sacrifique a saúde dos traballadores".
Aínda
que distintas fontes do Ministerio de Traballo, Migracións e
Seguridade Social afirman que "non existe unha redacción
definitiva" do Real Decreto e que "o asunto aínda non se
trasladou ao Consello de Estado", resulta evidente que é
urxente e necesario proceder á revisión destes valores antes da
aprobación definitiva do Real Decreto en elaboración no Consello de
Ministros. Non valen nin son admisíbeis os argumentos proporcionados
polas patronais empresariais alegando que a imposición nesta materia
de normas máis restritivas no Estado español irían en detrimento
da capacidade competitiva das empresas españolas. Unha vez máis o
poder político someténdose ao poder empresarial a costa neste caso
de aumentar substancialmente o risco de que os traballadores sufran
silicose e cancro de pulmón.
O
cambio de criterio adoptado pola Secretaría de Estado para o Emprego
tras as alegacións presentadas polas patronais españolas, escúdase
tamén entre outros argumentos en que a Directiva Europea 2017/2398
obxecto de trasposición, fixa o valor máximo en 0,1mg/m3/xornada
laboral, esquecéndose intencionadamente que a presente Directiva
permite aos Estados reducir ou manter os VLEP que xa eran inferiores,
como é o caso do Estado español. Tal é así, que o informe
achegado polo INSST no proceso de tramitación da norma estatal
explica que as empresas españolas "xa deben de aplicar medidas
de control para reducir os niveis de exposición a valores por baixo
de 0,05 mg/m3", polo que recomendaba manter este tope.
Así
mesmo o documento do INSST alertaba de que existe un maior risco de
padecer cancro de pulmón "ao aumentar a exposición e a
duración da exposición" ao sílice de cuarzo. O organismo
sinalaba que a prevalencia do cancro vincúlase á silicose e aumenta
canto máis grave é esta enfermidade. Téñase en conta que a OMS
estabelece en 0,04 o valor limiar suxerido para evitar a silicose,
polo que os técnicos pedían que cando menos se mantivese o límite
do 0,05.
A
pesares de todo isto, o Ministerio de Traballo, Migracións e
Seguridade Social a través da Secretaría de Estado para o Emprego
decidiu ceder ás presións empresariais e ignorar este criterio,
aceptando as alegacións presentadas polas mutuas e as organizacións
patronais, integradas por un total de 42 empresas, a Confederación
Española de Organizacións Empresariais (CEOE), a Confederación
Española da Pequena e Mediana Empresa (CEPYME) e a Asociación de
Mutuas de Accidentes de Traballo (AMAT).
Dende
a Confederación Intersindical Galega reclamamos que o PSOE
rectifique a proposta empresarial instrumentalizada por unha
Secretaria de Estado para o Emprego que a primeira de cambio amosa ás
claras a súa falta de criterio e a súa febleza fronte ás presións
empresariais, demostrando abertamente non estar nin profesional, nin
eticamente preparada para sobrelevar coa dignidade e integridade
necesarias tan importantes responsabilidades, nas que se inclúen a
defensa da seguridade e a saúde dos traballadores, fronte aos que so
pretenden enriquecerse aínda que sexa a costa da vida das persoas.
Gabinete
Técnico Confederal de Saúde Laboral (CIG)
Ningún comentario:
Publicar un comentario