Pide medidas que impidan ás empresas
aproveitar as circunstancias para impor ERTE ou ERE
A CIG trasladou esta tarde as súas
valoracións a respecto das medidas a adoptar diante da pandemia de
coronavirus, na xuntanza convocada polos conselleiros de Sanidade e
Economía, Emprego e Industria. Neste sentido o secretario xeral,
Paulo Carril, insistiu na necesidade de transmitir serenidade, trazar
unha axenda galega, sen agardar ás decisións que se adopten en
Madrid, garantir medidas de protección para todas as traballadoras e
traballadores e impedir que os cambios nos sistemas de traballo que
se introduzan como medida de prevención menoscaben os dereitos e
condicións laborais.
O secretario xeral comezou subliñando
a necesidade, sendo desde a CIG conscientes da dificultade, de facer
un esforzo en pedagoxía social para transmitir tranquilidade, fronte
o alarmismo que está instalado na sociedade. “Que todas políticas
de prevención e todas as cautelas e decisións que se adopten sexan
explicadas para que se manteña a serenidade”, apuntou.
Xunto a isto, recalcou a necesidade de
que se reforcen con persoal e medios os centros sanitarios,
hospitalarios e os propios servizos de prevención do ISGA.
Ademais emprazou a articular unha
dinámica propia en Galiza, “tendo en conta que non somos das zonas
máis afectadas, o que nos permite ter unha perspectiva propia e
aproveitarmos a oportunidade para irmos por diante do que poida
decidirse no ámbito do Estado”.
Reforzo da prevención
A partir de aí, Carril apuntou a
necesidade de actuar fundamentalmente no ámbito da prevención e
“preservar que haxa as mesmas medidas de protección para os
traballadores e traballadoras, tanto das empresas principais como das
empresas auxiliares, garantindo que estean en igualdade de condicións
e dispoñan dos mesmos medios”.
Para o secretario xeral da CIG é
esencial, ademais, que todas aquelas medidas que se articulen
vinculadas a teletraballo, modificacións de xornada ou cambios
relativos aos sistemas de traballo, “non sexan aproveitados polas
empresas para impor recortes de dereitos ou deteriorar as condicións
laborais”.
Regulación insuficiente
Xunto a isto, considerou que a
regulación que está a facer o Estado para os casos de traballadoras
ou traballadores afectados xera situacións que “prexudican máis
que protexen aos traballadores/as”, nomeadamente a continxencia que
causa unha incapacidade temporal. A este respecto subliñou que “ten
que garantir unha prestación equivalente aos salarios que se cobran
por parte dos traballadores e das traballadoras, contemplando os
complementos salariais dos convenios colectivos en función de como
se cualifique a baixa porque “tal e como os ten definido no
Ministerio de Traballo pode provocar que haxa traballadores que
cobren por esta continxencia menos que o que lle corresponde por
convenio colectivo”. Por iso demandou que, desde Galiza se fagan ao
Estado propostas que vaian nesa dirección.
Canda isto apuntou a alarma social que
xeran as posibles afectacións en centros educativos e, sobre todo,
as dificultades para nais e pais, nomeadamente no caso de familias
monoparentais, da suspensión da actividade lectiva.
Por iso demandou que se prevea “que
permisos especiais e que protección se lles dá a pais e nais para
poder exercer ese deber inexcusábel da tutela efectiva das crianzas,
porque non se pode pretender que sexan os avós e avoas quen os
coiden sendo a poboación de maior risco”.
Efectos colaterais
Paulo Carril advertiu ademais dos danos
que poidan derivar deste virus, en caso de falla de materias primas e
subministros, e exixiu que “non sexan aproveitados polas empresas
para aplicar ERES, ERTES ou descolgues salariais, garantindo a
necesaria protección para as traballadoras e traballadores”.
Fronte a isto propuxo que se demande do Estado unha solución que non
prexudique ás traballadoras e traballadores.
O secretario xeral da CIG trasladou
ademais a proposta de que sexa a administración pública galega
“pioneira” e “modélica” no establecemento dos mecanismos
necesarios para facilitar a reordenación do traballo na
administración pública sen merma de dereitos e promovendo a maior
prevención posíbel cara evitar o contaxio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario