29/01/20

Reunión ordinaria do Comité de Empresa

O resumo da reunión ordinaria do Comité de Empresa ben podería ser a frase "non teño nada que dicir", xa que non só o presidente do Comité de Empresa se nega a responder as preguntas do resto dos delegados e indica que as responde a secretaria , senón que esta o único que dixo á case totalidade das propostas da CIG foi que non opinaba e nin sequera sometían a votación os acordos que propuxo a CIG.

Varias das propostas que levou a CIG á reunión do Comité partiron de traballadores e por iso consideramos necesario informarvos do resultado das propostas máis relevantes de acordo que levou a CIG a esta reunión:

DELCOLGUES SALARIAIS E LABORAIS DO CONVENIO COLECTIVO

A CSIF negouse a que o Comité lle comunique ao Concello que o Comité non está de acordo con que o persoal municipal non cobre ao abeiro do Convenio colectivo nin teña as condicións laborais recollidas neste. Nin sequera quixeron votar a proposta de acordo e impediron que o Comité de posicione, deixando patente que están de acordo con que, por exemplo, o persoal dos obradoiros de emprego cobre menos que o resto do persoal, e menos que o salario mínimo interprofesional que se vén de acordar a nivel estatal.

INCUMPRIMENTOS DOS ACORDOS DO CONVENIO COLECTIVO

No que respecta a varios artigos do Convenio colectivo que o goberno municipal vén incumprindo desde o ano 2017, negáronse a que o Comité de Empresa lle manifeste unha queixa ao Concello e a transmitirlle o malestar dos representantes dos traballadores laborais por estas inxustizas. Para eles, o convenio colectivo ben incumprido está.

RECLASIFICACIÓN DO PERSOAL LABORAL

Non permitiron o debate que propoñía a CIG para que o Comité de Empresa lle propuxese ao Concello de Betanzos que inicie un proceso de reclasificación dos postos do persoal laboral ao abeiro do Convenio colectivo, en concreto, e pola reclasificación das titulacións logo do TREBEP, dos postos de técnico especialista en electricidade, electricista, delineantes, técnico/a de xardín de infancia, técnico/a de son. A CSIF negouse a votar a proposta e impediu que o Comité de Empresa leve adiante esta iniciativa. É posible que detrás desta negativa estea que a reclasificación supón un incremento das retribucións do persoal laboral e por todos é sabido que a finalidade defendida polo sindicato dos funcionarios nas mesas de negociación é que cómpre retirar aos laborais a un lado, para que os cartos da subida salarial que propón a RPT, por exemplo, se repartan non só entre menos traballadores, senón case exclusivamente entre o persoal funcionario e casualmente nunha medida importante entre a Policía Local.

ACORDO SOBRE O O,3% DA MASA SALARIAL DOS ORZAMENTOS 2020

A CIG levou como punto de urxencia que o Comité de Empresa lle propuxese ao Concello que o 0,3% da masa salarial se destinase á equiparación de complementos de destino do persoal laboral e do funcionariado. Soprendentemente a CSIF votou a favor e o Comité de Empresa, pois, solicitaralle ao goberno que ese 0,3% de suba da masa se poida distribuír exclusivamente na mellora salarial do persoal laboral.

ACORDO SOBRE AS AXUDAS SOCIAIS DO ANO 2019

A CIG propuxo que o Comité lle solicitase de inmediato ao Concello que publique e convoque as axudas sociais do ano 2019, a proposta foi votada por unanimidade, aínda que os delegados da CSIF xa indicaron que eles non acudirían á Inspección de Traballo aínda que o Concello non as convocase proximamente.

A CIG continuará a levar propostas en positivo sobre melloras para o persoal ao Comité de Empresa a pesar de que o presidente, Santiago Ois, se negue sequera a debatelas e votar, e deixe de manifesto que a única intención do sindicato dos funcionarios no Comité de Empresa é facer de monicreques do goberno municipal ao servizo duns poucos e en contra da maioría, así como inhabilitalo para que non se produza ningún tipo de proposta de temas laborais de relevancia por parte do organismo de representación do persoal laboral, nin de denuncia nin reclamación que lle sente mal ao goberno de María Barral, para que quede máis claro que o único que importa é a promoción da Policía Local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario