11/03/20

GUÍA PARA A ACTUACIÓN NO ÁMBITO LABORAL EN RELACIÓN AO NOVO CORONAVIRUS


Tal e como se manifesta nesta Guía, o obxectivo do presente documento é facilitar a información necesaria sobre a aplicación da normativa laboral en relación coas diferentes situacións nas que poden atoparse as empresas e as persoas traballadoras.

Se ben é certo que a elaboración desta Guía non contou (como ven sendo habitual por parte do Ministerio de Traballo) coa colaboración da Confederación Intersindical Galega (CIG), a pesares de ser nós unha organización sindical que obstenta a consideración e calificación de organización sindical máis representativa e ser a organización sindical maioritaria no ámbito da Galiza; non é menos certo que o que a guía pon enriba da mesa, básicamente non é máis que certas referencias ao actual marco legal en materia de prevención de riscos laborais e unha serie de declaración de intencións de cubrir con fondos públicos as cotizacións á Seguridade Social no caso de que a actividade das empresas quedara suspendida xustificadamente a causa dos risco obxectivo de contaxio por causa do coronavirus.

Así as cousas, o Ministerio de  Traballo e Economía Social, contempla nesta Guía a posibilidade de parar a actividade nas empresas se existe risco de contaxio por coronavirus, sinalando que se trata dunha medida guiada por un "único propósito", o da "prevención da saúde", e que "para unha democracia este é o ben principal".

O documento lembra que, de acordo coa Lei de Prevención de Riscos Laborais, ante unha posible exposición a un risco grave e inminente, as empresas deben informar canto antes e adoptar medidas necesarias para interromper a actividade e, se fose necesario, abandonar de inmediato o lugar de traballo.

Neste senso, a Guía sinala que os propios traballadores/as, a través da súa representación unitaria ou os delegados/as de prevención, poden acordar a paralización da actividade polo risco de contaxio. 

Como xa sinalamos anteriormente, a realidade é que neste caso o disposto na Guía non fai máis que recoller o establecido na propia lexislación laboral (risco grave e inminente), querendo cumprir este documento o propósito de ofrecer unha referencia con aval institucional para ofrecer maior seguridade e tranquilidade legal aos traballadores/as e os seus representantes, así como aos empresarios, á hora de tomar decisións na empresa de distinto alcance (suspensión da actividade, teletraballo, redución de actividade, restricións preventivas doutro tipo), cando se trate de preservar a saúde e a integridade dos traballadores/as ante un risco grave e inminente de contaxio por coronavirus.

A propia Guía para a actuación no ámbito laboral en relación ao novo coronavirus, insta ás empresas a realizar unha "interpretación restritiva" do concepto "grave e inminente" e lembra que "a mera suposición ou a alarma social xerada non son suficientes".

Segundo esta Guía do Ministerio de Traballo "A Tesourería Xeral da Seguridade Social poderá exonerar ao empresario do abono de cotas da Seguridade Social e por conceptos de recadación conxunta mentres dure o período de suspensión, manténdose a condición do devandito período como efectivamente cotizado polo traballador". É dicir, se unha compañía vese obrigada a rexistrar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) e pode xustificar que o fai por forza maior, a empresa non deberá asumir as cotizacións e ao traballador/a contaralle como que non deixou de cotizar. O custo asumiríao o erario público. Así mesmo no caso de que a empresa vírase obrigada a despedir a empregados/as, as indemnizacións asumirías o Fondo de Garantía Salarial.
A Guía lembra tamén que, dentro da normativa laboral, existe a posibilidade de recorrer ao teletraballo e aos ERTE para reducir ou suspender total ou parcialmente a actividade da empresa no caso de que sexa necesario.

Se algunha empresa afectada polo coronavirus paraliza a súa actividade sen tramitar un ERTE, os empregados/as conservarán o dereito ao seu salario. No caso de que o ERTE sexa por forza maior (illamento forzoso ou peche por decisión da autoridade sanitaria) será necesaria a previa autorización da autoridade laboral.

Se o ERTE xustificase por causas organizativas, técnicas ou de produción (falta de subministracións ou descenso da demanda) deberase tramitar conforme ao previsto na lei. A Guía insta ás empresas a abordar acordos colectivos ou individuais "de carácter excepcional" para promover o teletraballo sen que este supoña custo algún para os traballadores/as.

Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral


Ningún comentario:

Publicar un comentario